Días importantes estes para a Fundación Diego González Rivas. A entidade que preside o ciruxán coruñés celebra este xoves 20 de abril a súa presentación oficial, mentres que o venres será a gran protagonista da V Carreira da Luz do IES Miraflores.
A primeira cita celebrarase o xoves ás 17:30 horas, no Work Café Santander da Coruña. Será o propio doutor Diego González Rivas, coñecido como “o doutor Diego”, loitador contra o cancro de pulmón e a dor en hospitais de todo o mundo, o que dea a coñecer os proxectos e obxectivos da recén constituída Fundación, baseados a simple pero valente premisa de ”salvar vidas e axudar ao maior número de persoas necesitadas de todo o mundo”.
A creación da Fundación é “a evolución lóxica da axuda humanitaria que leva máis de dez anos realizando o doutor”, explican. Pero “tamén responde á necesidade de dotala de apoio e ferramentas capaces para que a institución chegue a máis partes do mundo e de dar apoio económico ás persoas que non poden acceder á súa técnica cirúrxica revolucionaria Uniportal VATS por falta de recursos”.
Unha técnica que “permite operar a cavidade torácica realizando un pequeno orificio intercostal, ás veces mesmo con anestesia local, e facilita que os pacientes poidan volver á casa e á súa vida normal nun prazo de 48 horas”.
Así, esta Fundación “pretende ser o instrumento que impulse un novo modelo que permita operar nunha unidade de cirurxía móbil na que o médico poida realizar, con todas as garantías, aquelas intervencións que non se poidan acometer, por falta de recursos, nos países en desenvolvemento”.
A Carreira da Luz do IES Miraflores
Un día despois da presentación, a Fundación estará presente noutro evento importante. O Instituto Miraflores de Oleiros celebra este venres 21 de abril a súa carreira popular solidaria que, nesta V edición, destina a súa recadación á propia Fundación Diego González Rivas.
“Calza as túas zapatillas e anímate a participar para axudar a salvar vidas”. Este é a mensaxe que queren dar dende o centro para animar a participar nesta carreira nocturna que ce celebrará no Polígono de Iñás, en Oleiros.
Haberá sorpresas ademais. “Cada dorsal recibirá unha bolsa de abastecemento cortesía de Eroski-Vegalsa. Para os máis pequenos, esas bolsas levarán, ademais, algunha que outra sorpresa. Todos os gañadores e gañadoras das categorías superiores serán premiados con produtos de Revlon, achegados polo Salón de Beleza Diude de Compostela, unha chea deobsequios de Toyota Material Handling ou clases de Surf en Sup Mera”, desvelan dende o instituto.
Haberá inchables para os máis pequenos, chocolate, doces caseiros e moitas sorpresas máis. Poderáse conseguir unha estancia en Casa Amodiño (Belesar), unha comida ou cea para dúas persoas en Cantón 23, bonos de paseo a cabalo, tratamentos de beleza, sesións de fisioterapia e podoloxía, manicuras, pedicuras, descontos nas compras en Tarabela roupa e complementos , pases para os pequenos en Urban Planet, dúas noites en Manzaneda e dúas en San Isidro, cortesía de Viaxes Sierra, lentes deportivas e moito máis.
As inscricións están abertas ata esta oite de xoves 20 de abril ás 23:59 neste formulario online.