InicioM.AMBIENTE E PATRIMONIOAtopada no Orzán unha ave con gripe aviaria

Atopada no Orzán unha ave con gripe aviaria

Publicada o

Por europapress

Galicia suma un total de 31 casos de gripe aviaria en aves silvestres (principalmente gaivotas e mascatos) tras un novo exemplar detectado na praia coruñesa do Orzán. En concreto, trátase dunha palleira parasitaria -págalo parásito, en castelán, e Stercorarius parasiticus, como nóme científico-, atopado con sintomatoloxía e que morreu pouco despois.

Esta ave foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, analizada en laboratorio e eliminouse o seu cadáver posteriormente. A Consellería de Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección deste caso confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

O primeiro caso detectado en Galicia de gripe aviaria en aves silvestres produciuse en agosto de 2022, segundo os datos ofrecidos por Medio Rural. No que vai de 2023 van media ducia de positivos nesta enfermidade –os outros cinco foron gaivotas–, cuxo último caso se detectou o pasado febreiro. A nivel estatal, continúan as notificacións de aves silvestres infectadas, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e familias avícolas.

A palleira parasitaria é unha ave mariña que habita o norte de Europa, Asia e Norteamérica, con grandes poboacións en Escocia e illas como Orcadas ou Shetland. Pasa os invernos nos mares tropicais e océanos do sur do planeta. Durante outono e primavera realiza migracións, polo que actualmente pasa fronte ás costas galegas na súa viaxe cara ao norte. Cabe destacar que en Galicia non se reproduce nin aniña, polo que case non toca terra fóra de exemplares enfermos ou moi debilitados. “Por este motivo, é improbable o contacto coa fauna silvestre e doméstica autóctona”, subliña a Xunta.

De feito, o Goberno galego asegura que a notificación deste foco “non vai afectar á valoración favorable do risco respecto da influenza aviaria que recentemente realizou o Ministerio de Agricultura”, o que levou ao levantamento de diversas prohibicións en determinados concellos, manténdose unicamente en Galicia certas medidas nos municipios que pertencen á Zona de Especial Risco.

ÚLTIMAS

Ferido grave un mozo de 25 anos tras un atropelo na Coruña

Un mozo de 25 anos resultou ferido tras sufrir un atropelo grave na Coruña....

As razóns dos traballadores da Compañía de Travías para a folga deste luns 16N

Este luns 16 de novembro, teñan coidado se pensan ir en bus ao posto...

O Concello da Coruña centra a súa campaña do 25N na violencia dixital e vicaria

O Concello da Coruña desenvolverá ata o 3 de decembro unha campaña con motivo...

Corte na AC-214 a partir deste luns por obras na ponte sobre o río Mero, en Cambre

O tráfico estará cortado a partir deste luns, 16 de novembro, polas obras da...