InicioA CORUÑAA CIG reprocha "mala xestión" na cobertura de médicos na área sanitaria...

A CIG reprocha “mala xestión” na cobertura de médicos na área sanitaria da Coruña

Publicada o

Por europapress

A CIG reprochou á xerencia da área sanitaria da Coruña e Cee “mala xestión” en relación á oferta de prazas de interinidade, cun “empeoramento das condicións laborais”. Nun comunicado, asegura que a xerencia ofreceu hai uns días unha interinidade de persoal médico de familia no municipio de Ponteceso e outra en Teixeiro e que, tras unha vintena de negativas, un médico e unha médica, aceptaron.

“Pero, ao pouco, recibiron unha chamada da xerencia na que se lle informaba de que cambiaban as condicións e agora ofrecíanlles estas prazas en interinidade pero non como medicina de familia, senón como persoal facultativo especialista de Atención Primaria, o que implica o deber de facer gardas” cando nas ofertadas inicialmente, era voluntario.

“Levamos ouvindo á Consellería de Sanidade botar balóns fóra sobre a falta de profesionais, un día si e outro tamén, dicindo que a responsabilidade é do Ministerio, que non convocan prazas MIR, pero a Consellería ten moita responsabilidade na xestión, nas condicións de traballo que ofrece”, denuncia Ramón Beiras, delegado de CIG-Saúde.

“Empeorando as condicións de traballo é imposible conseguir máis recursos, é imposible que os médicos e médicas acepten”, recalca o representante sindical para quen “esta non é a solución porque vai supor un empeoramento da Atención Primaria”. Por iso, esixe que se ofrezan as prazas “como interinidades de medicina de familia”.

RESPOSTA DA XERENCIA

Pola súa banda, consultada por Europa Press, a xerencia sinala que teñen a obrigación de cubrir as prazas de acordo ao pacto de contratacións e coa categoría profesional autorizada para esas prazas. “Todas as vacantes de médicos de Atención Primaria que non se solicitan por traslado convértense en persoal facultativo especialista en Atención Priamria para cubrilas de forma interina ata a seguinte convocatoria”.

“Xeralmente estas prazas son ofertadas por concurso de méritos para ser cubertas de forma estable, en propiedade”. “Este proceso ten como obxectivo, precisamente, cubrir as necesidades asistenciais en zonas de difícil cobertura que, doutra forma, non contarían con persoal médico nos seus centros de saúde”, engade.

ÚLTIMAS

Decretan emerxencia sanitaria en Cambre para contratar de forma urxente a limpeza en colexios

A alcaldesa de Cambre, María Pan Lesta, acaba de asinar un decreto co que...

Un estudo da UDC apela ao papel das novas tecnoloxías para garantir “transparencia” en catástrofes marítimas

Responsables do terceiro volume do Anuario de Estudos Marítimos, que edita o Instituto Universitario...

Aprobada unha moción no Concello da Coruña para revisar o convenio de 2004 sobre o futuro dos peiraos

O pleno da Coruña aprobou este xoves, por unanimidade, unha moción para a revisión...

Operación Ospyl: incautadas miles de agullas e tintas de tatuaxe de contrabando

A Garda Civil realizou unha inspección de 23 locais de tatuaxe, micropigmentación e piercing na provincia da Coruña...