InicioOPINIÓNA escaseza de profesionais na sanidade pública galega: o que non che...

A escaseza de profesionais na sanidade pública galega: o que non che contan

Publicada o

Por Javier López Moríñigo

O pasado 22 de Decembro do 2021 (hai máis dun ano!) enviei a carta que poden ler máis abaixo ao Presidente da Xunta de Galicia, entón Alberto Nuñez Feijoo. Aínda que recibín confirmación da recepción da mesma, nunca obtiven unha resposta. Tamén acudín á Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, non puidendo tomarse accións dende esta institución ao non presentarme ao exame da OPE do SERGAS 2021. Segundo a Valedora do Pobo, é despois do exame, non antes, cando faise a baremación da OPE. Por esta razón, a miña queixa foi arquivada. Sen máis.

Se decide ler a carta, no derradeiro parágrafo entenderá mellor por que faltan profesionais no seu centro de saúde, por que ten que agardar meses para unha proba diagnóstica ou unha cirurxía, que poden chegar moi tarde (por exemplo, se lle diagnostican un cancro). Pero sobre todo, entenderá por que o seu sobriño/a ou o fillo/filla do seu veciño/amigo, que estudiou Medicina e Cirurxía ou enfermería nunha universidade galega, destaca hoxe coma profesional afastado da terriña. Por certo, a solución á problemática denunciada, sistémica no conxunto do Estado, non require cobertura presupuestaria ningunha. Non precisa cartos senón vontade política, que semella non existir.

Carta a Alberto Núñez Feijoo. 22 de Decembro do 2021

Estimado Presidente da Xunta de Galicia. O motivo desta mensaxe, como máximo mandatario da institución que preside, competente en materias de sanidade, é que sexa plenamente consciente da situación denunciada, moi grave e que precisa dunha solución inmediata, dadas as consecuencias tan delicadas da mesma: a saúde dos cidadáns. O meu nome é Javier David López Moríñigo, nado en A Coruña, licenciado en Medicina e Cirurxía na Universidade de Santiago de Compostela (2005) e Médico Especialista en Psiquiatría (Médico Interno Residente, MIR) no Complexo Hospitalario Universitario da mesma cidade (2010). Actualmente exerzo como Facultativo Especialista de Área en Psiquiatría, e investigador no Hospital General Universitario Gregorio Marañón (Madrid).

O motivo desta carta é expoñer brevemente as razóns –trabas burocráticas que non me atopei en ningures (Madrid, Reino Unido)- que me levaron a non presentarme na OPE ao SERGAS 2021. Insisto, non se trata dun problema persoal senón xenérico, sistémico, estructural, pois estas circunstancias fan que aqueles médicos que decidiran facer a súa carreira fóra de España sexan de facto excluídos da mencionada OPE. Precisamente nestes tempos de COVID-19 e elevada presión no sistema sanitario, especialmente no meu campo –saúde mental- non podemos permitirnos excluír aos nosos profesionais que un día, con moito sacrificio persoal, decidiron facer un currículum fóra, e agora “aceptarían” retornar a Galicia.

A continuación, expoño ditas razóns:

Segundo o SERGAS, o meu título de doutor en Psiquiatría (King’s College London (KCL), 2017, é dicir, cando o Reino Unido estaba na UE) non pode considerarse un título de Ciencias da Saúde. A razón argumentada: o certificado (e a correspondente tradución xurada) din que son Doutor ‘en Filosofía’. Certo, como calquera título de doutorado do mundo anglofalante, de onde procede o termo PhD (do latín, Philosophiae doctor). O KCL está recoñecida entre as 50 mellores universidades do mundo (Ranking de Shangai), e segunda en neurociencias despois de Harvard. Dito título de doutoramento está recoñecido polo meu actual hospital (Gregorio Marañón, Madrid) así como pola propia Unión Europea, quen financiou o meu proxecto de investigación postdoutoral a través das prestixiosas bolsas Marie Curie e levado a cabo na Universidade Autónoma de Madrid (2019-2021), proxecto que tampouco foi baremado polo SERGAS como tal.

Segundo o SERGAS, tampouco fun titor de médicos residentes. Certo, fun supervisor (en inglés, de igual tradución ao galego) de residentes como acreditan os certificados. Segundo o SERGAS, non fixen formación continuada, porque os cursos e congresos asistidos (en Reino Unido, EEUU, etc.) están en inglés e os créditos non teñen equivalencia.

Segundo o SERGAS, si traballei na UE, no Sistema Público de Saúde do Reino Unido (NHS), o que me supuxo varios meses de papeleo e foime notificado dúas semanas antes da data do exame da mencionada OPE.

Segundo o SERGAS, fun admitido nas listas da OPE-Psiquiatría 2021. Porén, a perda, coido que inxusta, de tantos puntos de baremación a priori supuxo tamén a perda da motivación persoal para preparalas e presentarme ao exame. Pénseo. Nunhas oposicións o obxectivo é acadar mellor puntuación que os teus adversarios (“opoñerse”). En definitiva, trabas burocráticas absurdas que supoñen que a meirande parte de profesionais sanitarios que están a exercer a medicina en centros prestixiosos no estranxeiro, con CV recoñecidos como excelentes en moitos casos (aínda non coñezo a outro psiquiatra galego premiado cunha bolsa Marie Curie pola Unión Europea), decidan non presentarse á unha praza de OPE no SERGAS. Non lle parece moi grave?

Foron moitos os galegos que emigraron ao longo da historia. No meu caso, non por necesidades básicas senón polo chamado desenvolvemento profesional. E somos moitos os galegos que voltariamos a Galicia, pese ao sacrificio persoal e económico (salarios un 50-60% inferiores), se simplemente o noso esforzo (CV) fose recoñecido. Do contrario, Galicia seguirá a perder aos seus emigrantes, para beneficio deles, e perxuizo do país. A historia repítese.

Non dubide en contactarme se a miña colaboración puidera axudar a solucionar esta situación.

Un saúdo.

Dr Javier David López Moríñigo.

 

  • Javier López Moríñigo. Coruñés na diáspora. Médico-Psiquiatra formado na USC. Doutor en Medicina polo King’s College London (Reino Unido). Na actualidade, Médico-Psiquiatra e Investigador Post-Doctoral no Hospital General Universitario Gregorio Marañón (Servicio Madrileño de Salud, Comunidad de Madrid)

ÚLTIMAS

Solicitan a retirada da Medalla de Ouro ao mérito no traballo ao Conde de Fenosa

Volve o sociólogo, investigador e vítima do franquismo Manuel Monge González, a rexistrar unha...

Ollo, cortes en Alfonso Molina na saída cara á AP-9/Palavea este martes

As obras de remodelación da avenida Alfonso Molina, na cidade da Coruña, que realiza o Ministerio...

A Policía propón sancionar a 165 afeccionados polos altercados do Dépor-Málaga

A Policía elevou a un total de 165 afeccionados as propostas de sanción polos...

Renfe prestará servizo con 500 servizos de bus para facilitar a mobilidade polas obras na estación da Coruña

Renfe modificará o servizo e habilitará un plan alternativo de transporte por estrada con...

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here