InicioM.AMBIENTE E PATRIMONIOPrestige, lumes... A Coruña amosa en imaxes as cicatrices da paisaxe galega

Prestige, lumes… A Coruña amosa en imaxes as cicatrices da paisaxe galega

Publicada o

Por editor
Xusto 20 anos despois, o fotógrafo Julián Barón (Valencia, 1978) presentará a partir do 4 de novembro na sexta edición de FFoco o proxecto O desengano, que foi realizado orixinariamente ao pé dos acontecementos que rodearon á crise do petroleiro. Esta exposición chegará acompañada do fotolibro do mesmo título, editado por Alauda Negra. “Un proxecto viscoso” en definición do propio autor, impreso en tinta branca sobre papel negro.
Xunto ao de Barón, outros traballos que evidencian as cicatrices provocadas na paisaxe galega pola explotación dos seus recursos naturais centrarán a programación do Festival, que volve ter á coruñesa Fundación Luís Seoane como sede central. En Zona de Sacrificio a fotógrafa Catara Rego (Lugo, 1996) retrata aquelas áreas xeográficas nas que o aproveitamento da auga, a terra e o vento modificaron durante décadas o territorio, asumido pola autora como unha forma de identidade.
Pola súa banda, Rosa Veiga (Ourense, 1965) apunta co seu cámara a outro desastre ambiental que, verán tras verán, arrasa Galicia: os incendios. Beatriz García (Madrid, 1979) reflexiona en Lousas sobre a industria da lousa na comarca de Valdeorras, motor de vida na zona á vez que símbolo de contaminación e discrepancia entre os propios veciños. E Blas González (Caracas, 1962) segue en Cadernos da Limia o rastro dunha brecha que aínda sangra na paisaxe desta comarca ourensá e na memoria dos seus habitantes: a desecación nos anos 60 da lagoa de Antela, humidal de alto valor ecolóxica e natural.
Laure Mojo (Santiago de Compostela, 1985) deixa ao descuberto as súas propias feridas en Autoconstrucción, un traballo sobre o proceso que levou ao seu pai a experimentar un cambio drástico, físico e mental. En paralelo, Marius Scarlat (Romanía, 1993) reflicte onde os cans non ladran o mundo propio construído pola súa avoa Vasilica e o seu tío Gigi, que se refuxia no alcol, nunha historia ambientada nun pobo de Romanía, pero que por estética, e a pesar das distancias, evoca en todo momento a Galicia.
Completan este apartado Bernardo Villanueva (Castrelo de Miño, 1970) e Ton Arias (Allariz, 1965). O primeiro con Grandes éxitos, unha selección da súa creación fotográfica dos últimos anos: imaxes case sempre en cor e con técnica analóxica e en cuxo fondo permanece a cidade da Coruña como escenario; mentres que Arias profunda en Raza na realidade social do rural galego.
En canto ás actividades, o Festival propón un debate en torno ao poder dos medios de comunicación na súa relación coa imaxe. Para iso, proxectarase o traballo Xeración Perdida, de Adra Pallón (Lugo), que recolle os anos de convivencia entre o autor e veciños da súa localidade natal en risco de exclusión social.
Ademais, o colectivo fotográfico multidisciplinar Ollo Photo, de recente creación, realizará unha presentación comentada do seu traballo, centrado na creación, divulgación e difusión de historias relevantes para a sociedade.  Tamén na Fundación Seoane celebrarase o sábado 5 de novembro una das propostas máis emblemáticas do Festival: unha feira editorial que reúne aos principais selos especializados en fotografía, entre eles, Alauda Negra, AmordeMadre, Bartlebooth, Colectivo Juan Nadie, Dispara, Estraperlo, A Cova, A Mosca, Llamp, Papel de Calzón e SOLAR.

ÚLTIMAS

O Concello da Coruña prepara os trámites para a intervención na vivenda tras declararse mercado tensionado

O Concello da Coruña ultima os trámites para actuar no mercado do aluguer tras...

Investigan un aviso de bomba no CHUAC que acabou sendo unha falsa alarma

A Policía Nacional investiga a autoría dun aviso de bomba no complexo hospitalario coruñés...

Xuíces da Coruña rexeitan crear unha praza de Violencia sobre a Muller “a costa” de Instrución

Xuíces e xuízas dos órganos de Instrución da Coruña alertaron de "prexuízos moi considerables"...

O BNG da Coruña pide a cancelación do concerto de Diego ‘El Cigala’, condenado por violencia de xénero

O BNG pediu ao Concello da Coruña que cancele a actuación de Diego 'El...