InicioBARRIOSA Farruca non poderá saltar polas corredoiras de Visma

A Farruca non poderá saltar polas corredoiras de Visma

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Rosi prefire non saír na foto, pero manda á Farruca posar nun campeiro onde pastan as vacas de Luisín, en plena agra de San Pedro de Visma. As dúas, xunta dous fillos dunha veciña, descansan á sombra nun dos poucos días de calor deste verán. Rosi é do lugar de Cances, moi preto dos lugares da Gramela ou a en parte rescatada Penamoa, e leva toda a vida percorrendo estas corredoiras, estes campos. Agora, aos seus 84 anos, ve como o “ladrillo” vaille quitar todas as súas lembranzas.

”Dende aló arriba, onde os depósitos, pode verse perfectamente que o centro da Coruña non ten máis que o Parque de Santa Margarita. Coa necesidade que ten a cidade dun pulmón verde, que podería ser este perfectamente se o coidasen un pouco… Pero claro, o ladrillo dá pasta”, razoa lamentando o comezo das obras da macrourbanización que asolagará unha zona que leva abandonada, esperando dende os anos 90 que algún goberno se atreva a levar adiante semellante delirio urbanístico.

Arrincaron as obras do delirio urbanístico de Visma

Preguntada se o Concello tivo algún achegamento á veciñanza da zona para presentar o proxecto, deixa claro “non tivemos información de ningún tipo por parte do Concello, pero non nos estrana porque levamos meses pedindo que nos desbrocen un pouco as beiras das estradas e nin caso…” De feito, sorpréndese cando lle comentamos as cifras de vivendas que van construir na agra de Visma: 30 edificios, algunhas torres de 15 plantas, e 3.600 vivendas. “Tantas?” pregunta botando ás mans á cabeza comparando na súa cabeza o impacto que tivo a creación do barrio dos Rosais nos anos 90, onde se construíron 5.000 vivendas.

Unha das casas que desaparecera da Agra de Visma
Unha das casas que desaparecerá da Agra de Visma
unha das vacas de Visma
Unha das vacas de Luisín

Pregúntase polos animais (as vacas están xusto detrás delas, mentres as cabras pastan algo máis arriba, pegadas á Terceira Rolda), pola fonte e a histórica arqueta que abastecía a cidade, polos regatos e lagoas hai na zona, polas hortas públicas aínda traballadas, polas persoas que terán que abandonar as súas casas, as súas vidas.

As hortas publicas de Visma seguen vivas
As hortas públicas de Visma seguen estando traballadas
Un dos lavadoiros de Visma
A arqueta da Gramela era unha das principais fontes que abastecían a cidade, que agora fica abandonada
O CEIP San Pedro de Visma quedara afogado no medio do cemento
O CEIP San Pedro de Visma quedará afogado no medio do cemento

No medio da marea de cemento quedará o CEIP San Pedro de Visma, que ata este 2024 foi unha fermosa illa rural no medio da cidade. Non verán recortados os seus patios, pero o sol xa non pegará de cheo para facer que eses patios verde sexan tan auténticos; as veciñas xa non serán as vacas, senón os coches, e as vistas nunca máis serán tan amplas e verdes.

Polo camiño preguntamos a algún veciño desas casas que será devoradas polo cemento. Algún califica o proxecto como “puta merda” deixando claro a súa perspectiva. Tamén os hai que consideran que “é o que hai, a cidade ten que medrar por algún lado”. Pero a sensación é que ninguén é realmente consciente da sombra que vén enriba.

Tampouco Rosi, nin a Farruca, teñen asimilado que en breve se acabaron os seus marabillosos paseos pola agra de Visma, e que comezan 6 longos anos de obras, se efectivamente se dá completado a macrourbanización en 2030.

Vistas dende a Agra de Visma
Vistas dende a Agra de Visma

 

Máis novas

Arrincaron as obras do delirio urbanístico de Visma

Así será o primeiro edificio da macrourbanización de San Pedro de Visma

O “delirio urbanístico” de Visma

A sombra de 30 edificios ameaza San Pedro de Visma

 

ÚLTIMAS

A Coruña móllase pola inclusión #Baixoomesmoparaugas

‘Baixo o mesmo paraugas’ é o lema que as entidades sociais do país levan...

Traballadores aproban o acordo coa empresa e desconvocar o paro nas obras de acceso ao porto exterior

As asembleas de traballadores celebradas ata o momento aprobaron maioritariamente o acordo alcanzado nas...

Poñen cifras á discriminación da Logopedia na sanidade pública

Na actualidade, en Galicia só hai 37 logopedas no sistema sanitario público. Unha cifra...

A Coruña acende este xoves as luces de Nadal, con programación durante un mes

A programación do Nadal do Concello da Coruña comezará este xoves, día 5, co acto de aceso...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here