Presentouse hoxe a xira galega de ‘As Cigarreiras’, o grande espectáculo musical e teatral promovido pola Banda Municipal de Música da Coruña e Cántigas da Terra, que se representará no Palacio da Ópera o vindeiro 19 de novembro.
No acto estiveron presentes a alcaldesa Inéa Rey; Juan Miguel Romero Llopis, director da Banda Municipal da Coruña; Luis Bolón, director musical de Cántigas da Terra; Camilo Franco, director de Culturgal; Isabel Risco, actriz protagonista do espectáculo; e Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Un xeito, como xa fixeron na representación na Semana Clásica das Festas de María Pita 2025, de recuperar memoria das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Palloza e da revolta protagonizada polas cigarreiras en 1857, considerada unha das primeiras loitas sindicais lideradas por mulleres en Europa.
Unha gran representación
Máis dun cento de artistas participan en As Cigarreiras, unha intensa produción que combina música sinfónica, canto coral, teatro e danza para recrear a historia das traballadoras da antiga Fábrica de Tabacos. A proposta reúne sobre o escenario a Banda Municipal de Música da Coruña, o Coro Galego Cántigas da Terra e o Grupo de Baile Santaia, ademais dun destacado elenco interpretativo encabezado por Isabel Risco.
A obra recupera e actualiza o xénero da estampa galega para render homenaxe ás mulleres que protagonizaron a revolta do 7 de decembro de 1857, un episodio fundamental da historia social e laboral da cidade. A través da música, do teatro e da danza, o espectáculo percorre
a historia da fábrica e das súas traballadoras, ao tempo que reivindica a memoria dun acontecemento clave para o movemento obreiro.
A obra representarse tamén no Pazo da Cultura de Pontevedra o día 26, dentro da programación de Culturgal.
Entradas
Os convites para o espectáculo do Palacio da Ópera están xa dispoñibles dende as 13.00 horas deste martes 20 de outubro en Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense.
Cada persoa pode retirar ata cato convites.
Desterradas no Ágora

>En paralelo, a Asociación veciñal Agra, programa a representación de “As desterradas”, de Carmen Varela (25 Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais), de Producións Teatráis Excéntricas, baixo a dirección de Quico Cadaval, para este sábado 24 de outubro ás 19:30 h no auditorio do Centro Ágora.
Unha historia de resistencia protagonizada por unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño que mantivo unha valente e desigual pelexa cos grandes poderes do seu tempo: a coroa e o papado.
Como todas as actividades do programa “Agra no Ágora”, esta función é de acceso libre e gratuíto.
Outras novas

