A alcaldesa da cidade defende o seu modelo de xestión, o seu equipo e, sobre todo, o proxecto que ten para A Coruña do século XXI. Unha urbe, di, que recuperou “ese carácter aberto, cosmopolita”. Nesta entrevista, tras falarmos dunha primeira parte sobre a polémica folga do servizo de recollida do lixo, Inés Rey debulla a actualidade local e tamén sae o paso das críticas que xurdiron polo aumento das cotas dos cidadáns que teñen contratado servizos de axuda no fogar. “Nós temos que facela para adaptarnos ao prezo real do servizo”, asegura.
Tamén é moi dura cos críticos do proxecto de reurbanización do barrio das Xubias que realizará un fondo de investimento baixo o control do arquitecto David Chipperffield. “Eu entendo que é moi doado facer demagoxia e meter na mesma batidora isto que fan moitos, que ata lles custa, as veces, facer unha oración subordinada”, indica. “É un fondo que ten como premisa a sustantibilidade económica, ambiental e social. Non desenvolve ningún proxecto sen perspectiva social”, engade.
Inés Rey destaca que, como prometeu, visitou xa todos os barrios e entende as queixas de algúns. “Eu entendo esa ansia porque queremos máis e mellor e aquí hai un goberno que traballa para máis e mellor”, asegura.
Sobre o goberno en minoría e os cambios do seu executivo destaca que neste mandato levaron a pleno 66 asuntos e se aprobaron 65; 30 por unanimidade e 35 sen votos en contra. “Teño un equipo de xente moi valiosa e traballadora. Fan un papel marabilloso nas concellerías e afrontamos xuntos esa segunda remodelación da Coruña cun goberno que traballa 27/7″, indica ao tempo que defende o papel de José Manuel Lage.
- Viña agora para aquí e, aí, na casa do concello vin o lema desta cidade…
Si, “Cabeza, guarda, llave, fuerza y ante mural del Reino de Galicia”
- E segue sendo A Coruña, a cabeza, a chave e a forza de Galicia?
Nunca deixou de selo. O que pasa é que é certo que os anos anteriores a miña chegada á Alcaldía foron de parálise municipal, de perda de liderado e de oportunidades. Afortunadamente conseguimos reverter esa situación desde 2019 implantando un modelo de cidade baseado no progreso, na aposta por un modelo urbano sostible con políticas de mobilidade e cunha profunda transformación urbana e tamén por un tecido económico baseado nas novas tecnoloxías, como as cidades da TIC, que nos levou a ser sede da AESIA. Tamén volvemos impulsar o tecido cultural sendo xa unha das cidades referente en programación cultural de toda España. Ese carácter aberto, cosmopolita que tiña a cidade da Coruña recuperouse. Un orgullo coruñés e coruñesista, ben entendido, do século XXI…
- Entendo que un orgullo coruñesista de nova etapa, non o de Paco Vázquez, non?
Por iso digo un coruñesismo de vangarda, do século XXI, que nos fai agora, outra vez, ser referentes, nas políticas públicas, municipalistas, no desenvolvemento urbano, na creación dun ecosistema urbano de progreso e iso fai que sexamos, novamente, o motor económico e social de Galicia. E afrontamos xa a segunda gran modernización da Coruña.
- E cales son os piares desa segunda gran modernización da Coruña?
Nós temos tres eixos nos que baseamos a acción do noso goberno. Por unha banda está a planificación urbana estratéxica na que fixemos unha aposta importante por un cambio na mobilidade apostando por máis carrís bicis e novas formas de moverse pola cidade como Bici Coruña, coa que superamos xa o 1,5 millón de uso e unha utilización masiva da bicicleta. Acabamos de sacar o prego que vai definir o transporte público para Coruña nos vindeiros anos e tamén afondamos nunha transformación urbana para as persoas con máis humanizacións, máis peonalizacións e a mellora dun entorno, outrora hostil, pero agora máis humana. Apostamos tamén por un desenvolvemento cultural forxado nun galeguismo tradicional xa implantado na Coruña e que ten a súa máxima aposta con este goberno. Quero lembrar que un dos concertos máis multitudinarios, por non dicir o máis multitudinario nesta cidade foi o das Tanxugueiras, con máis de 80.000 persoas integramente en galego.
Apostamos tamén por un desenvolvemento cultural forxado nun galeguismo tradicional xa implantado na Coruña
- Si, lembro. Eu estiven alí
Eu tamén. E iso é unha aposta pola nosa cultura pero temos vocación internacionalista e de vangarda e por iso somos xa un referente en eventos musicais. E tampouco deixamos de lado a ninguén e as nosas políticas sociais, de benestar, de coidados, de atención cos máis vulnerables son tamén un exemplo de boa xestión municipal.
- Falas de benestar e coidados sociais, pero eu teño un recado. Xusto me comentaron hai uns días que era unha vergoña o que está pasando coas prestacións das axudas no fogar. Como é iso que o concello estea facéndolle pagar a multitude de familias atrasos neste servizo que suman centos, miles de euros para, en moitas ocasións non poden pagar?
Si, é certo.
- E como se pode dar esta mala xestión de que cheguen estes atrasos todos xuntos?
O servizo de axuda ao fogar que se presta no concello que se presta cunha exigua axuda da Xunta subiu os prezos, igual que subiron os salarios dos traballadores e traballadoras e houbo que actualizar os seus salarios. E ese é o prezo dun servizo que se paga en función da renda. E esa actualización que non se fixera, pois notificouse agora. E hai que actualizar os prezos ao mercado e convenio colectivo e danse facilidades de pago para aqueles que superen os 299 euros de copago. Por iso, a partir dos 300 euros existe a posibilidade de copago. Ninguén vai quedar sen servizo por impagar, por adiar un mes esa regulación. Pero nós temos que facela para adaptarnos ao prezo real do servizo. Os intereses veñen dados por un real decreto no que nós non temos marxes para non cobralos. E cando unha administración fai un fraccionamento de pago, sexa un concello ou a Axencia Tributaria, por lei veñen estipulados uns intereses que xa están estipulados.
- Pero o problema é que ti pensa que isto lle está pasando a familias humildes e moitas que tamén as hai nesta cidade. E chégalles unha carta que non entenden de que vai reclamándolle pagos atrasados. Non é normal. Algo pasa. Algo se fixo mal desde Servizos Sociais, polo menos, en explicar ben todo isto.
Entendo o malestar, o susto e o desagradable que resulta e, ademais, hai un compromiso que non volva suceder e que se actualicen as cantidades aos prezos que teñen que establecerse para que ninguén teña que pagar, de súpeto, atrasos dos que non tiña coñecemento e nos que a administración tiña estar ao tanto.
- Eu penso que neste tema deberiades ter feito máis pedagoxía e explicarlle á xente por que lle chega este ‘sablazo’ e, ademais, que teñan que pagar 50 euros de comisións se piden o fraccionamento de pago
Intereses.
- Bueno, intereses. O caso é que teñen que pagarlle 50 euros máis ao banco se piden o fraccionamento
Si. si. Tes razón.
- Cambiando de cuestión. Falamos do tema da sede da Asia, xa hai nomeado un director para ese centro, que agardas da sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial?
Pois que sexa un tractor de talento, de retención de talento da cidade e de Galicia, xa que neste país traballan máis persoas no sector TIC que no da pesca e, polo tanto, temos que apoiar a ese sector e xerar un ecosistema para que as empresas veñan a instalarse na Coruña. Eu desde que se sabe que a A Coruña é a sede deste organismo recibo a multitude de empresas tecnolóxicas que queren instalarse na Coruña e queren contratar xente aquí. E isto é moi positivo para Galicia, para manter e aumentar o PIB da cidade.
Este non é un fondo boitre – o encargado da remodelación do barrio das Xubias– que vén sacar os ollos a ninguén. É un fondo que ten como premisa a sustantibilidade económica, ambiental e social
- A cidade das TIC semella que vai ser un polo de atracción de economía e poboación da Coruña. Activase o barrio de Xuxán e hai uns días anunciabas un novo plan de urbanización das Xubias cun fondo de investimento e un gran arquitecto. Con todo, cando falamos de fondos de investimentos hai unha moi mala imaxe do que pode facer
Os apriorismos e as demagoxias hai que desterralas. Para os cuñados e as barras do bar están ben pero os cidadáns merecen unha política de máis altura. E, neste caso, por primeira vez, un goberno municipal toma unha decisión para protexer e impulsar un núcleo tradicional da cidade como son As Xubias, unha zona onde derrubamos o último esqueleto que había alí e onde este goberno rematou co último asentamento chabolista que levaba máis de 35 anos en terreos da conserveira Celta. Todas esas persoas que vivían en situacións infrahumanas teñen unha vida digna. Unha sociedade democrática non pode permitirse ter a cidadáns que vivan en chabolas. E, agora, xa podemos falar para esa zona dun desenvolvemento sustentable, de respecto do medio ambiente, da tradición e a rehabilitación da vivenda pública. Iso é o que imos facer nas Xubias. Tamén rematar unha senda peonil que vaia desde a praia de Oza ata a ponte da Pasaxe atendendo ás necesidades, ideosincrasia dese núcleo tradicional respectando o que hai. Eu entendo que é moi doado facer demagoxia e meter na mesma batidora isto que fan moitos, que ata lles custa, as veces, facer unha oración subordinada… Fondo de investimento, urbanismo, políticos, meto a remexer e, ala, pelotazo, especulación e xa está o discurso montado. E ese é un discurso pueril e trasnoitado . Escoitei a tres ou catro, anecdóticos, facendo ese discurso. Este non é un fondo boitre que vén sacar os ollos a ninguén. É un fondo que ten como premisa a sustantibilidade económica, ambiental e social. Non desenvolve ningún proxecto sen perspectiva social. E non hai nada máis social que as vivendas, que rehabilitar as vivendas que hai alí. Sobre todo agora que hai un mercado moi tensionado e onde atopar unha vivenda é moi complicado. E eu penso que as administracións temos esa obriga. E despois isto o imos facer cunha persoa que ten destacado a nivel internacional por unha arquitectura sostible e respectuosa como é David Chiperffield. Por iso creo que A Coruña ten que estar orgullosa de que alguén da súa categoría profesional veña a desenvolver un proxecto aquí. E non falamos dun calquera, senón dun dos mellores arquitectos a nivel mundial que existen que vai traballar da man de cinco estudos de arquitectura da Coruña que desenvolven os seus proxectos aquí e coñecen As Xubias porque se criaron na cidade. E van con ilusión e respecto a desenvolver ese proxecto no que recuperamos os xardíns do pazo Guyatt para goce da cidadanía e onde haberá máis zonas verdes. De entrada, denostar este proxecto, poñerlle etiquetas porque aparece a palabra fondo de investimento e é grazas a que hai un fondo de investimento as administracións podemos desenvolver ese proxecto. É a primeira vez que un goberno municipal ten un proxecto para As Xubias, un modelo de cidade, que implanta en todos os barrios. Por iso cando escoito críticas, agardo que sexan críticas ao proxecto máis que quedarse na parte de que se hai un fondo ou un señor que non ten o Celga-4 porque se apelida Chipperfield ou argumentos semellantes que caen polo seu propio peso. Eu de política falo, de conversas tuiteras pois vasme permitir que non.
- Non falemos de tuits, falemos de cousas concretas. Coñeces a Cidade da Cultura, non?
Si.
- E sabes que arquitecto deseñou ese complexo, non?
Si, si.
- Ese proxecto se baseaba en que estaba feito por un gran arquitecto e, finalmente, tardou anos en facerse e, de feito, está inacabado. É dicir, que veña un gran arquitecto a facer un proxecto non significa o éxito dese proxecto
Non, non. Aquí falamos dun proxecto colectivo. Está o arquitecto pero tamén todo o talento local e é unha administración pública que ten un modelo de cidade que vai tutelar e dirixir ese proxecto en base a unhas premisas das que ninguén se vai a apartar. Pero, con todo cariño, comparar o núcleo das Xubias coa Cidade da Cultura…
- Non estou comparando nada. O que estou dicindo é que falar do éxito dun proxecto pola calidade internacional dun arquitecto non garante o éxito dese proxecto
Pero podemos entón falar do Guggenheim.
Eu non baseo o éxito do proxecto das Xubias nun arquitecto, estouno baseando nas premisas da sustentabilidade medioambiental e social
- Si, claro. Pero basear todo nun gran arquitecto non é éxito de nada porque aí está o tema da Cidade da Cultura do gran arquitecto norteamericano que ía revolucionar o mundo da arquitectura e, en fin, ao final, quedou a medias
Eu non baseo o éxito do proxecto das Xubias nun arquitecto, estouno baseando nas premisas da sustentabilidade medioambiental e social. Esas son as premisas nas que se basean o proxecto. Rehabilitar ese núcleo, darlle vida, coidar das casas, das vivendas. Facer barrios para a xente.
- Eu esa idea mércocha, pero non a que vai funcionar porque ven un gran arquitecto ou un fondo a facer o proxecto
E que esa é a idea.
- E cantas vivendas públicas imos facer?
Pois aínda estamos comezando e xa está a xente a pedir. Gústame porque como durante os oito anos anteriores non se fixo nada a xente ten moitas ganas de que se fagan cousas na cidade. Queren todo xa. Eu entendo iso. Levamos un atraso de oito anos. E agora, cada vez que facemos unha cousa, a xente pide tres. Eu arranxo unha rúa e veñen os das tres colindantes a dicirme, a miña para cando?. Eu entendo esa ansia porque queremos máis e mellor e aquí hai un goberno que traballa para máis e mellor. Pero as premisas sociais, de respecto ao medio ambiente, á tradición e de coidado aos barrios están aí e ninguén as vai mover.
- Falas dos barrios. Unha das premisas coas que te presentaches as pasadas eleccións era en ir visitar todos os barrios da cidade. Estiveches indo?
Si, e varias veces.
- Fuches a todos?
Si, a todos.
- E como os ves?
Pois hai barrios que están mellor e outros que precisan máis investimento porque durante anos non se fixo nada. Pero vouche dar un dato. Hai un núcleo na Coruña, o de Bens, que é rural, onde non viran unha máquina de obra en 25 anos. No mandato interior investimos 2 millóns de euros. Fixemos saneamento que non había, asfaltamos as rúas, fixemos zonas verdes e chegou a cabalgata dos reis a Bens no ano 2020. Iso é un exemplo. É pequeno pero que amosa que cos 53 millóns que conseguimos dos fondos Next Generation fixemos máis de 55 intervencións, con moitas en marcha, en todos os barrios. En Xuxán, do que falabas antes, estanse investindo 11 millóns de euros, en Montealto case 10 millóns na reforma do mercado, a escola infantil, a praza e as beirarrúas. Facemos a rolda peonil. Hai investimentos en todos os barrios. Queda moito por facer pero nós estamos a facelo e en todos.
- Nuns máis que noutros, pero supoño que será polas prioridades do concello…
É certo, hai 10 millóns en Montealto e na Sagrada Familia sexan 2 ou 1,5 pero tamén se están facendo cousas.
Hai 10 millóns en Montealto e na Sagrada Familia sexan 2 ou 1,5 pero tamén se están facendo cousas
- Si, si, non digo que non, pero hai queixas nos Castros, en Someso, no Castrillón…
Precisamente estamos facendo unha obra no Castrillón de mellora de firmes e de rúas, peonalización da rúa monte das moas e abrimos o polideportivo do Castrillón que era unha infraestrutura prometida no 2006 e que se abriu co meu goberno.
- Comentabas antes que notas dificultades para executar certos proxectos. Supoño que iso é porque estás nun goberno en minoría. Necesitas do apoio dalgún grupo para sacar adiante proxectos. Como é a relación cos grupos da oposición?
Vouche dar un dato, aínda que non son de papeis para que vexas como están os asuntos que levamos a pleno. Neste mandato levamos a pleno 66 asuntos e se aprobaron 65; 30 por unanimidade e 35 sen votos en contra. Pero desde que son alcaldesa, no 2019, con catro grupos, nestes cinco anos levamos 219 asuntos e aprobamos 217. Isto conseguiuse con dúas premisas que eu asumín cando cheguei ao cargo; diálogo e amabilidade, pero tamén firmeza. Firmeza na defensa dos intereses da Coruña. E iso non quita que dialogue. De feito, temos un acordo de investidura co BNG que asinamos no mes de xuño do ano pasado e estamos cumprindo e temos unha comisión de seguimento no que sacamos adiante cousas polo ben da cidade. Somos forzas políticas diferentes pero traballamos pola cidade. Non é un acordo de adhesión, é un acordo de respecto. E eu compremetínme a sacalo adiante e iso estou facendo, aínda que uns vaian máis rápido e outros máis lentos.
- E que tal a relación cos líderes da oposición?
Con Jorquera temos unha boa relación porque a súa visión política son coincidentes aínda que cada un defende as súas posturas. Pero cando hai que apostar pola cidade está aí. Lamento que o Partido Popular non estea nesa liña. Son desa premisa rajoniana de “cuanto peor, mejor” e, ógalla, recollan esa man tendida que lanzamos desde o Goberno local cando lle pedimos que participaran con nós na reorganización institucional e dos orzamentos. Que puxeran de lado a confrontación e puxeran por diante a cidade. Que deixen a máquina do fango e de enlamar que é unha forma política que eu non comparto. Aí dificilmente nos imos atopar porque cremos que a política merece solucións, que é o queren os cidadáns, e non confrontación.
- Cando falas de fango, de lama, entendo que te refires ás críticas a Lage pola súas vivendas, non?
Cando falo de fango é saír dos marcos que deben rexer as relacións políticas entre os diferentes grupos e os cidadáns. Eu tendín sempre a man aos grupos políticos e sigo aberta a falar con eles pero dende o respecto institucional. Cando un cruza a liña pois iso é poñerse por fóra.
- Pero cal é esa liña?
Non vou entrar en díxomes, díxomes. Só digo que o PP ten que facer política, confrontar ideas políticas, que é para o que está. Que falen do seu modelo de cidade. Que falen de política, pero se falan de fango, de lama, de ataques ad hominem, de cuestións alleas á política, aí non me van a atopar.
Unha mágoa que non teñamos un PP co que se poida falar de nada, nin de modelo de cidade, nin de política. E supoño que iso é porque quen manda aí é Isabel Díaz Ayuso
- A min o que dis soame á política que se fai en Madrid
É un espello do que teñen convertido a política PP e Vox. Os dous se necesitan para facer ese tipo de política para sobrevivir. E como cambian as cousas cando eles gobernan. E se non o fan, pois os gobernos son ilexítimos, todo está mal. Cando a dereita non goberna non se poden acadar acordos de ningún tipo, o que queren é “que caiga España que ya la levantaremos nosotros”. Pois esa é a política que sufrimos nós cando o PP está na oposición. Unha mágoa que non teñamos un PP co que se poida falar de nada, nin de modelo de cidade, nin de política. E supoño que iso é porque quen manda aí é Isabel Díaz Ayuso.
- E ti que tal te levas coa Xunta?
Pois eu creo que a Xunta entendeu que non se pode construír Galicia sen contar coas cidades que son o verdadeiro motor de progreso e celebro ese cambio de criterio. Celebro ese entendemento que hai entre as dúas institucións e, dende a firmeza da defensa dos intereses mutuos, hai acordos polo ben da cidade. E a Xunta ten unha débeda histórica coa Coruña. Esa forma de facer política de centralismo autonómico, da época de Fraga, onde todo pasa por Santiago, pois ten que ser deixado de lado, e hai que escoitar aos que son os verdadeiros pulos económicos de Galicia, e falo da Coruña e falo de Vigo. E ese cambio é un paso importante no xeito de relacionarnos coa Xunta. O presidente da Xunta é unha persoa coa que se pode dialogar e chegar a acordos. E froito diso é o acordo pola fachada marítima, os Cantóns, o Chuac. Somos quen de entendernos polo ben da cidade.
- Agora é a época de Rueda. Pero ti tamén viviches a última etapa de Feijóo en Galicia. Notas diferencia entre os dous?
Por suposto.
- E iso explica o que tamén está pasando en Madrid?
Absolutamente. Non quero falar máis, nin mirar atrás, pero hai diferencias notables.
- Por certo, ti levas un ano gobernando e xa houbo remodelacións importantes. A que se deben?
Cando chegamos ao goberno no segundo mandato establecín unha estrutura para que se determinaran eses tres eixos de actuación dos que falaba ao comezo da entrevista. Fixen unha estrutura para que os concelleiros que chegaron novos se foran adaptando a esa realidade de traballo con outros que levaban experiencias. Pasado ese ano, con todo o mundo rodado, decidín xa facer esa remodelación baseada nesa horizontalidade e meter unha marcha máis á xestión do goberno local e traballar xuntos. Afortunadamente teño un equipo de xente moi valiosa e traballadora. Fan un papel marabilloso nas concellerías e afrontamos xuntos esa segunda remodelación da Coruña cun goberno que traballa 27/7 para sacar adiante as cousas que temos.
- Entendo que tamén eses cambios teñen que ver con quitarlle competencias a esa súper área que tiña Lage?
As áreas eran tres. Non eran súper áreas.
- Pero son áreas moi importantes?
Si, son áreas grandes e as tres son importantes. E, agora, canda un deles, e en colaboración comigo, traballamos. O importante non é quen está ou non está, se teñen título ou non. O importante é traballar todos xuntos para e por a cidade. E iso estamos.
Lage sempre tivo ganas de facer cousas pola Coruña. A súa capacidade e labor é indiscutible
- E cres que lle quitaran competencias a Lage tamén a nivel galego, axudará a que as cousas flúan máis na cidade?
E que sempre tivo ganas de facer cousas pola Coruña. A súa capacidade e labor é indiscutible.
- Por certo, que tal te levas con Besteiro?
Pois moi ben
- E con Valentín?
Moi ben tamén. É o noso presidente. Teño moi boa relación cos dous desde hai moitos anos. E coa deputación traballamos moito. A Valentín téñolle moito aprecio persoal, moito respecto político. Sempre está aí e cando eu necesito ou el necesita de min pois estamos. Temos unha relación moi boa.
- E como ves o teu partido en Galicia?
Pois creo que o partido ten que definir que modelo quere para Galicia. Ser quen de chegar a ese electorado que nos está agardando e que sabe que o cambio en Galicia pasa por un PSdeG forte.
- Xa para rematar, como ves o futuro da Coruña?
Temos un reto moi bonito por diante. Facer unha cidade do século XXI, unha Coruña puxante, moderna, vangardista e que ten retos por diante como é a transformación da fachada marítima que nos une a todas as administracións e toda a cidade. E iso facémolo coidando dos nosos, do noso, do noso patrimonio, da nosa xente e dos nosos barrios.
Primeira parte da entrevista: Lixo
Inés Rey: “Teñen a cidade secuestrada, tomada como refén por pretensións ilegais”
O das Xubias é patético: facelo pasar por humanización do espazo ten tela, tanta que só se lle ocorre dicir unha estupidez como que “este fondo non lle vai sacar un olloa ninguén”. E dicir que Monte Alto leva 10 millóns e Sagrada Familia 1,5 como se ela non decidise nada e os cartos se repartisen sós, é un insulto á xente dos barrios e á intelixencia.
la reina de la subordinación, todas sus frases son subordinadas.. Lo que diga el amado líder y Jorquera.