Singular iniciativa a do Restaurante Berek.et. O restaurante celebra un ano e quere celebralo dunha forma moi especial. Levan “sufrindo” durante varios meses (dende xuño) as obras da Rampa Matadoiro (e tamén do edificio contiguo), pero confían en que a peonalización da súa rúa permita poder gozar despois dunha vía sen coches moito máis agradecida.
A pesar das inevitables incomodidades foron días de convivencia e bo ambente cos traballadores da obra, así que os responsables do restaurante tivérono moi claro: toca brindar cos traballadores da empresa que está a executar a reforma e humanización esa rúa.
Así, este venres 27 de setembro, cando a xornada laboral destes conclúa, sobre as 17.30 horas, o equipo do restaurante servirá cócteles e hamburguesas á quincena de traballadores da empresa que está a remocicar ese espazo público. Tamén estarán convidados algúns dos seus veciños máis próximos, o persoal de “La Rampa Garaje”, a tenda de reparación de táboas de surf lindeiro, e “El Spot”, o quiosco de prensa, cafés de especialidade e artigos de surf que acaba de inaugurarse.