A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, cualificou de “desfachatez absoluta” as partidas que os orzamentos da Xunta para 2027 destinan á cidade e reclamou máis investimento na construción do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), en vivenda pública e en reformas integrais dos centros educativos. “É unha desfachatez absoluta o que fai a Xunta cos orzamentos para A Coruña”, afirmou a preguntas dos xornalistas. “Levan facéndoo toda a vida, pero é que agora é máis sangrante”, engadiu.
A rexedora criticou, entre outras cuestións, a falta de políticas de vivenda pública do Goberno galego e a situación do novo Chuac, que, segundo afirmou, “non só non está empezado, senón que leva un atraso moi considerable”. “E, agora, recortan a partida orzamentaria que teoricamente estaba prevista para este ano”, incidiu. “Non hai nada que celebrar e vou seguir reclamando para A Coruña o investimento que ten que facer a Xunta”, reiterou. Ademais, considerou “unha tomadura de pelo que o Partido Popular saque peito con estes orzamentos”, que cualificou de “vergonza”.
O PP REPROCHA A REY QUE MANTEÑA PRORROGADAS AS CONTAS MUNICIPAIS
Pola súa banda, o portavoz municipal do PP, Miguel Lorenzo, criticou o “dobre criterio” de Inés Rey neste asunto. “Chama moito a atención que unha alcaldesa que non é quen de sacar adiante os seus orzamentos, que os ten prorrogados e non é quen de executalos, agora critique unha administración que é quen de facer en prazo e forma uns orzamentos”, afirmou.
DISCREPANCIAS POLA RETIRADA DO NOME DUN ALCALDE FRANQUISTA DUNHA RÚA
Por outra banda, Rey defendeu o cambio de denominación da actual rúa Alcalde Sanjurjo de Carricarte, rexedor franquista, que pasará a chamarse Diplomáticos de Monte Alto, e trasladoulle os seus parabéns á formación musical. A proposta foi aprobada este luns na Comisión de Honras e Distincións, co respaldo do PSOE e do BNG e o voto en contra do PP. Neste sentido, a alcaldesa apuntou que o Partido Popular “non destaca pola súa defensa da memoria democrática e pola recuperación da memoria daqueles que foron represaliados pola ditadura”.
Preguntado por este asunto, Lorenzo explicou que a súa formación está “a favor” de dedicarlle unha rúa á banda. “Niso non nos opoñemos”, recalcou. Con todo, expresou o seu desacordo con que “se lle quite unha rúa a un alcalde da Coruña que estivo no franquismo porque foi a época que lle tocou” e que, segundo defendeu, “fixo moitas cousas por esta cidade”. “Non atopo razón para que se lle quite unha rúa”, insistiu.

