InicioCULTURA“Queremos ir creando unha rede da escena rur-urbana galega”

“Queremos ir creando unha rede da escena rur-urbana galega”

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Emerxe o “tradi” máis electrónico, e tamén emerxe no país a música urbana. Os Boyanka Kostova, Medomedá, Los Jentes del Trópico, Rabelo, Berto… van abrindo camiño para que os ritmos máis desenfadados e actuais vaian collendo acento “gallegho”. Hai aí unha imperiosa necesidade de crear referentes galegos da música máis escoitada pola mocidade, de estruturar a escena urbana, ou máis ben “rur-urbana”.

Ese é o principal obxectivo da nova produtora Aaldea Music, “apoiar e potenciar o talento emerxente, democratizar o acceso á industria da música e estruturar a escena da música rur-urbana galega”. Así de claro o ten Jaime Lanchas (A Falperra, 1991), o seu CEO, tamén coñecido como SkyJota. Non hai nin un ano que puxo en marcha a produtora pero a base de “honestidade, cercanía, humildade e confianza” cre na posibilidade de ir tecendo unha rede que xa ten o “tradi” no “mercado galego” da música fresca, para cumplir o seu propósito: ”levantar a industria de música galega”.

Ten xa en cartel xentes como C Mirazo, que o está petando dende unha aldea de Brión; Kid Mount (Xinzo), Eris Mackenzie (un rapaz de Castelo, Carral, que fai un indie pop experimental, fusionando o tradicional con música electrónica), C Maldito (Santiago/Muros), Willow GZ (As Neves, Porriño), Juantxo (da Falperra pero cirado en Bruxelas, que “rapea duro) ou a coruñesa/ceense Hydn, que non vai parar ata cantar na lúa (no Luar xa o conseguíu, por suposto).

”Hai que apoiar esta xente. Para nós é primordial, fan falta referentes. Se non os rapaces van ir buscalos a outro lado”, valora.

Identidade

Unha das partes fundamentais da produtora é a identidade. E para identificarse é necesaria a lingua galega. “É certo que non queremos facer un activismo explícito, iso xa existe, pero nós facémolo como nos nace, temos un rollo máis fácil, máis distendido. O asunto é normalizalo, eu canto así porque eu falo así, como lle cantaría aos meus colegas. Non é un statement, son galego. Pode parecer un rap de Atlanta, pero é Mirazo en galego dende a súa aldea de Chave de Carballo, en Brión, porque fala en galego, que lle vai facer”, explica Jota coa meirande naturalidade. “Non prestamos moita atención ás normativas, nin corrección cos castelanismos, é máis ben unha aposta pola honestidade da fala natural, porque falamos así. Podes escoitar unha colaboración que temos C Mirazo, Kid Mount e mais eu e hai 3 galegos distintos e igual de reais, un de Brión, un das Neves, un de Castelo.”.

”Para lin a lingua vai máis aló que a lingua en si, é como te expresas. Mirazo ten temas en castelán, pero en español de Galicia. E tamén vai do que falas. Se eu che falo de que estou en Miami con mi chori, vas pensar “pero que di este tío”. Pero se che falo que vou por unha pista, ou que estou detrás do palco coa miña moza… se traio esas referencias máis nosas xa sei que te estou contando unha historia de verdade. E a través deses costumbrismo, desas cousas que temos todos diante, imos medrando”.

E de feito, xa se ve nos vídeos que lanza a produtora, con cociñas de ferro, pistas repletas de eucaliptos ou faiados (“se digo desván xa non é o mesmo”). “Un barrio de negratas parécese máis a unha aldea galega que a un barrio residencial de Madrid”, conclúe.

Produtor

SkyJota, tamén canta, “pero a nivel cantar prefiro ser un secundario, céntrome máis en intentar desenvolver as carreiras dos demais”, apunta consciente de que para ofrecer confianza non pode poñerse por diante.

Comezaba en 2008 autoeditándose un EP ao rematar Son na EIS de Someso, intentando centrarse na comercialización. Tivo a súa banda de trap, Monte Alto Diablos, e ten feito de promotor, ás veces facendo cousas máis técnicas, como organizador, facendo marketing, electrónica… Tamén compaxinaba coa hostalería, e coa pandemia marchou a Madrid a facer un master de produción, e conseguíu facer unha beca nunha escola internacional. Pero tiña claro que quería volver a casa.

”Eu quero facer colectivo aquí. Penso que xa se nos está tomando en conta. Pero tamén creo que faltan conexións orgánicas naturais entre a chavalada da a música urbana, e a industria. Fai falta unha escena coordinada como xa hai na electrónica. E creo que aí aportar o noso para unificar”, apunta sinalando que a produtora quere apoiar proxectos emerxentes, solidarios…

C Mirazo no estudio Aaldea con Jaime Lanchas Skyjota
C Mirazo no estudio Aaldea con Skyjota

O tradi e o trap

Á pregunta das sinerxias que pode haber entre a efervescencia do “tradi”, e o “boom da música urbana galaica”, Jaime creo que o camiño ten que ir da man. “Os que se criaron nos 80 tendes esa base de rockanroll, despois está a xente do tradi, que naceu aí, pero que ten que engadir ese rollo electrónico por esa reinminscencia, porque lle falta esa presión do baixo gordo. Pero esta xeración o que escoita cando vai de festa é música urbana, mainly. Somos fillos dese mainstream dese bombardeo comercial”. Entón tes por un lado o “o tradi con toques electrónicos, e agora xa comeza música urbana poñéndolle o tradi como engadido”.

Confiado no camiño aberto avisa de que “de aquí a 4 anos imos ter un nicho de urbana pero con identificación galega, máis o menos grandes”, e pon de exemplo a Hydn, “que fai un pop algo máis “serio” con toques identitarios, pero como fixo no seu momento Rihana cos roques afro”. “Hydn creo que podería ser unha diva con identidade galega. É meticulosa, esixente, moi traballadora, a cabeza vaille rapidísimo, e é moi ambiciosa pero no bo sentido… falando con ela sempre lle digo que cando estea cantando por todo o mundo vaime pedir que a leve a unha estación espacial.”

”Cando máis empuxe esta xeración máis fácil o terá a seguinte”, conclúe.

ÚLTIMAS

A Coruña, designada oficialmente como sede do Mundial 2030

Por fin, a FIFA acaba de aprobar oficialmente a candidatura de Riazor como sede...

O pleno ratifica a suspensión cautelar do Plan das Percebeiras

Paso atrás do Concello sobre o polémico proxecto de urbanización das Percebeiras. Se no...

O IES Puga Ramón ten “Moito Coidado” coas Infeccións de Transmisión Sexual

O IES Rafael Puga Ramón acollía onte a estrea do spot “Moito coidado”, que...

O funcionariado sae á rúa para esixir unha solución ao concerto sanitario de MUFACE

A asistencia sanitaria de máis de 1.500.000 funcionarias e funcionarios está pendente da a...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here