A Coruña é a provincia que lidera a emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI) en Galicia, ao concentrar o 47,4% das emisións brutas dos gases causantes do cambio climático. Séguelle Lugo, co 22,4%, polo que un 70% das emisións territoriais galegas se orixinan no norte da Comunidade.
Así o sinala o último informe do Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli), que sostén que isto non se explica só polo seu peso na poboación e no PIB galegos, senón tamén por acoller as principais industrias enerxéticas fósiles: a refinaría de petróleo da Coruña e as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón e As Pontes. Porén, segundo este documento, A Coruña reduciu as súas emisións nun 60% entre 1990 e 2024, pola substitución do carbón na produción eléctrica. Lugo baixou un 17,4% debido ao control das emisións e á redución da actividade da fábrica de alúmina, Alcoa.
Ademais, no que atinxe ao resto das provincias, o informe do Ogacli apunta que as emisións de GEI aumentaron un 5,6% en Ourense e un 9,9% en Pontevedra. De acordo cos datos deste informe, o transporte de persoas e mercadorías é o único sector no que medraron as emisións en todas as provincias entre 1990 e 2024, algo que case tamén ocorre no caso das de orixe non fósil da agricultura e da gandaría, onde só diminúen en Ourense.
As emisións asociadas ao uso total da enerxía fósil nos sectores comercial/institucional, residencial e primario medran en todas as provincias, agás en Pontevedra, pola menor achega do sector primario. Pola súa banda, as emisións industriais e do tratamento de residuos descenden de maneira xeral. De feito, o transporte lidera as emisións en toda Galicia, agás en Lugo, onde o sector agrario e gandeiro é o principal emisor.

