O Concello da Coruña abriu o prazo para solicitar o Bono Taxi 2027, unha axuda destinada a facilitar os desprazamentos das persoas con discapacidade con dificultades para usar o transporte público. A convocatoria conta cunha dotación de 180.000 euros e estará aberta ata o 9 de novembro, incluído.
Tal e como trasladou o Goberno municipal, o programa busca favorecer a autonomía persoal e facilitar a mobilidade cotiá das persoas beneficiarias, ofrecendo unha alternativa de transporte adaptada ás súas necesidades.
Así, o crédito dispoñible distribuirase a partes iguais entre as persoas que cumpran os requisitos da convocatoria, cun importe máximo individual de 1.000 euros.
Neste sentido, a edila de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, puxo en valor a importancia de manter este recurso municipal para as persoas que atopan maiores dificultades nos seus desprazamentos.
“O Bono Taxi permite que moitas persoas poidan realizar actividades cotiás, acudir a citas ou desprazarse pola cidade con maior autonomía. O Goberno municipal busca que as dificultades de mobilidade non supoñan un obstáculo engadido para participar na vida da Coruña”, sinalou.
Poderán solicitar estas axudas as persoas maiores de tres anos que residan e estean empadroadas na Coruña e teñan recoñecida oficialmente unha discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade e impídalles utilizar o transporte público colectivo.
Entre os requisitos tamén figuran non ser titular dun vehículo e cumprir os límites económicos establecidos nas bases, fixados no 210 % do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), así como as restantes condicións da convocatoria.
As solicitudes poderán presentarse de forma telemática a través da sede electrónica municipal ou presencialmente nos rexistros municipais de María Pita, Fórum Metropolitano e Centro Sociocultural Ágora.

