O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, cualificou de “urxente” dar unha resposta ao futuro dos peiraos do porto interior da Coruña e á débeda contraída pola Autoridade Portuaria pola execución do porto exterior, durante a súa visita na cidade.
Para iso apelou ao consenso como fixo tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa, Inés Rey, de cara á reunión que as administracións, xunto a outros representantes implicados, manterán o próximo 22 de maio na cidade herculina. Foi con motivo da presentación do avance do plan director do Corredor Atlántico para Galicia, no Palacio Municipal de María Pita, e tras a viaxe do ministro desde Madrid ata A Coruña nun dos novos trens de alta velocidade da serie 106 de Renfe, que Talgo comezou a entregar a finais de abril co nome comercial de Avril.
“É urxente dar unha solución ao porto interior que faga viable a situación financeira da Autoridade Portuaria”, sinalou o ministro quen incidiu, ademais, nos usos futuros para abrir esa zona á cidade. Neste sentido, expuxo que traballan, no seu caso, con tres liñas: un convenio coa Xunta e o Concello patra o traslado da actividade ao porto exterior, un acordo para o uso conveniado de “as 80 hectáreas liberadas” e unha reestruturación da débeda contraída pola Autoridade Portuaria co Estado.
“SEGUNDA VIDA” Á CIDADE
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou, en referencia a unhas negociacións que supoñen abrir unha nova vía fronte aos convenios de 2004, que hai que “reinventar” para que haxa unha “mellora” nas actuacións previstas. Todo iso de cara a unha “solución” e “unha segunda vida a esta cidade”, engadiu sobre o que a alcaldesa, Inés Rey, cualificou como a “segunda modernización”.
No seu discurso, ante as autoridades presentes e outros representantes, Rueda avogou polo diálogo e a colaboración “por encima de formulacións ideolóxicas”. A iso, referiuse tamén a rexedora coruñesa quen defendeu unha “colaboración interadministrativa” e un traballo “da man” para a integración da fachada marítima da cidade. “A maior transformación en décadas”, apostilou.
ESTACIÓN INTERMODAL
O acto contou tamén coa presenza do comisionado do Ministerio para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, que fixo balance do plan director do mesmo. Durante a súa intervención, remarcou que a previsión é que a estación intermodal da Coruña estea finalizada en xuño de 2026, mentres subliñou o investimento na execución da mesma.