Esta fermosísima fotografía de Juan Cancelo amósanos o Castelo de San Amaro en 1920.
Un castelo en San Amaro? Pois sí, e moito máis antigo que o de San Antón. As crónicas confirman que cando desembarcou na cidade Juan de Gante, duque de Lancaster, no 1386 o castelo xa existía. Tan sonado personaxe -fillo de Enrique III de Inglaterra e irmán do Príncipe Negro- chega a Coruña ó mando dun exército inglés coa intención de acadar a coroa castelá, no marco da famosa Guerra dos Cen Anos. Polo medio, a guerra de sucesión entre Pedro I “O Cruel” -ou “o Xusticieiro, segundo o bando- e o seu medio irmán Enrique de Trastámara. Pero todo isto é outra historia.
O caso é que non sabemos moito do edificio antes da citada data, pero vemos que o castelo podería terse edificado a finais do sécuo XIII, ou ben ós comezos do XIV, segundo diversas opinións. O que sí sabemos a ciencia certa é cando desapareceu. Foi en 1951. É curioso que se derrubase nesta data, pois dende o 22 de abril de 1949 existía un decreto sobre protección de castelos, que recollía no seu artigo primeiro: “Tódolos castelos de España, calquera que sexa o seu estado de ruina, quedan baixo a protección do Estado, quen impedirá toda intervención que altere o seu carácter ou poida provocar o seu derrubamento”.
O fotoperiodista coruñés Juán Cancelo atrapa esta imaxe que nos traslada no tempo ata a época na cal as impoñentes ruinas destacaban na ensenada de San Amaro. Tralo seu derribo, ocuparía o seu mesmo lugar o edificio do Club del Mar.
- Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.