InicioA CORUÑACoñece os artistas e grupos galegos que se suman ao Atlantic Pride...

Coñece os artistas e grupos galegos que se suman ao Atlantic Pride deste 2024

Publicada o

Por europapress

Mondra, Sila Lua, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo sumáronse ao programa do festival Atlantic Pride, que desenvolverá a súa quinta edición na Coruña do 7 ao 14 de xullo.

Tal e como apunta nun comunicado o Concello, responsable do festival, o Atlantic Pride será testemuña este verán da Foliada das Ardentes de Mondra, “unha experiencia musical, visual e performativa en diálogo coa música tradicional galega: unha proposta íntima e irreverente a un tempo, da man dunha das voces máis celebradas da escena musical actual e o seu relato de resistencia e celebración”.

As novas artistas galegas

Mondra

Mondra é artista, cantareiro e bailador. Medra vencellado á música e ao baile tradicional galego, así como ao teatro e ao audiovisual. Desde 2021 forma parte, como como vocalista e bailador, de DeMente, a compañía de danza Fran Sieira, responsable dunha das pezas con maior percorrido na historia da danza galega. No 2024, recibirá o Premio Alfredo Iglesias, da Revista Coralia, a artista revelación. En setembro de 2023, publica ARDĒN (Altafonte Music Spain), o seu primeiro traballo discográfico, producido por Berto. O álbum presenta unha experiencia musical, visual e performativa, en diálogo coa música tradicional galega. É unha proposta íntima e irreverente a un tempo, un relato de resistencia e celebración.

 

Sila Lua

Sila Lua, artista e produtora galega, leva desde 2017 desenvolvendo o seu son, algo a medio camiño entre a música urbana de fala hispana e a electrónica experimental europea; una mistura libre de xéneros froito da súa crianza española e dos seus anos vivindo e estudando produción musical en Londres. As súas cancións, de forte mensaxe lírico, producións detalladas e unha elegancia misteriosa, valéronlle o título de “diva marciana do novo pop escuro europeo” por parte da prensa especializada.

 

O Rabelo e Nenaza

O Rabelo é un animal humano que gusta de xogar, estar “tranqui” e rir. É antifascista, transfeminista, anarquista a favor da tenrura, os coidados e a violencia reactiva. Nos seus concertos fai música ao xeito en que se facían as festas de antes, as rúas, mesturando a música tradicional galega con xéneros como o reguetón ou o tecno, para convidar á xente a bailar. Xoga coa identidade a través da arte escénica para cuestionar o que é normal e o que facemos co malestar. Explora a mitoloxía, a marxinalidade e o normativo a través da mestura e das expresións artísticas. Da obradoiros de regueifa, fai charlas e debates en centros de ensino e desenvolveu proxectos artísticos arredor da escrita e a música, con publicacións como El libro de Iarnal, Tenruras e raivasBetadine ou os discos Suor e Silva, entre outros.

Nenaza é unha artista drag galega que reivindica a feminidade a través do imaxinario da mitoloxía galega. É un ser fantástico que mestura o etéreo e protector das fadas cun mundo escuro, violento e punk, froito das violencias exercidas sobre as persoas que viven o xénero de forma feminina. Na súa performance utiliza o corpo, o movemento e o son. Máis aló do seu proxecto performativo, en 2022 comeza a súa carreira como DJ mesturando ritmos de neoperreo e funk favela con electrónica e deconstructed, trallando en festas e clubs, ademais de en galerías de arte e museos.

 

Catuxa Salom

Catuxa Salom é unha artista galega de raíces arxentinas e unha das voces máis potentes da escena folk electrónica do momento. No seu debut discográfico experimenta coa música tradicional galega, os ritmos latinos e as bases electrónicas, conseguindo unha sonoridade que nos conecta co noso lado máis salvaxe. De Aimogasta ás montañas de Lugo, a artista constrúe un relato cargado de simbolismo, onde a natureza e o movemento están en primeiro plano. O seu directo magnético e vibrante promete ritmos de baile.

 

Lontreira

Adriana Cores, Héctor Rodríguez (Rotce) e Iván Barral son os tres compoñentes de Lontreira, grupo de música en galego con raíces na Illa de Arousa e con Vigo como berce da súa formación. Desde os seus inicios no verán 2022, Lontreira non deixa de dar pasos de xigante na industria musical, compoñendo sen descanso novos temas e argallando directos que logren sorprender ao espectador, converténdose nunha prometedora banda emerxente galega. O seu tema Corazón de toxo foi elixido canción do verán en Galicia en 2022 pola CRTVG e, con ela, visitaron citas tan imprescindibles como o Surfing The Lérez, o Atlantic Fest ou o 17º, entre moitos outros festivais. No ano 2023 foi elixida finalista na categoría de banda emerxente nos 10º Premios Martín Códax da Música, e foi, tamén, unha das 14 bandas seleccionadas entre máis de 300 para participar no MUMI  Músicas do Minho 2023.

Lontreira presentou en 2023 o seu primeiro traballo discográfico, Apnea.

 

Amoebo

Amoebo é efervescencia, unha reconstrución da verbena galega, unha proposta de música urbana que se alimenta de ritmos latinos e do idol pop dos anos 80. Amoebo é festa e diversión sen tapuxos, bailes desmedidos e moito humor, todo isto reflectido en temáticas que tocan o costumismo galego, o amor, o sexo e o día a día da xuventude galega, desde unha visión do neto que mira con nostalxia ao rural desde un entorno máis urbano.

A banda propón directos cunha alta intensidade que incitan a mover as cadeiras e a chorrear de suor. Amoebo imita o formato orquestra a pequena escala, con interacción co público, bailes e escenografía sen fin. A

 

LITERATURA LGTBI+

festival ‘Atlantic Pride’ tamén vén de convocar o III Certame de Literatura LGTBI+, un concurso que pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+. As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI+, e poderán presentarse até o 31 de maio, optado a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100 euros).

O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival (do 7 ao 14 de xullo), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios. As bases de participación do III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride poden consultarse na páxina web oficial do festival: www.atlanticpride.es/certame-literario.

FESTIVAL ATLANTIC PRIDE

Festival Atlantic Pride nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras e, en 2022, regresou á súa esencia con toda a forza, enchendo A Coruña e as súas rúas de música en directo durante oito xornadas. En 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano. Desde a dirección do festival convidan ao público a non deixar de soñar: “as nosas redes sociais están sempre activas e abertas e sempre haberá espazo para as sorpresas no noso programa”.

A Coruña volverá ser a sede do Orgullo do Norte entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do devandito evento. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. No seu cartel está xa confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa (que actuará o sábado 13 de xullo), Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, e moi pronto desvelaranse novos nomes e actividades.

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Global Grafic.

ÚLTIMAS

Inés Rey sobre Feijóo: “non ten nada que achegar á cidadanía”

A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, sinalou que o líder do Partido...

A Garda Civil da Coruña recupera 16.700 euros e bloquea outros 126.000 en fraudes de investimento e estafas de factura

A Garda Civil da Coruña recupera 16.700 euros e bloquea outros 126.000 en fraudes de investimento e...

Colaboración entre a UDC e o Hospital de Ferrol para desenvolver lentes de realidade aumentada en cirurxía

Profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) colaboran co Campus Industrial de Ferrol...

Desestimada unha demanda por desafiuzamento nun edificio de Cambre promovida pola Sareb

A Audiencia Provincial desestimou o recurso de apelación interposto pola Sareb (coñecido como o...