Era “O Partido”. A 6 xornadas do remate desta igualadisima LEB Oro, chegaba o Tizona Burgos, 2º clasificado, ao Forno de Riazor. E a afección laranxa (cumplia 8 anos o Tsunami Laranxa e non deixou de alentar un só minuto), así como o equipo de Diego Epifanio, responderon cun partidazo dos que imos lembrar moito tempo. O equipo estivo 16 abaixo no primeiro tempo pero nin afección nin equipo deixaron de crer a pouco a pouco foron cimentando a remontada na coralidade que o caracteriza, para completar un 97-91.
A vitoria deixa ao cadro coruñés con 2 vitorias de diferencia ante 4 equipos, pero tamén co basketaverage a favor con case todos, a falta de 5 xornadas. 3 pasiños para conseguir o soñado ascenso á ACB, a máxima categoría do baloncesto estatal.
Un partido de moito ritmo
Arrincaba o choque con moito ritmo, cos burgaleses (ben por eses 50 siareiros do humilde club que se achegaron a Riazor e non deixaron de animar) impoñéndose tanto en defensa como en defensa. Con case un 50% en triplas colocábanse 14-26 ao final do primeiro cuarto tras varios tiros fallados, claros e mesmo tiros libres, dos laranxas. A presión en todo campo facía que cada saída de balón fose un suplicio para os de Epi, chegando a colocarse 16 arriba o cadro visitante.
Foi entrando a segunda base herculina, máis físico, e o aumento de intensidade e os axustes en defensa comezaron a permitir pechar mellor o rebote, o que xunto con varios aclarados e a mellor circulación de balón en ataque permitiu chegar ao descanso apenas 4 abaixo, 39-43.
O terceiro cuarto comezou igual que o primeiro, entrando eles moito mellor no partido, pero esta vez a empanada local durou menos. O equipo botaba de menos a Huskic, os seus puntos, pero, sobre todo, a súa lectura do partido, con malas decisións e moitos balóns perdidos, pero con aparicións de Barrueta, ou Aris foron achegándose pouco a pouco e conseguía empatar a 52. Xa non lle entraban tanto aos visitantes, gracias á defensa laranxa.
Pero as transicións, por veces, eran demasiado rápidas e o equipo perdeu varias contras por ese afán por correr que ten este equipo, e que tan ben lle senta, ao xogo e ao espectador.
Bos minutos de intimidación e rebote de Diagne, a pesar desas mans de manteiga habituais que lle impiden ser un xogador diferencial. E no ataque, aparecían os menos habituais, cos ataques de furia de Galán, e da man de Junior e Lundquist. Alex Font sumaba intanxibles e Aris tivo grandes minutos ante as faltas de Jakovics.
Non estaba acertado pero chegou o momento e apareceron un gran Lundqvist (tanto en ataque como en defensa), Barrueta, Jakovics e, sobre todo Beqa Burjanadze, con varias triplas, para ir escapando no marcador, aproveitando ademais 4 tiros de tres claros errados polos burgaleses, pagando o esforzo feito ao longo do partido coa presión en todo campo. O partido estaba do noso lado, e finalmente rematou cun 97-91 que demostra que este ano ten que ser.
A coralidade deste equipo
”Sufrín moito pero creo que os espectadores disfrutou moito. Ogallá se siga vivindo o ambientanzo”, sinalou o adestrador Diego Epifanio ao remate do partido agradecendo á afección laranxa que nunca deixara de crer. Valorou que “o equipo que non perdeu os nervios nos momentos complicados”, pero cómpre destacar a rotación que ten enchufada, e que fai da coralidade a meirande potencia deste equipo. Cando Barrueta non está aparece Beka; cando Huskic está frouxo, Galán saca a garra. Cando Jakovics non está acertado, aparece Aris.
Ten 10 xogadores enchufadísimos o equipos, e mesmo non se sabe cal é a primeira unidade. De feito, Epi remata os partidos con Jakovics, Barrueta, Font, Burjanadze e Huskic en cancha, pero de inicio sairon onte Aris e Galán, por exemplo. Pero é que a aportación Lundqvist, Mcdonnel e o querido Antu Diagné é fundamental para manter o nivel físico que vai levar a esta cidade a competir na ACB.
Este domingo, nova parada
Este domingo, o pavillón de Riazor acolle outra parada cara o ascenso. Será ás 18:00h ante Valladolid.
- Crónica realizada por Marcos García Patiño.