InicioOPINIÓNAperta coruñenta, Xornal da Coruña!

Aperta coruñenta, Xornal da Coruña!

Publicada o

Por Xurxo Souto

Aperta Coruñenta!

Moreniña por te ver
pasei o mar da Marola
a piques de me perder.

Velaí a apoteose do cancioneiro tradicional coruñés. Tríade céltica –como diría don Manuel Murguía- na forma. E unha mensaxe definitiva no fondo: Cómpre arriscalo todo para acadar a beleza. Esta é a esencia do ser coruñés.

Xornal da Coruña! quero saudar a túa chegada cunha apoloxía da cidade que nos habita: Luz e vento. Unha pedra chantada no Atlántico. E a Torre, ese xigante, entre as Mariñas e a Costa da Morte, facho acendido para abrir camiños no Océano. Ou o que é o mesmo, para abrir camiños en todos os misterios.

Xornal da Coruña, palabra grande. Agromas cheo de luz na cidade-barco para amosarnos os seus universos invisíbeis. Cando subimos á Torre, os terricolas enchemos o ollo cunha vista marabillosa. A xente do mar está vendo moito máis. As pedras onde traballa o percebeiro: a Rabadeira, a enseada do Xogadoiro, o Gueivouteiro, o Xanrei, as illas do Boi , da Vaca do Becerro e do Becerriño.

Debaixo da tona da auga latexa a fartura dos bancos pesqueiros. Velaí están as Acentes, o Carpancho, os Abarracidos, as Tousas de Leste, as Tousas de Vendaval….Alén de Prior, as pedras dos Cabalos, e os camiños que levan ao Gran Sol, o mar de Irlanda.
Ruído, fume, cemento…a pátina urbana tolda ás veces a nosa percepción, e non nos permite sentir as magnitudes cósmicas –pedra, mar, vento- entre as que armamos a nosa vida.

A Coruña, “Nao Enfeitizada” –dixo Devesa Monterroso- e nós dentro, aquí, en concreto, onde xermola a cada instante a marabilla. Milagre cotián que estoupa nos beizos cada vez que pronunciamos a palabra máxica: Orzán !

Os catro relampos da Torre identifican á Coruña entre todos os navegantes. Ritmo de luz baixo o que medramos: Monte-Alto, os Mallos, os Castros, Labañou…barrios cargados de historias humildes -marabillosas- que agora, co Xornal da Coruña, van converterse, por fin, en protagonistas.

Grazas, de entrada, por tanta luz. E as máis felices singraduras. Velaí vai, chea de forza, a miña aperta coruñenta !
Ai! Moreniña por te ver…

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

ÚLTIMAS

Arrincaron as obras do demandado Parque Vixía

Dende 2023, cando a proposta da ANPAS do barrio gañaron un dos proxectos dos...

Unha rúa para os Diplomáticos de Monte Alto para cumplir ademais coa Lei de Memoria Histórica

A pesar do voto en contra do PP, a Comisión de Honras e Distincións...

Así sairán e entrarán os autobuses na nova terminal que abrirá o 3 de novembro

A Xunta abrirá o próximo 3 de novembro a terminal de autobuses da estación...

(Vídeo) Extinguido o gran incendio en Visma que cubriu de negro o ceo de Arteixo

O incendio declarado este domingo na parroquia de Visma, na Coruña, quedou extinguido durante...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here