Acolleu esta pasada noite o Teatro Rosalía de Castro a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares. Unha galadirixida por Marcos Ptt e conducida por Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o propio Ptt, chea de humor, de ironía e de novo circo no que o protagonismo se centrou nos oficios invisibles da escena e nos xéneros escénicos que se sitúan ás marxes do teatro convencional.
Unha gala combativa, na que Xosé Barato, presidente da AAAG, deixando claro que “o teatro é político ou non o será”, como dicía a propia María Casares, lamentou que a TVG leve 5 anos sen retransmitir a cita máis importante do teatro galego, o cal considerou como “unha anomalía e unha falta de respecto”. Ademais, no seu discurso, trasladouse a “solidariedade” da AAAG “con todo aquel que se mobiliza baixo un lema claro: Por uns medios públicos de calidade, por uns medios públicos sen manipulacións”.
Os premios
‘As que limpan’, de A Panadaría, faise con catro galardóns (espectáculo, dirección, actriz protagonista e texto orixinal) mentres que ‘O porco de pé’, de Producións Teatráis Excéntricas leva tres (adaptación-tradución, actor secundario e vestiario)
‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’, do Centro Dramático Galego, acada dous premios (dirección de movemento e espazo escénico), igual que ‘Smoke on the water’, de Ibuprofeno Teatro (actor protagonista e espazo sonoro), e ‘O deus do pop, de Diego Anido (iluminación e tamén dirección de movemento)
‘A nena que vivía nunha caixa de mistos’, de Caramuxo Teatro, gaña no apartado de mellor espectáculo infantil e ‘Xela contra o Dragón Traga-verbas’, na nova categoría de espectáculos de monicreques, obxectos e figuras animadas.
En resumo, gañadores/as por categoría:
- MAQUILLAXE: Diego Valeiras por Papagena, de ButacaZero
- VESTIARIO: Carlos Alonso por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas
- ILUMINACIÓN: Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda por O deus do pop, de Diego Anido
- ESPAZO ESCÉNICO: Blanca Añón por Ás oito da tarde, cando morren as nais do CDG
- ESPAZO SONORO: Mon Orencio por Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro.
- ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Quico Cadaval e Pepe Sendón por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas.
- TEXTO ORIXINAL: Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría
- ACTOR PROTAGONISTA: Josito Porto por Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro.
- ACTRIZ PROTAGONISTA: Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría.
- ACTRIZ SECUNDARIA: María Roja por A peste, do Centro Dramático Galego
- ACTOR SECUNDARIO: Evaristo Calvo por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas.
- DIRECCIÓN: Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría
- DIRECCIÓN DE MOVEMENTO: Premio ex aequo a Rut Balbís por As oito da tarde, cando morren as nais, do CDG, e a Diego Anido e Guillermo Weickret por O deus do pop.
- ESPECTÁCULO: As que limpan, de A Panadaría.
- ESPECTÁCULO INFANTIL: A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro
- ESPECTÁCULO DE MONICREQUES, OBXECTOS E FIGURAS ANIMADAS: Xela e o Dragón Traga-Verbas, de Títeres Cachirulo.