A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria da nova liña de axudas para profesionais autónomos consolidados, destinada a sufragar con ata 2.400 euros parte das súas cotas á Seguridade Social deste ano.
Todas as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde este venres e ata o 25 de outubro, ata as 14.00 horas, a través da plataforma de tramitación telemática de subvencións.
Poderán ser beneficiarias todas as persoas autónomas que conten cun mínimo de cinco anos continuados de actividade empresarial e domicilio fiscal nun concello de menos de 10.000 habitantes da provincia da Coruña.
“E que non estean a percibir outras axudas públicas ou privadas para sufragar as súas cotas sociais”, sinala a institución provincial sobre as mesmas.