Inés Rey foi investida alcaldesa na súa segunda lexislatura. Así se determinou no pleno de investidura celebrado este sábado 17 de xuño, no que o PSOE tivo os apoios do BNG, que porén non formará parte do goberno.
Rey agradeceu aos seus familiares e achegados, ademais de amosarse convencida de que esta “alianza tradicional entre socialistas e nacionalistas dará grandes froitos”.
Fíxoo nun discurso no que incidiu en que este será o mandato da “segunda modernización” e a consolidación do “coruñesismo 2030”, ao aludir aos retos que debe abordar a cidade. Tamén reivindicou o “liderado” desta “como capital económica e social”, á vez que apelou ao diálogo coa oposición para reunir “a todos e a todas detrás dos obxectivos comúns”.
O seu discurso foi tras a constitución da nova corporación municipal, con presenza de 12 edís do PP, 11 do PSdeG e catro do BNG. A diferenza da anterior constituída en 2019, non haberá representación da Marea Atlántica.
Unha vez que os e as edís prometeron ou xuraron os seus cargos, procedeuse á investidura de Rei, que prometeu a súa nova responsabilidade levando unha rosa vermella como o resto de edís socialistas e que se mostrou emocionada cando no seu discurso agradeceu o apoio da súa familia, presentes no acto.
📢 @inesreygarcia quedou proclamada como alcaldesa da #Coruña para o vindeiro mandato, revalidando así o seu cargo como rexedora.
📹 Aquí podes ver, en vídeo, o instante da votación previa á súa reelección. pic.twitter.com/7TBauLsyLs
— Concello da Coruña (@ConcelloCoruna) June 17, 2023
“CORUÑESISMO 2030”
En varias ocasións, aludiu ao “coruñesismo 2030” de cara a abordar na cidade novos retos e cun goberno local “pensando en cada un das e os coruñeses”. Para iso, comprometeuse a liderar un mandato como alcaldesa “como muller libre, facendo xustiza a todas as pioneiras”, engadiu ao aludir ao “feminismo do sentido común”.
Rey avogou, ademais, por seguir traballando para converter á cidade nunha referencia do municipalimo en toda España, á vez que insistiu en que “coruñesismo e galeguismo deben de ir da man”.
Nun discurso con referencias aos obxectivos de promover medidas no ámbito da igualdade, instou aos integrantes da nova corporación a buscar o consenso. “É tempo de acordos, este será outro mandato do diálogo e da amabilidade”, sentenciou.
UN CONCELLO PRÓXIMO
Tamén manifestou a intención de abrir as “portas” de María Pita á cidadanía. “A proximidade é o gran valor do municipalismo”, expuxo Rey, quen fixo referencia a medidas como potenciar o comercio laboral, buscar un pacto polo emprego, facer novas liñas de transporte público e máis sustentables ou incentivar os barrios.
A iso, sumou crear a marca ‘Coruña cultura’ ou impulsar a lei da área metropolitana e “asumir o desafío” da fachada marítima. “Sen populismos nin intereses de parte”, apostilou en referencia ao obxectivo de crear un ente consorciado e promover a apertura dos peiraos á cidadanía.
ACORDO DE INVESTIDURA
Todo iso tras un acordo de investidura do BNG que inclúe a redacción dun proxecto de lei da área Metropolitana, o inicio da reforma do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), así como un estudo da xestión directa do servizo de transporte público urbano.
O pacto tamén recolle a adopción das medidas necesarias para defender o modelo de separación húmido-seco das fraccións do lixo e a creación dun grupo de traballo co Consorcio das Mariñas para informar os pregos que rexerán a concesión do tratamento de residuos.
Xunto a estas, están a posta en marcha do Consello Municipal de Cultura; a presentación da demanda para recuperar a Casa Cornide ou o impulso da constitución do consorcio para a xestión dos peiraos. A elas, súmanse outras como o proceso de investigacion sobre as concesións do servizo de limpeza.