InicioPOLÍTICAA Coruña, provincia onde os pequenos concellos de interior votan de xeito...

A Coruña, provincia onde os pequenos concellos de interior votan de xeito conservador mentres a costa se moderniza

Publicada o

Por Ángela Precedo

Galicia é diversa. A nosa terra é un territorio onde nada ten que ver a mentalidade nin a cultura das zonas da costa coas zonas do interior, a daqueles pobos máis do rural coa dos máis próximos á cidade ou a dos concellos con máis poboación moza que a de aqueles nos que os maiores de 65 son os que seguen a darlle vida. E toda esta diversidade tamén se reflexa nas urnas. Á hora de votar, hai tendencias que se poden observar claramente en cada provincia e que dende Galicia Confidencial tratamos de detectar facendo unha análise exhaustiva dos datos das últimas eleccións autonómicas deste 18F concello a concello, para contarvos as curiosidades de cada provincia e explicarvos máis polo miúdo que é o que aconteceu nestes comicios nos que se agardaba un cambio que finalmente non chegou. 

Comezando pola provincia da Coruña, facendo un panorama xeral, cabe destacar que se trata dunha provincia que está mudando pouco a pouco o seu voto. Se no pasado apoiaba indiscutiblemente ao PP, agora este, aínda que segue a ser o rei absoluto dos concellos de interior con poucos habitantes, onde lle saca grandes distancias á segunda forza (o BNG), xa non o é tanto nos concellos costeiros e máis grandes, onde aínda que segue sendo a forza máis votada, vese xa próximo ao BNG, que de seguir esta progresión ascendente lle podería chegar a adelantar en eleccións próximas, alo menos en algúns municipios dos que logo falaremos máis en detalle. Polo que respecta ao PSdeG, A Coruña foi, precisamente, unha das provincias onde este tivo unha maior desfeita, perdendo a confianza en concellos que en pasados comicios mesmo o arrouparan como segunda forza, e quedándose por baixo do 10 % dos votos totais na frioleira de 23 concellos dos 93 que ten a provincia (nun de cada catro).

O PP SUPEROU O 40 % DOS VOTOS EN TODOS OS CONCELLOS AGÁS EN 6: PONTEDEUME, MUGARDOS, AS PONTES, A CAPELA, FENE E CORCUBIÓN

En concreto, o PP foi a forza máis votada en todos os concellos da provincia agás en tres, onde o superou o BNG, aínda que non por moita diferenza de votos: Mugardos (36,72 % dos votos para o BNG fronte ao 37,57 % do PP); Fene (42,06 % fronte ao 35,62 %); e Corcubión (45,72 % fronte a 33,36 %). O municipio onde maiores apoios recabou o PP de Alfonso Rueda dentro da provincia foi Tordoia (3.259 habitantes), cun 68,30 % de votos para os populares (o BNG quedou moi lonxe, cun 19,66 % dos votos, e o PSdeG case foi residual, cun 7,30 %). E aínda que foi neste pequeno pobo de interior onde maior porcentaxe de voto colleitou o PP, hai outros 16 nos que tamén superou o 60 % dos votos, e ollo aos habitantes de cada un: Aranga (1.834 habitantes); Boimorto (1.959); Coirós (1.853); Curtis (4.053); Irixoa (1.340); Mañón (1.319); Mazaricos (3.341); O Pino (4.652); Rois (4.505); Santa Comba (9.365); Sobrado (1.730); Toques (1.107); Trazo (3.013); Val do Dubra (3.851); Vilarmaior (1.209); e Vilasantar (1.211).

Todos eles son concellos de menos de 2.000 habitantes a excepción de 6, e todos son de zonas do interior agás Mañón. En todos estes concellos o BNG foi segunda forza, pero a porcentaxe de voto en todos eles rondou o 20 % (unha terceira parte da obtida polo PP). Mentres, o PSdeG esborrallouse tremendamente, rondando o 10 % en moitos e non chegando nin ao 5 % nalgúns. Tamén houbo outros 33 concellos onde máis da metade da súa poboación (máis do 50 % dos votantes) elixiron ao PP de Alfonso Rueda: A Baña, A Laracha, Abegondo, Arzúa, Bergondo, Boqueixón, Cabana de Bergantiños, Cerceda, Cerdido, Coristanco, Frades, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Melide, Mesía, Moeche, Monfero, Muxía, Negreira, Ordes, Oroso, Ortigueira, Outes, Oza-Cesuras, Paderne, Padrón, Ponteceso, Santiso, Touro, Vedra, Vimianzo e Zas.

Se sumamos estes 33 concellos aos 17 nos que o PP sacou máis do 60 % dos votos, estamos a falar de que en 50 municipios dos 93 totais máis da metade da poboación votou aos populares. Ademais, é preciso resaltar que nos 43 concellos restantes o PP mantívose entre o 40 e o 50 % da porcentaxe de voto, agás en 6: Pontedeume (onde se quedou no 39,84 %), en Mugardos (onde colleitou o 37,31 % – aquí a forza máis votada foi o BNG), nas Pontes (cun 37,31 %), na Capela (cun 37,53 %), en Fene (cun 35,62 % – a forza máis votada foi o BNG) e en Corcubión (cun 33,36 % dos votos – a forza máis votada foi o BNG).

O BNG SÓ CAEU DO 20 % DOS VOTOS EN CATRO CONCELLOS: ARANGA, SOBRADO, TORDOIA E CAMARIÑAS

O BNG, pola súa banda, foi segunda forza en todos os concellos da provincia agás nos tres nos que foi a primeira (Mugardos, Fene e Corcubión) e en dous onde lle adiantou o PSdeG: Camariñas (o BNG sacou o 18,82 % dos votos fronte a un PSdeG que se alzou co 29,57 %) e Dumbría (o BNG quedouse co 25,45 % dos votos a un pasiño do 25,94 % logrado polo PSdeG). Ademais, os dous concellos onde recibiu maior porcentaxe de votos a formación de Ana Pontón foron, precisamente, en dous onde se alzou como primeira forza: Fene (vila mariñeira de 12.868 habitantes), onde se levou o 42,06 % dos votos; e Corcubión (vila mariñeira de 1.590 habitantes), onde se levou o 45,72 %. Con todo, os nacionalistas non foron quen de superar o 40 % dos votos en ningún concello da provincia máis.

Aínda que si superaron o 30 % en 45 dos 93 municipios que conforman o mapa da Coruña: A Capela, A Coruña, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Ames, Ares, Arteixo, Arzúa, As Pontes de García Rodríguez, Boiro, Brión, Cabanas, Cambre, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Culleredo, Dodro, Ferrol, Fisterra, Malpica de Bergantiños, Melide, Miño, Moeche, Muros, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Porto do Son, Vedra, Rianxo, Ribeira, Sada, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Santiso e Teo. Pero se en todos eles foi segunda forza, de onde sacou os votos para subir do 30 %? Non foi do PP, precisamente, que se aproxima ao 50 % dos votos en todos estes concellos e mesmo o supera nalgúns, senón do PSdeG, que cae ata o 10 % e menos. Fronte a só catro concellos onde o BNG colleitou menos do 20 % dos votos: Aranga (19,06 %), Sobrado (17,31 %), Tordoia (19,66 % – concello da provincia onde máis se votou ao PP) e Camariñas (18,82 % – onde lle adiantou como segunda forza o PSdeG).

O PSDEG COLLEITOU MENOS DO 10 % DOS VOTOS NUN DE CADA CATRO CONCELLOS, E MENOS DO 5 % EN VILASANTAR E AS SOMOZAS

E polo que respecta ao PSdeG, lembremos que só foi segunda forza en dous concellos: Camariñas (co 29,57 % dos votos fronte ao 18,82 % do BNG e ao 46,55 % do PP) e Dumbría (co 25,94 % dos votos fronte ao 25,45 % do BNG e ao 45,05 % do PP). Nestes dous concellos superou o 20 % dos votos totais, e tamén o fixo noutros tres (ata un total de 5): A Capela (23,59 %), As Pontes de García Rodríguez (20,67 %) e Vimianzo (20,48 %). Aínda que nestes tres últimos esa porcentaxe non foi suficiente para subir da terceira posición. No resto da provincia tamén foi terceira forza en todos os concellos. De feito, o máis preocupante para os socialistas é que en 23 dos 93 concellos da provincia (nun de cada catro), colleitou menos do 10 % dos votos. A situación máis dramática viviuna no municipio de Vilasantar (1.211 habitantes), onde se quedou co 4,19 % dos votos (o PP sacou o 65,39 % e o BNG o 26,97 %).

Por debaixo do 10 % tamén estivo en: Abegondo, Arzúa, As Somozas, Boqueixón, Cabana de Bergantiños, Carballo, Curtis, Mazaricos, Melide, Moeche, O Pino, Ordes, Outes, Ribeira, Rois, San Sadurniño, Teo, Toques, Tordoia, Trazo, Vilarmaior e Zas. E, de feito, estivo por debaixo do 5 %, ademais de en Vilasantar, tamén nas Somozas, onde non logrou superar o 4,76 %. Polo menos, no caso da provincia da Coruña, non se quedou por debaixo do 10 % dos votos en ningunha das tres grandes cidades: Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela.

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

Dispositivo especial de seguridade este sábaod para o encontro Deportivo-Sporting de Xixón

A Policía establecerá un dispositivo especial desde o sábado polo partido que enfrontará o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here