InicioECONOMÍALage Tuñas é o concelleiro da Coruña con máis propiedades ao seu...

Lage Tuñas é o concelleiro da Coruña con máis propiedades ao seu nome e cartos no banco, sabes cantos ten Inés Rey?

Publicada o

Por Ángela Precedo

A declaración de bens é algo ao que todos os políticos que exercen un cargo público teñen que presentar ao tomar posesión. Despois de que pasasen cinco meses dende que se constituíu a Corporación municipal sen facelo e tras as reiteradas peticións por parte do BNG, a alcaldesa e os concelleiros do Concello da Coruña publicaron este mércores a relación das súas propiedades no portal de transparencia. E hai sorpresas. Dende o Galicia Confidencial realizamos unha exhaustiva análise dos bens cos que conta cada un e tamén do saldo que teñen nas súas contas. Quizáis despois de ler isto remates pensando que a túa situación económica tampouco é tan mala, pois aínda que hai quen ten 6 casas e unha boa cantidade de cartos no banco, tamén hai quen ten préstamos hipotecarios xigantescos e quen non chega nin aos 2.000 euros na conta a pesares de non ter propiedades inmobiliarias ao seu nome. Queres saber quen é quen? Continúa lendo!

INÉS REY, ALCALDESA: UNHA FINCA URBANA E POUCO MÁIS DE 11.000 € NO BANCO

Contra o que cabería agardar, non é a propia alcaldesa da cidade herculina a que sae mellor parada nin a que conta con máis propiedades, de feito, é das que menos ten. Inés Rey tan só ten ao seu nome unha finca urbana na Coruña por valor de 30.718,34 euros. Máis aló diso conta cun coche modelo Volvo XC90 do 2013, pero só ao 50 %. E ten tres contas correntes con 10.589,79 € (CaixaBank), 456,17 € (Aforro Santander, da cal é cotitular) e 594,52 € (conta colectivo xustiza). A maiores tan só ten outra conta de aforro que é un fondo de inversión destino 2040 na que ten 3.266,83 €. Alo menos non ten ningún préstamo pendente, nin hipotecario nin persoal.

LAGE TUÑAS, CONCELLEIRO DE ECONOMÍA: 6 CASAS E 75.000 € NO BANCO

O concelleiro que se leva a palma no que ten que ver con propiedades e con cartos no banco é, sen lugar a dúbidas, José Manuel Lage Tuñas, concelleiro de Economía e Planificación Urbana, que ten nada menos que 6 vivendas en propiedade: unha en Noia (2006), tres en A Coruña (unha do 2010 e dúas do 2022), unha que recibiu en herdanza (2017) e outra que recibiu en doazón (2014). Ademais, tamén conta con dúas prazas de garaxe, unha da súa propiedade ao completo (2006) e outra ao 50 % (2010). Tamén no 2017 obtivo varias fincas rústicas como herdanza. En automóbiles non loce, pois tan só conta cun Peugeot 207 que lle foi herdado no 2010. Agora ben, na súas contas correntes ten: 75.000 € na que é da súa titularidade ao completo; 340 € nunha das que é cotitular; e 30.000 € na outra da que é cotitular. E ten unha conta de aforro ao 50 % na que hai outros 70.000 €.

Iso si, ten que facer fronte a dous préstamos hipotecarios, un na súa totalidade, pedido no 2022 por importe de 123.000 €, e do que lle quedan por pagar 115.000 €; e outro do que ten que pagar o 50 % que lle correspondería a el, solicitado no 2010 por importe de 180.000 €, dos que aínda debe abonar 139.000 € (69.500 € en realidade xa que ese préstamo foi pedido ao 50 %). A isto súmanse dous seguros de vida e un plan de pensións no que ten 10.761 € metidos. Finalmente na súa declaración tamén fai referencia a varios reloxos e xoias que herdou no 2017, momento no que tamén lle foron herdados varios cadros serigrafiados de Lamazares.

DÍAZ VÁZQUEZ, CONCELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE: UNHA COPIOSA HERDANZA

Por detrás de Lage Tuñas habería que destacar o patrimonio da concelleira de Medio Ambiente e Sanidade, Noemí Díaz Vázquez, que no 2023 pasou a ter unha parte herdada de varias casas e almacéns. En concreto, a concelleira socialista conta cun piso ao 50 % que adquiriu no 2021 por valor de 75.337,10 €, así como cun garaxe e un rocho correspondentes ao mesmo ano. Xa no 2023 obtivo en herdanza o 12,5 % de dous almacéns de estacionamento (un por valor de 99.408,58 € e outro de 76.285,19 €), doutro almacén sinxelo (por valor de 78.144,43 €), de tres vivendas sen ascensor (por valor de 61.338,38 €, de 60.800,33 € e de 61.338,38 €), dunha vivenda con almacén (por valor de 59.331,72 €), dunha parte dunha finca matriz (por valor de 20.650 €) e dun solo sen edificar (por valor de 903,63 €).

Ademais, conta con tres vehículos: un Toyota Prius do 2011, unha moto Motoguzzi V7 Stone do 2018 e un Mercedes C220 CDI que recibiu en herdanza ao 50 % e que foi matriculado no ano 2001. Pasando ás súas contas correntes, ten 10.000 € no banco e outros 67.000 € nunha conta de aforro. Iso si, ten que facer fronte ao pago dunha hipoteca ao 50 % de 245.000 €, dos que lle quedan por pagar 180.760,36 €. Ademais, conta cun seguro de vida por valor de 75.000 euros.

CONCELLEIRO DE FOMENTO: CATRO COCHES, TRES DE ALTA GAMA

Deixando a un lado estes casos nos que as propiedades inmobiliarias son moi numerosas, dos demais concelleiros tamén se poden destacar certas curiosidades. Como por exemplo, os catro coches cos que conta o concelleiro de Fomento e Promoción da cidade, Gonzalo Henrique Castro Prado: un Peugeot 205 do 1986, un Jaguar S-type do 2004, un BMW 320 do 2005 e un Audi Q5 do 2018. Como propiedades inmobiliarias ten un piso na Coruña ao 33 % (1997) e varias fincas: tres en Ordes ao 33 % (unha que recibiu no 2003 e outras dúas no 2014) e unha en Oleiros ao 50 % (que recibiu no 2018). A súa conta corrente ten 23.843,94 € e non ten ningún préstamo pendente.

CONCELLEIRO DE EDUCACIÓN E EMPREGO: TITULAR DUNHA SOCIEDADE

Tamén se pode destacar o caso dun concelleiro que ten unha sociedade propia: Babalú Studios S.L. Este é Juan Ignacio Borrego Sánchez, concelleiro de Educación e Emprego. Como dono da empresa, ten 400 accións nela por valor de 4.000 euros. Iso si, non conta con ningunha propiedade inmobiliaria ao seu nome a pesares de ter un préstamo hipotecario pedido por valor de 50.000 €, do que lle queda por pagar a metade, 25.000. É propietario de dúas motos: unha Honda CB 750 ‘Seven Fifty’ do 2001 e unha Honda CrossRunner 800 ABS do 2019. E a súa conta corrente ten 5.000 euros.

CONCELLEIRA DE TURISMO: SEN CASAS AO SEU NOME E CON 7.300 € NO BANCO

A outra concelleira que tampouco conta con propiedades inmobiliarias ao seu nome é a de Turismo, María Diana Sobral Cabanas. Tan só ten un coche do modelo Mercedes Benz Clase B matriculado no 2012 e unha conta corrente ao seu nome en CaixaBank que non supera os 7.300 euros. Ademais, está pagando un préstamo persoal que solicitou polo importe de 15.000 euros, e do que lle quedan por pagar 1.734,55 euros.

CONCELLEIRA DE BENESTAR: PISO ARRENDADO AO 50 % QUE XERA 9.800 € AO ANO

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, é a única do concello que conta cunha propiedade en réxime de arrendamento ao 50 % que lle está a xerar un beneficio anual de 9.848 euros. Como patrimonio inmobiliario conta cunha vivenda herdada no 2002 ao 25 % por valor de 50.560,57 € e outra vivenda ao 50 % que adquiriu no 2020 por valor de 45.395,90 € a súa parte. Tamén ten un coche modelo Peugeot 307 SW matriculado no 2006Na súa conta corrente figuran 5.000 euros e ten que facer fronte a dous préstamos: un hipotecario de 180.000 € (do que ten pendentes 150.000 €) e un persoal de 20.000 € (do que ten pendentes 14.000 €).

CONCELLEIRA DE MOBILIDADE: 2.000 € NO BANCO E 170.000 € POR PAGAR

Agora ben, se 5.000 euros en conta corrente parecen poucos, menos ten a concelleira de Mobilidade, Transporte e Parques e Xardíns, Nereida María Canosa Domínguez, que ten baixo a súa titularidade unha conta con 2.000 € e outra conta ao 50 % na que hai 1.000 €. Como patrimonio inmobiliario posúe o 36,01 % dunha casa que obtivo no 2022, por valor de 47.591,57 €; e ten tamén un vehículo modelo Mazda CX-5 matriculado no 2020. A maiores conta cun depósito a plazos con 1.500 euros e ten que facer fronte a un préstamo hipotecario por importe de 173.956,02 € (do que ten pendente de pago 167.730,14 €).

CONCELLEIRO DE URBANISMO: DÚAS HIPOTECAS DE 125.000 € E DE 280.000 €

No caso do concelleiro de Urbanismo, Francisco Dinís Díaz Gallego, este ten ao seu nome o 33 % dunha vivenda que obtivo no ano 2012, valorada en 64.169,31 €; e o 50 % doutra vivenda que adquiriu no 2019, valorada en 106.888,14 €. Non ten coches ao seu nome e na conta corrente dispón de 4.500 €. Ademais, ten dous grandes préstamos hipotecarios pendentes: un por importe de 125.000 euros (do que lle quedan por pagar 94.372 €) e outro por importe de 280.000 euros (do que lle quedan por pagar 246.637 €).

CONCELLEIRO DE DEPORTES: HIPOTECA DE 90.000 € E CRÉDITO DE 30.000 €

Seguindo con concelleiros que teñen que enfrontar dous préstamos, neste caso un hipotecario e outro persoal, ambos ao 50 %, estaría o concelleiro de Deportes, Manuel José Vázquez Martínez. O préstamo hipotecario foi por valor de 90.151,82 € (e ten pendente de pago só 2.341,16 €) e o persoal por valor de 30.000 € (do que lle quedan por pagar 12.416,70 €). Como patrimonio inmobiliario conta con dous pisos ao 50 %, un adquirido no 2020 e valorado en 76.779,05 € a súa parte; e outro que recibiu como herdanza no 2017 valorado en 34.069,91 € a súa parte. Na conta corrente ten 15.600 € a medias co cotitular. E conta con dous vehículos da súa propiedade: un Mercedes GLA 200 do 2020 e un Audi A4 1.9 TDI do 2001.

CONCELLEIRA DE INTERIOR: VARIAS PROPIEDADES NO RURAL LUCENSE

Finalmente, a concelleira de Interior e Seguridade, Montserrat Paz Romero, destaca por ter varias propiedades no rural lucense: unha vivenda en Vilalba adquirida no 2009; nove fincas rústicas en Xermade que recibiu como herdanza no 1995; e outras dúas fincas urbanas que recibiu en herdanza, tamén en Xermade, no 1995. Conta con dous vehículos: un Peugeot 207 matriculado no 2011 e un Hyundai Kona do 2023. Na súa conta corrente hai 13.837,78 € e está a afrontar dous préstamos: un hipotecario, co Banco Santander, por importe de 67.000 € (do que lle quedan por pagar 30.055 €); e un persoal, co Banco Cetelem, por importe de 27.512,25 € (do que ten pendentes 26.179,52 €).

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

Dispositivo especial de seguridade este sábaod para o encontro Deportivo-Sporting de Xixón

A Policía establecerá un dispositivo especial desde o sábado polo partido que enfrontará o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here