InicioECONOMÍAA Coruña acolle a primeira gran denuncia colectiva contra os bancos polas...

A Coruña acolle a primeira gran denuncia colectiva contra os bancos polas comisións hipotecarias

Publicada o

Por editor
A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA), presentará de xeito inmediato unha demanda colectiva contra as 12 principais entidades financeiras do Estado na que instará a nulidade das cláusulas de comisión de apertura dos préstamos hipotecarios e a devolución aos consumidores das cantidades aboadas indebidamente no seu día.
A este respecto, ACOUGA recorda que no momento de asinar unha hipoteca, a entidade prestamista acostuma introducir unha cláusula na escritura de préstamo pola que o consumidor vese obrigado a pagar unha porcentaxe do importe prestado en concepto de comisión de apertura.
Esta porcentaxe varía entre o 0,50% e o 1% do capital prestado, o que supón unha media de entre 750 e 1.200 euros para cada consumidor. O secretario xeral de ACOUGA, Xoán Antón Pérez-Lema, entende que “a comisión de apertura non obedece a gasto ou servizo ningún que o consumidor teña que retribuírlle ao banco pola xestión da hipoteca”. A nova demanda presentarase tras o auto do Xulgado do Mercantil nº 1 da Coruña, notificado onte, que inadmite a trámite a demanda colectiva interposta por ACOUGA pola vía prevista inicialmente, na que a asociación consideraba aos consumidores afectados como un colectivo de difícil determinación.
Esta resolución, contra a que ACOUGA non presentará recurso para evitar maiores dilacións temporais, deixa aberta a porta para que a asociación poida iniciar sen máis demora un novo procedemento colectivo de nulidade, esta vez considerando o colectivo dos consumidores afectados como determinado ou de doada determinación. Neste caso, a demanda deberá ser precedida dunhas dilixencias preliminais que consistirán en requirirlles a todos os bancos demandados que identifiquen aos consumidores afectados e lles comuniquen a existencia da reclamación xudicial.
Este sistema xa foi empregado con éxito na colectiva de cláusulas de chan interposta por ACOUGA contra ABANCA, e que finalizou a medio de sentenza firme 156/2018, de 14 de novembro daquel ano, que estimou a demanda, e que foi ditada por este mesmo Xulgado do Mercantil nº 1 da Coruña.
PENDENTES DO TXUE
En relación coas comisións de apertura, queda por coñecer a resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) sobre a cuestión prexudicial elevada a ese órgano pola titular dun Xulgado de Primeira Instancia de San Sebastián, para que aclare se o Tribunal Supremo fixo unha interpretación restritiva para os consumidores da última sentenza europea sobre este asunto, ditada polo TXUE o 16 de marzo do ano pasado.
Nese fallo, o alto tribunal europeo deixou claro que as comisións de apertura dos préstamos hipotecarios non forman parte do obxecto principal do contrato e, por tanto, son accesorias e están suxeitas ao control de abusividade.
Porén, o 29 de maio a Sala do Civil do Tribunal Supremo ditou unha sentenza na que, contradicindo o fallo do TXUE, sostén que non existe unha solución única sobre a validez ou non das cláusulas de comisións de apertura dos préstamos hipotecarios, e que había que analizalas caso por caso conforme á proba practicada en cada un deles.

ÚLTIMAS

Aitor Neira defende “a colaboración entre os espazos progresistas da cidade” na súa presentación como candidato de Podemos Coruña

O pasado venres Sumar Coruña anunciaba que Trinidad Palacios era a súa proposta para...

Feria de abril en Riazor

Xornada 7 – Deportivo 1 – Betis 1 Punto de loita e superación...

Gastronomía e banda deseñada para que se coñeza o “Sabor Coruño”

Representantes da Asociación Coruña Cociña presentaron este luns, na Fundación Luis Seoane, un cómic,...

Centos de traballadoras do comercio de alimentación da Coruña mobilízanse para reclamar un novo convenio

Centos de traballadoras do comercio de alimentación da Coruña manifestáronse este domingo para reclamar...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here