Raphael suspendeu o concerto previsto para a noite do sábado, 21 de novembro, no Coliseum da Coruña. A cancelación débese a unha “indisposición de saúde” que lle impediu actuar “nas condicións axeitadas”, segundo comunicou a produtora, Cavea Producciones.
A decisión tomouse unha vez abertas as portas do recinto e con parte do público xa sentada, que recibiu a nova desde o Coliseum. A organización lamentou “fondamente” as molestias ocasionadas e agradeceu ao público a súa comprensión e o seu cariño. Ademais, informou de que nos próximos días procederase á devolución automática do importe a través da ticketera.
Esta era unha das máis de 50 datas da xira “Raphaelísimo”, que levou o popular cantante de Linares (Jaén) a percorrer escenarios de España e doutros países (como Estados Unidos, México e Arxentina) entre 2025 e 2026. Ao “tour” aínda lle quedan catro datas: o 28 de novembro en Málaga, o 7 de decembro nas Palmas de Gran Canaria, o día 12 en Granada e o sábado 19 en Madrid.

