Renfe anunciou que eliminará o suplemento que ata agora debía abonarse polo transporte de bicicletas sen desmontar, así como a reserva previa de asento nalgunhas relacións de Media Distancia e Rexionais, a partir do próximo 12 de decembro.
Tamén suprimirá o suplemento para mascotas de ata 10 quilos en transportín e cans de ata 40 quilos, algo que xa se aplicaba para tarifas T1 (orientada a desprazamentos con máis paradas e, por tanto, maior tempo de viaxe) e irase estendendo ao resto estes servizos nas próximas semanas.
Coa eliminación da reserva de asento, a compañía busca facilitar un proceso de compra e acceso máis áxil para os viaxeiros, posto que xa non necesitarán dispor dunha praza numerada para utilizar estes trens, como sucede noutros desprazamentos de proximidade e con servizos comparables no resto dos países europeos, segundo explica nun comunicado.
“Este cambio responde as necesidades e preferencias de mobilidade identificadas entre os usuarios destes servizos, que demandan unha maior flexibilidade nos seus desprazamentos cotiáns”, argumenta.
As relacións nos que xa non se reservará asento son A Coruña-Vigo, incluíndo servizos con orixe ou destino en Santiago e Vilagarcía; A Coruña-Ferrol; Alacante-Murcia-Cartaxena; Cáceres-Valencia de Alcántara; Badaxoz-Villanueva de la Serena, incluídos na relación Madrid-Puertollano-Badaxoz; Mérida-Zafra, incluídos na relación Madrid-Plasencia-Sevilla; Burgos-Vitoria-Pamplona-Zaragoza; Valencia-Teruel-Zaragoza; e Salamanca-Valladolid-Palencia.

