InicioCULTURASada celebra o V Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia con diversas...

Sada celebra o V Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia con diversas actividades

Publicada o

Por europapress

O municipio coruñés de Sada acollerá entre os días 3 e 6 de agosto o V Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que contará con programación tanto en mar como en terra, con actividades para todas as idades que inclúen, ademais das citas náuticas, exposicións sobre a cultura mariñeira e fluvial e os seus oficios relacionados, presentacións, talleres, música, xogos, teatro e outras propostas para o público infantil.

O evento foi presentado este sábado no Museo do Pobo Galego, en Santiago, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Sada, Óscar Benito Portela, da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, e da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, xunto co presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, José Luís Sacau, e o presidente da asociación cultural e mariñeira Vos Patexeiros de Sada, Miguel Martínez Modroño.

No acto detallouse parte da programación desta cita que contará tamén cun programa inclusivo, xa que este ano ten como entidade convidada a Aspace, vinculada a persoas con dano cerebral e ás súas familias, para achegar a cultura do mar a persoas con diversidade funcional.

O presidente dos Patexeiros destacou o impacto desta cita coa cultura mariñeira e fluvial alí onde se celebra. “Sería fermoso que non finalizase o Encontro de Embarcacións o día 6, que este transformase a sociedade de Sada e puxese en primeiro plano o seu orgullo mariñeiro”, manifestou.

A asociación sadense, que cumpre 15 anos de actividade, dará a coñecer formalmente neste encontro o seu proxecto para a creación do Museo a Flote. “Unha proposta para poder exhibir as nosas xoias flotantes, as nosas embarcacións tradicionais fondeadas ao longo dunha parte de paseo marítimo de Sada”, avanzou Martínez.

Na súa intervención, José Luís Sacau quixo subliñar “a potencia de Sada e das Mariñas coruñesas” como un dos “grandes polos de desenvolvemento do país en todos os planos: económico, industrial, demográfico, turístico e tamén cultural”.

Sobran exemplos que nos indican que o desenvolvemento debe ir parello con salvagárdaa dos valores patrimoniais e debe ser respectuoso con eses valores, de maneira que no fío da historia nunca perdamos a referencia do que somos e de onde procedemos”, reivindicou Sacau.

Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacou a importancia da carpintaría de ribeira como un alicerce fundamental do patrimonio marítimo galego, así como unha actividade económica ecolóxica e competitiva, un oficio multidisciplinar de profunda tradición en Galicia e que encaixa ao mesmo tempo coas últimas tendencias relacionadas coa bioeconomía circular e coa sustentabilidade.

Artesanía de Galicia estará presente neste encontro través dunha serie de demostracións que correrán a cargo da Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira Agalcari, así como dunha feira de artesanía na que está prevista a participación de 10 profesionais de Artesanía de Galicia.

PROGRAMACIÓN MUSICAL

Ademais, a programación prevé tamén actuacións musicais para o catro xornadas, con concertos nocturnos no Espazo Sons do Mar, no paseo de Fontán. Alí actuarán, o xoves, Os de Abaixo, que darán pé, o venres, a Faltriqueira (22,30 horas) e a Habelas Hainas (23,30 horas). O sábado abrirá, ás 22,30 horas, Lenda Ártabra, que dará paso, ás 23,30 horas, ao concerto de Mercedes Peón, dentro da súa Xira Ingrávida.

A actuación do domingo, ás 22,00 horas, correrá a cargo da Bule Bule Band. Ademais, nas mañás do xoves, venres, sábado e domingo haberá ruadas da man de Nova Troula, acompañada o domingo do seu grupo de canto, a quen se unirán tamén, o sábado á tarde, Queiroa.

A inscrición para participar neste encontro segue aberta e pode realizarse no formulario que se atopa ena web: https://culturmar.org/eventos/, onde tamén é posible anotarse como parte do voluntariado, para vivir este evento desde dentro.

ÚLTIMAS

Parque Ciudad “Monte Martelo”, un parque que cambia unha cidade

Hai proxectos que cambian a fisionomía dun barrio. E tamén hainos que cambian a...

Atopan con vida ao home de 81 anos desparecido dunha residencia de Cambre

A Garda Civil atopou na mañán deste luns a un ancián desaparecido de forma voluntaria...

Crúa derrota do CRAT na final da Liga Iberdrola de Rugby

Disputaba o CRAT toda unha final estatal. O equipo de rugby femininio da cidade...

Sabías que Pablo Picasso se estreou como retratista na Coruña?

Pablo Ruiz Picasso era un neno de 9 anos cando chegou á Coruña, aló...