O persoal docente e de administración da Escola Municipal de Música da Coruña concentrouse na tarde do pasado martes diante do centro educativo polo deterioro que continuo que padece o edificio, situado na rúa Hércules, dende hai uns anos, por mor da falta de partidas propias e autonomía de funcionamento.
Os mestres puxeron o acento no deterioro das instalacións, na falta de mantemento e renovación dos materiais e instrumentos, ou nas deficiencias dun edificio no que a humidade é a gran compañeira.
A través da CIG, reclaman a xestión directa por parte do Concello, e que se lle asigne o orzamento necesario para ofertar unha ensinanza pública de calidade.
Lembran que o contrato-convenio co Consorcio da Música se atopa neste momento coa prórroga rematada, e que aínda non se recibiron os 250.000 euros pactados entre PSOE e BNG para a EMM neste 2024.
🎼Persoal da Escola de Música concéntrase para reclamar a xestión directa do Concello da #Coruña
📢Demandan orzamentos suficientes para garantir a calidade educativa e que se respecte o convenio colectivo
ℹ️ https://t.co/Xs4ZMEfmZg pic.twitter.com/ZMQWnc0hFn— CIG (@galizaCIG) September 25, 2024
Os mestres volverán concentrarse no Consorcio para a Promoción da Música (ente ao que está adscrito a escola) e diante do Concello da Coruña.
Por outra banda, o persoal tamén demanda que se cumpra co convenio colectivo no referente ao pago dos atrasos polo cambio de categoría do profesorado, o pagamento do complemento social e a reformulación en positivo dos trienios.
Dende o propio BNG (o edil David Soto participou na concentración) lamentan que “o Goberno Local incumpra o compromiso asinado”. “O Goberno Local non só incumpre co BNG, incumpre tamén co profesorado e o alumnado da Escola Municipal de Música, o que loxicamente está a dificultar o desenvolvemento dun proxecto educativo e musical que ao longo dos últimos 25 anos ten conquistado un merecido prestixio”. O grupo levará o asunto ao pleno do 3 de outubro.