‘As Noites de María Pita’ recibirán este sábado, día 15, a unha das figuras do flamenco actual, o cantaor Israel Fernández, que actuará ás 22.00 horas na citada praza nun concerto gratuíto. Considerado un dos artistas máis destacados da escena flamenca contemporánea, Israel Fernández presentará na Coruña un espectáculo que percorre os principais fitos da súa discografía e no que conflúen o respecto pola tradición flamenca e unha visión renovadora do xénero.
Natural de Toledo, Israel Fernández consolidouse como unha das voces máis recoñecidas do flamenco contemporáneo “grazas á súa capacidade para unir a esencia máis pura do cante coa innovación sonora”. No concerto na Coruña, estará acompañado polo guitarrista Diego do Morao e pola súa formación habitual, integrada por Ané Carrasco á percusión e Pirulo e Marcos Carpio ás palmas e coros.

