A fachada desta casa de Curtis, a partir deste momento, non deixará a ninguén indiferente. “Desde o intre en que esta vivenda dos meus pais pasou a ser miña, tiven claro que quería que fose o lenzo, a través do cal, render homenaxe ao meu bisavó”, relata Emilia Seoane, nada en Curtis, onde xa non vive, pero se lle coñece cariñosamente como Piruca. Xustamente, ao seu bisavó tamén se lle coñecía por un alcume, “O tío Benito do Santo”, cuxo nome real era Benito Seoane. “Polo que me contaron, aínda as persoas que recordan e que saben del, sobre todo por transmisión oral, foi un home de admirar e valorar, por ser xeneroso e ter un espírito comunitario”, afirma Piruca sobre Benito.
Benito Seoane Paredes, coñecido por todo o mundo como tío Benito do Santo, naceu no 1859 e faleceu no 1938, sendo “unha persoa lonxeva daquela, que viviu 79 anos”. As distintas fontes de transmisión oral expoñen que doou terreos fundamentais para o desenvolvemento da vila. Espazos como a igrexa, a casa reitoral ou as escolas. “Tamén se fala do antigo campo da feira, que tería orixes na persoa do bisavó Benito”, afirma.
UNHA CASA CONVERTIDA EN LENZO
“Quería homenaxear ao meu bisavó e tamén facer algo que a vila puidese desfrutar, que a fixera ser punto de referencia e atención, tanto para a comunidade local como para calquera visitante”, comenta Piruca, chea de orgullo por ter alguén da familia que na época tivera esa maneira de ser e pensar. Destaca que quixo facer un mural ao considerar que unha das características da arte urbana é que aínda que se promova a título persoal, se converte en arte, nun museo ao aire libre para que tamén outras persoas desfruten. “A iniciativa foi completamente miña e desde a miña economía particular”, confesa.
Para facer realidade esa homenaxe confiou plenamente en Sfhir, un artista urbano que vén recentemente de ser recoñecido co mellor mural do mundo de 2023, así fala Piruca da elección: “O meu proxecto nace no mes de xaneiro e xusto acababa de recibir este premio de Street Art Cities e considerei que non había ninguén mellor para levar a cabo as miñas ideas”. Nun inicio contactou con el e pasoulle datos fotográficos e documentais para contextualizar quen era o bisavó e actualmente a obra acaba de ser finalizada. “Estou moi contenta de que quede en Curtis unha obra de Sfhir e que se converta nun pequeno embaixador da vila, a través dos escenarios onde a súa obra é visible”, expón.
Na fachada principal poden lerse diferentes frases, que teñen un significado fundamental para Piruca: “Quero agradecer a estas persoas que fixeron por que non se perda a historia do pobo, Andrés Mariño coas publicacións O Deus Curtis, estación Curtis e Memoria fotográfica de Curtis; a Isabel Ríos con Testemuño da Guerra Civil: e a asociación Amigos de Curtis“. O feito de ter un fondo documental facilita obter unha fonte de imaxe á que recorrer.
E como reciben os veciños da vila esta iniciativa? “Isto tamén é para a xente que recorda ao tío Benito dos Santo e esa época e o conta unha e outra vez. Sen ir máis lonxe, na última feira á que viñen a xente me dicía que estaba quedando moi bonito e contaban unha e outra historia relacionada”.
“O RETO ERA TRANSMITIR TODO ISTO DE MANEIRA GRÁFICA”, SFHIR
Coñecido artísticamente como Sfhir, este artista plástico madrileño, é o autor do que hoxe se pode apreciar na casa de Emilia. “Podemos ver distintas frases de testamentos e de libros que escribiu outra xente falando de Benito Seoane, un pequeno debuxo de Benito noutro lado da fachada e como era Curtis naquela época”, describe Sfhir, que tivo por diante o reto de transmitir de maiera gráfica toda esa información, algo que “non era doado”. En tan só unha semana foi quen de facelo, un artista, do que en Galicia se coñece ben un mural en concreto. É o autor da violonchelista de Fene, o mellor mural do mundo en 2023.
“Eu veño do graffiti e sempre tratei de manter esas orixes e trasladarllo á xente. Busco apostar por rachar co concepto de que o graffiti é algo molesto, cando, ao final, é unha inquedanza de moitos mozos e mozas que tampouco se fomenta coa educación”, recoñece. Neste sentido, expón que nin sequera nas “propias universidades de Belas Artes se traballa máis a teoría que a práctica”. Por isto, considera que é unha sinatura pendente nesta sociedade e que sempre houbo moito descoñecemento desde o público xeral.
Sfhir aprendeu o oficio de forma autodidacta, probando con materiais, escultura, diferentes disciplinas e sempre desde a experimentación… Curiosamente é informático de profesión, pero a paixón o levou ata onde está agora. Por isto se tivese que dar un consello a quen ten dúbidas, sería o seguinte: “Que crean nos seus soños, que por moito que digan que é unha profesión sen saída ou futuro, o feito de intentalo, xa é un logro”.
“GALICIA É UNHA PROLÍFICA DENTRO DESTA DISCIPLINA”
A obra de Sfhir xa é un expoñente da arte urbana en Galicia, unha comunidade da que destaca que é “moi prolífica dentro desta disciplina”. Considera que se está fomentando tanto a creatividade como a estética e menciona artistas como Lula Goce, Seco ou Diego As e o Festival DesOrdes Creativas. Falando de festivais, conta: “De non ser polo Festival Meninas de Canido, seguramente non tivese estado en Fene e non tivese realizado o mural que representa á perfección o que fago”.
Un artista plástico que xoga co 3D, emprega o graffiti e declarado fan dos grandes formatos. Deste mural de Curtis destaca que está nunha zona moi bonita, da que desfrutou durante estes días, así como da hospitalidade da xente da zona. “Nótase que coñecían a Benito e penso que tamén pode ser unha forma para que os máis novos se decaten desta historia”, expresa. Para Emilia ten palabras de agradecemento e defínea como “unha persoa marabillosa, que ten moito respeto polo artista”. Así, traslada os seus parabéns e admiración pola homenaxe que lle fixo ao seu bisavó e polo esforzo que iso conleva.