A Cidade Vella coruñesa conserva poucas cousas da Idade Media, época que a viu nacer. Pero entre elas hai unha moi importante: rúas que fan referencia ós gremios. Son nomes que veñen de moi antigo, como Zapatería, Tabernas ou Ferreiros (aínda que hoxe a chamemos “Herrerías”). Algunhas desas denominacións lamentablemente perdéronse no tempo, como é o caso de “Alfaiatería”, bonito nome que lembraba ós alfaiates ou sastres. Pero non é o caso de Cortaduría, relacionada directamente cos carniceiros e o seu lugar de traballo. Xunto á rúa con este nome existe unha pequena praza chamada da mesma forma, é xusto alí onde teríamos que estar para poder acadar o mesmo punto de vista.
A modesta vivenda do centro da fotografía segue no mesmo lugar, aínda que moi reformada. A seguinte, moi similar, deixou o seu lugar a un edificio máis moderno. Hoxe en día non poderíamos apreciar dende alí o lateral da igrexa de Santo Domingo e a súa cúpula, á esquerda da imaxe, xa que no momento da captura non estaba aínda en pé o edificio do colexio e tan só vemos unha tapia non moi alta.
O que sí que podemos aínda apreciar e disfrutar é a vista do campanario barroco, o verdadeiro protagonista da imaxe xunto coa neve. Erguido no punto máis elevado da Cidade Vella, destaca sobre case todo o que lle rodea, non só pola súa privilexiada ubicación, senón tamén pola súa beleza arquitectónica. Este campanario semella xirado, pero non é un erro de construción, nin moito menos. A torre está perfectamente aliñada co eixo da nave da igrexa, pero o resto da fachada, e posteriormente o colexio, aliñouse coa rúa, dando lugar a esta sensación de xiro.
A que vemos é a terceira igrexa que ergueron os Dominicos na Coruña. Cando chegaron á cidade no século XIII, construiron un primeiro convento gótico fora das murallas, fronte a Porta de Aires. Pero ese edificio destruírono os ingleses no ataque de 1589. Ergueron unha segunda igrexa, no século XVII xa na ubicación actual, pero os seus defectos de fábrica obrigaron a derrubala e facer unha nova no século XVIII. Ésta é a que conservamos ata hoxe en día e que podemos ver nevada na fotografía.
Na Coruña, non foron moitas as veces que nevou. As máis recordadas son as nevadas de 1883, 1963 e 1987. Francisco Pillado, o fotógrafo, viviu entre 1892 e 1977, así que a nevada que retratou é necesariamente a do ano 63. Dito polos seus propios netos: “o avó poñía no obxetivo o mesmo mimo e delicadeza que puña en cada un de nós cada vez que nos falaba. A súa mirada descubría toda a beleza que había en todo canto fotografiaba”. Semella evidente á vista desta fermosa imaxe.
- Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.