A Xunta declarou a situación de seca prolongada nas concas das rías da Coruña e de Betanzos, así como nos sistemas de abastecemento das comarcas de Ferrolterra e A Mariña, co obxectivo de anticiparse á redución dos caudais e ante a falta de choivas nestas zonas.
Así o acordou a Oficina Técnica da Seca da Xunta, que estivo presidida este luns polo xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, e á que acudiron técnicos deste organismo, así como representantes das consellerías de Sanidade e Medio Rural, Meteogalicia e Protección Civil. En concreto, a reunión declarou a seca prolongada en nove dos 19 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que é de competencia autonómica, tal e como informa o Goberno galego nun comunicado.
Isto afecta aos seguintes sistemas: río Mero, Arteixo e ría da Coruña; río Mandeo e ría de Betanzos; río Eume e ría de Ares; Ferrol; río Mera, ría de Santa Marta de Ortigueira e ría de Cedeira; río Sor, ría Santa Marta de Ortigueira e ría de Viveiro; río Landro e río Ouro; río Masma; e ría de Ribadeo.
A decisión adoptouse tras avaliar a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa. Así, constatouse que as precipitacións do mes de xullo sufriron unha anomalía media dun 43% inferior aos valores normais.
MANTENSE A PREALERTA POR ESCASEZA
A maiores, desde o 21 de xullo permanece activada a prelaerta por escaseza –mide o nivel de risco no abastecemento en función das reservas dispoñibles– nos sistemas do río Mero, Arteixo e ría da Coruña; na conca do río Anllóns e a costa da Coruña ata o límite de Arteixo; e no subsistema de Baiona.
Sobre o futuro máis próximo, a Oficina da Seca da Xunta tamén tivo en conta que as previsións falan dun agosto de “precipitacións escasas” e que, igual que o pasado xullo, algunhas zonas poderían sufrir un déficit de choivas que faría diminuír os caudais medios circulantes. Por isto mesmo o organismo técnico mantén a prealerta por escaseza ou “escaseza moderada”.
SITUACIÓN XERAL DE NORMALIDADE
A ocupación actual dos encoros, a data 3 de agosto de 2023, na demarcación Galicia-Costa é da 81,63% da auga embalsada, un valor que se atopa 1,17 puntos por baixo da ocupación do mesmo período en 2022. En xeral, salvo excepcións, os niveis están en niveis de normalidade.
Na presa de Cecebre, na conca do río Mero, Arteixo e ría da Coruña –onde se declarou a seca prolongada–, a ocupación a 31 de xullo era do 64,43%. No caso da do río Anllóns, seguen á baixa os niveis de caudal.