InicioSOCIEDADEO Campo da Leña acolle este mércores a Festa pola República

O Campo da Leña acolle este mércores a Festa pola República

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro
  • 60 entidades galegas apoian o manifesto “Non queremos monarquía”.

— — —

A Festa pola República celebrarase o mércores, 19 de xuño, coincidindo co 10º aniversario da coroación de Felipe VI, a partir das 20 horas, no Campo da Leña (praza de España) da Coruña. O evento será presentado polo incombustible Xurxo Souto e a escritora Beatriz Maceda e o escritor Henrique Rabuñal lerán un breve texto sobre a República.
Serán seis as actuacións musicais: Grupo Ozáns, Mini, Xosé Taboada, Paco Campos, Grupo Parabéns e Tombalobos Orquestra.

Así o explicaron na ronda de prensa os responsables da plataforma cívica Galiza pola República, da que forman parte máis de 60 organizacións do país. Ademais de ler o manifesto que compartimos abaixo, aproveitaron para facer un resumo das actividades realizadas pola Plataforma dende 2014, cando abdicou Juan Carlos na cidade da Coruña:

Así mesmo, divulgar a festa, colocaranse mesas informativas o luns, 17 de xuño de 19 a 21 horas no Cantón Grande da Coruña, e o martes, 18 de xuño, de 18 a 21 horas no Campo de Marte, xunto á biblioteca da Asociación Veciñal de Monte Alto.

As accións da Plataforma

O 19 de xuño de 2014, coincidindo coa coroación de Felipe VI unha plataforma cívica de entidades da comarca da Coruña convocaba unha manifestación baixo o lema “Galiza pola República e polo dereito a decidir”, coa participación de máis de 3.000 persoas.

Posteriormente, constituíase a plataforma cívica Galiza pola República que convocaba unha concentración no Obelisco da Coruña o 23 de xullo de 2019 de 2019, cando se cumpría o 50º aniversario da designación polo ditador Franco de Juan Carlos como o seu sucessor na Xefatura do Estado; e outra concentración o 13 dea bril de 2021, coincidindo co 90º aniversario da proclamación da Repúlbica, cun manifesto apoiado por máis de setenta entidades de Galiza.

O manifesto da convocatoria da manifestación de 2014 lembraba: “A Coruña é unha cidade cunha forte tradición republicana e así o manifestou cando puído elixir libremente. Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931, que acabaron coa monarquía, as diversas candidaturas republicana acadaron 35 concelleiros e só 5 as monárquicas. E nas eleccións a Cortes de xuño de 1931 as candidatura republicanas conseguían 13 dos 16 deputados pola provincia da Coruña”.
O escritor e xornalista Manuel Rivas, que leu ese manifesto, facía esta reflexión persoal, que, dez anos despois, ten plena actualidade: “É un fermoso día porque estamos onde temos que estar e cando temos que estar. A democracia non é un agasallo temporal. Non é un paraugas que che presten na seca e que cho quiten cando chove, cando fai falta. A soberanía reside no pobo, iso din todos, mesmo os que a negan na práctica. Porque a soberanía popular, nestes momentos, no Estado español, está a ser obxecto de subtracción. O discurso dominante nesta xeira é dunha hipocrisía estupefaciente. Dinnos: sodes soberanos, mais non é tempo de exercer a soberanía. Xa seredes soberanos cando as ras boten pelo. Xa o estudaremos dentro duns séculos. Isto lembra a estafa das preferentes: o diñeiro é voso, pero comémolo nós. Esta é unha marcha na que dicimos non. Non á imposición monárquica. Non á subtracción da soberanía. Non á política de cartón pedra, que fan as elites á marxe do pobo. Mais tamén dicimos si. Un si moi grande á liberdade, que é o tesouro da humanidade. E dicimos si ao dereito a decidir. Porque os dereitos están para exercelos e non para que os teñan conxelados nas neveiras do poder”.

Manifesto: 19 de xuño de 2024, 10º aniversario da coroación de Felipe VI
NON QUEREMOS MONARQUÍA. GALIZA POLA REPÚBLICA E POLO DEREITO DA DECIDIR

Reivindicamos a República e rexeitamos a monarquía porque é incompatíbel cun sistema democrático. É un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas.

O ditador Franco, que encabezou en 1936 o levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou a  Juan Carlos como o seu sucesor en 1969 “para que todo quede atado y bien atado para el futuro”. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira do franquismo, daqueles que deron un golpe de Estado contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas..

O rei Juan Carlos nunca condenou a ditadura franquista, xustificaba a sublevación contra a democracia e nas súas declaracións públicas falaba da “legitimidad política surgida el 18 de julio de 1936”; sempre manifestou “un gran afecto y una gran admiración” polo ditador Franco e cualificaba 40 anos de ditadura como “gloriosa etapa histórica de nuestra patria”.

A abdicación do rei Juan Carlos en 2014 non tivo outro obxectivo que salvar unha monarquía en descomposición e desprestixiada por numerosos casos de corrupción. Felipe VI continúa a liña do seu pai, recibía ás vítimas do terrorismo no seu primeiro acto como rei, pero ignoraba as centenares de miles de vítimas do franquismo. Entregaba a medalla a Rodolfo Martín Villa, exministro na ditadura, como deputado das Cortes Constituíntes, cando condecorou o 13 de xuño de 1977 ao torturador “Billy el Niño” coa Medalla de Prata ao Mérito Policial e está denunciado na Querela Arxentina polos crimes do franquismo. No seu discurso de Nadal de 2023 Felipe VI non condenaba a sublevación de 1936 contra a democracia da República, nin 40 anos de ditadura, que cualificaba como “error histórico.

A monarquía está blindada. O CIS leva moito anos sen preguntar sobre a súa valoración e todas as iniciativas presentadas para investigar a corrupción da monarquía son rexeitadas sistematicamente pola Mesa do Congreso. As chamadas regularizacións fiscais do rei Juan Carlos, coa implicación da Fiscalía e do Goberno través da Axencia Tributaria, non tiñan outro obxectivo que evitar as repercusións penais dos seus presuntos delitos. Queremos que o rei Juan Carlos sexa xulgado por todos os posíbeis delitos cometidos antes de 2014, cando abdica, e despois de 2014; que reembolse ao patrimonio do Estado as partidas económicas que recibiu con cargo ao orzamento da Casa do Rei desde 2008. Queremos que unha Comisión do Congreso dos Deputados investigue os ingresos do rei emérito en concepto de comisións e outras actividades económicas durante o seu reinado, os bens e patrimonio de todos os membros da Familia Real, así como as contas nos bancos.

O chamado rei emérito Juan Carlos I vive na opulencia nun autoexilio, organizando festas de cumpreanos multitudinarias a “todo pago”. Non estamos dispostos a normalizar as visitas que fai Juan Carlos a Sanxenxo e outros lugares de Galiza. Por outra parte, queremos que sexan eliminadas todas as rúas, como en Pontevedra, e distincións ao rei Juan Carlos porque non merece ningún tipo de recoñecemento social.

Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro como pobo. Partindo desa realidade plurinacional, do recoñecemento da soberanía da nación galega e o seu dereito democrático a decidir, estamos pola convocatoria dun referendo consultivo para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político e institucional e escoller a forma de Estado: monarquía ou república. Coa celebración dese referendo iniciaranse procesos constituíntes que recoñezan o dereito de autodeterminación ás nacións que integran hoxe o Estado español.

Queremos unha República laica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática, que lexisle para a inmensa maioría da sociedade, poña freo á corrupción e ao enriquecemento sen límites duns poucos; que acabe cos recortes sociais que empobrecen ás clases populares. Unha República que recupere a memoria histórica, acabe coa impunidade e condene a aqueles que durante a Ditadura cometeron crimes contra a humanidade, que non prescriben. Queremos verdade, xustiza e reparación para as vítimas do franquismo e a derrogación da Lei de Amnistía de 1977, tal e como recomendaron Amnistía Internacional e a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, porque incumpre o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos das Nacións Unidas de 1966, asinado polo Estado Español en 1976.

Cando se cumpre o 10º aniversario da coroación como rei de Felipe VI chamamos a toda a cidadanía para que se sume á construción dunha alternativa republicana. É hora de expresar o noso compromiso en defensa da democracia e pola transformación social, con maior xustiza e liberdade para o noso pobo, e por iso queremos manifestar que estamos por un futuro republicano.

Cómpre unir forzas para acabar coa monarquía, dentro da pluralidade, respectando distintos obxectivos estratéxicos que poidan situar a Galiza no marco dunha República Federal; aqueles que están a prol dun República Galega, ben dentro dunha República Confederal ou como Estado independente, ou as que están por unha República Ibérica con Portugal.

Facemos un chamamento ás organizacións políticas, sindicais, fundacións e todo tipo de asociacións e entidades da nosa nación para que se incorporen a esta plataforma cívica, difundan e  consigan apoios para este manifesto e constitúan grupos territoriais de Galiza pola República. Pedimos ás forzas políticas para que impulsen a creación dunha Rede de Concellos Galegos pola República e presenten iniciativas nos concellos e noutras institucións para que se aprobe a incorporación á mesma.

Entidades promotoras da comarca da Coruña: CRMH da Coruña, A.C. Alexandre Bóveda, A.C. O Facho, C.S. Gomes Gaioso da Coruña, A.C. Irmáns Suárez Picallo de Sada, Cultura Aberta de Carral, Anova, BNG, Corrente Vermella, Marea Atlántica, Sumar, Podemos, Sada Maioría, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Xuventudes Socialistas, Erguer, CIG, Vangarda Obreira, Eira Vella de Betanzoa, A.C. Vieiros de Oleiros, Colectivo das Pedras Galladas de Culleredo, A.C. Roxín Roxal de Paderne, A.S.C. Campo de Pena, Proxecto Cárcere da Coruña, Irmandade Moncho Valcarce.

Outras entidades de Galiza: Asemblea Republicana de Vigo, Ateneo Republicano de Valdeorras, Agora Galiza-UP, Colectivo Republicano de Redondela, Obradoiro da Historia de Ordes, Asociación Viguesa pola Memoria do 36, Fundaçom Artábria de Ferrol, Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia, A.S.C. Muíño do Vento de Canido (Ferrol), Comité de Memoria Histórica de Celanova, Ferrol en Común, O Faiado da Memoria de Vilagarcía, Colectivo Capitán Gosende de Cerdedo-Cotobade, Memoria da Mariña, S.C. Medulio de Ferrol, ARMH de Marín, A Oliveira de Teo, Amigos de Johan Carballeira de Bueu, AMH do Grove, A.C. Fuco Buxan de Ferrol, A.C., Comisión pola Memoria Sinhor Afranio do Deza, Asociación Memoria Histórica Democrática de Ferrol, Fundación Eira da Xoana de Ramil-Agolada, Nova Poesía Guitirica, Comisión de Familiares pola Memoria e Dignidade do 36 de Mos, A.C. Maio Longo de Pontevedra, A.C. Memoria Histórica 28 Agosto de Cangas, Iniciativa Galega pola Memoria, A.C. Fundación Galiza Sempre, CRMH da Barbanza,  ASC Vilares-Lareira de Soños de Guitiriz, Irmandade do Dolmen do Morrazo de Moaña, A.C. A Gentalha do Pichel de Compostela, Amigos da República de Ourense, Fundación Moncho Reboiras, Colectivo Terra de Pontedeume, Fundación Alexandre Bóveda,

Máis novas

A Coruña celebra o 10º aniversario da coroación de Felipe VI cunha Festa da República

Presentan un informe para solicitar a eliminación de 373 símbolos franquistas na cidade da Coruña

ÚLTIMAS

Solicitan a retirada da Medalla de Ouro ao mérito no traballo ao Conde de Fenosa

Volve o sociólogo, investigador e vítima do franquismo Manuel Monge González, a rexistrar unha...

A Policía propón sancionar a 165 afeccionados polos altercados do Dépor-Málaga

A Policía elevou a un total de 165 afeccionados as propostas de sanción polos...

Renfe prestará servizo con 500 servizos de bus para facilitar a mobilidade polas obras na estación da Coruña

Renfe modificará o servizo e habilitará un plan alternativo de transporte por estrada con...

Exposición da obra do fotógrafo Irving Penn pola Fundación MOP até o 1 de maio

A Coruña convértese de novo na cidade escollida pola fundación Marta Ortega Pérez (MOP)...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here