Teño a sorte de traballar no ámbito educativo, non no posto que desexo mais, de momento, non me podo queixar. Tamén sigo formándome no ámbito académico. Polo tanto, estou en contacto continuamente coa xente máis nova, con ideas novas, con perspectivas novas das cousas e cos avances na ciencia social dos que hai que estar ó día. Isto require dunha constante renovación pola miña parte, dun exercicio de retrospección e deconstrución continuo, ou así é como eu o vexo. Pois deixar de aprender ou de querer facelo é o primeiro paso para facerse vello, para ficar atrás e, por conseguinte, volverse un rancio. Intentar manter o máximo tempo posible a chama da ilusión, da curiosidade e a enerxía dun neno ou nena debería ser o reto a perseguir por todo profesor e profesora (e tamén por calquera, independentemente de cal sexa o seu oficio). Manterse xoven e esperto. O mundo avanza e non agarda por nadie, se non avanzas con el ficas atrás coma os da movida madrileña, anhelando a liberdade franquista e chorando porque Arévalo non se conecta á ouija pa´ uns chistes “coma os de antes”.
Todos e todas tivemos ese profesor de Historia que nos falaba do medievo parecendo que el o viviu. O que segue o tópico de: “os mozos e as mozas cada vez saben menos, están embobados con tanta tecnoloxía”. Non é que sepan menos, cousa que se di dende o principio dos tempos, que xa coa chegada da televisión iamos a ficar todos e todas tontos (aínda que en certo senso sexa así, xa falaremos de Adorno, Gramsci ou Castells); quizais sexa que ti quedaches no século pasado e haxa unha fenda tan grande entre ti e eles que non exista ningunha conexión comunicativa entre ambas partes.
Ben, a todo isto vén este relato. Aos que din: “nos meus tempos…” e aos que avanzan. Non son amigo dos anglicismos, tendo unha lingua tan rica como a que temos, mais desafortunadamente, é preciso adaptarse a eles (neste caso a palabras incluso inventadas) para entender algunhas cousas das que fala a mocidade hoxe en día. Adoitamos desprezar e ridiculizar moitas das cousas das que falan, ou a maneira de dicilas e actuar da xeración máis nova, mais incluso Simone de Beauvoir estaría orgullosa escoitando a Paloma, unha nena de doce anos, explicándome o que é para ela unha persoa potaxie e unha persoa fife, máis socioloxía do xénero nela que en moita da xente que a presume nas institucións. Parece unha cuestión banal falar de potaxies e fifes, mais existe bastante teoría sociolóxica detrás destes conceptos.
Estes termos nacen nas redes sociais e viralízanse rapidamente a través de contas con relativa repercusión por medio de memes, que funcionan como transmisores e eixes da cultura de internet e que crean unha significación para comunidades ou grupos. Un ou unha potaxie é esa persoa que, especialmente nas redes sociais, adoita ter actitudes e comportamentos feministas, defender dereitos LGTBI+ e ter unha mentalidade aberta e respetuosa. Ao contrario, un fife, xeralmente home, é ese mozo que vicia ós videoxogos (de aí o de fife), que acostuma ter actitudes e comportamentos machistas, tanto nas redes como na rúa, e que, en moitas ocasións, presume de selo. Estes teñen unha perspectiva das mulleres bastante desvirtuada da realidade, pois o seu contacto co xénero feminino é a través dunha pantalla vendo personaxes moi sexualizados e consumindo outro tipo de produtos onde as mulleres tamén adoitan estar sexualizadas e os homes abusar do seu poder. En relación a isto, non sorprende cando nos levamos as mans á cabeza ó ver os resultados das investigacións do CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas), que reflexan un aumento do machismo e valores conservadores na poboación máis xoven do país. Un dos estudos mostra que o 44% dos homes cre que o feminismo chegou tan lonxe que agora eles son os discriminados, foi o titular da meirande parte da prensa, mais esa é unha lectura sesgada, xa que iso só o pensa o 14% no caso dos de esquerdas e sobe ata o 74% no caso dos de dereitas, ou sexa, os de sempre. Xa chegáramos demasiado lonxe cando as mulleres puideron votar. Así é que estes datos non son tan negativos como aparentan, se xorde esa ola machista é en resposta a unha corrente feminista e progresista que o está a mudar todo, así cando antes había moita parte da poboación nunha neutralidade ficticia, agora si se posiciona dunha forma reaccionaria, mais estes son sempre menos.
Ademais, culpabilizamos aos mozos sempre, tradición histórica, cando son os adultos os que transmiten a ideoloxía que consumen nas redes sociais e serven de referencia para eles. Élites que posúen e controlan os medios de comunicación e redes sociais e fan chegar a mensaxe coa ideoloxía hexemónica ultraconservadora e neoliberal que lles convén de forma case instantánea por todas as canles posibles, en todas partes e en todo momento, dando maior visibilidade a un contido sobre outro, como mostran as investigacións sociolóxicas máis relevantes. Todos e todas sufrimos este problema, non só os máis novos, que son a maior vítima e, dende logo, non é peor o adolescente que vive mirando TikTok que o boomer rancio que vive na barra do bar arreglando o mundo baseándose en loiadas e cunha despregadura de tópicos e machiruladas. Ningún dos casos é o máis positivo, mais o capitalismo sempre confronta horizontalmente a estes dous individuos en lugar de que poidan mirar para arriba (todo sempre é indisociable da loita de clases). A tecnoloxía, como din os autores antes mencionados e Baudrillard cando fala da hiperrealidade, tende a afastar ás persoas (baixo unha promesa xusto do contrario, de conectalas). Desachega á xente da vida real na que todos e todas vivimos, dos problemas sociais. Adormécenos e subórnanos, que máis darán as bombas que caian en non sei donde se eu teño o Netflix & chill na casa? Desarráiganos a conciencia. Mais non todo está perdido, esta nova xeración danos mil voltas en cuestións de conciencia social, conciencia contra a discriminación, as desigualdades sociais, o coidado do noso planeta, teñen maís información na súa cabeza e hai que encontrar a maneira de poñela ó servizo da xente na rúa.
Volvendo ó que nos ocupa, non pretendo falar aquí do ben ou mal que fan os pseudorevolucionarios en redes, eses que arranxan o mundo en internet e na rúa carecen de conciencia ningunha, mais que nenos e nenas se identifiquen sendo feministas, respetuosos coa diversidade e teñan valores progresistas e esa conciencia social xa dende ben pequenos, sexa a través dunha aparente banalidade como é a cultura potaxie puchaina, paréceme que é sumamente positivo. Non sei a que instituto fóchedes vós nin en qué época, pero nos 90 e comezos dos 00 o bullying estaba á orde do día. Usábanse apelativos tan inxeniosos como chamarlle maricón ó que era máis sensible, marimacho a nena que xogaba ó fútbol ou gordo ó que era gordo. Os valentes que dirixían estas manifestacións de cariño ós demáis adoitaban ser os guays, os malotes que tiñan o respeto, a través do medo, dos seus compañeiros e compañeiras. Vaia! Os clientes do Amura, para que todos e todas o entendamos. Penso que se tedes nenos e nenas na familia, gustaravos saber que isto xa non ocorre do mesmo xeito, agora as potaxies sinalan ós fifes, é dicir, o maricón dille ó abusón que cale a boca e as marimachos xogan orgullosas ó fútbol. As nenas xa non calan co discurso machista do fife de turno, ese que, a día de hoxe, vai por aí coa actitude de: “xa cho explico eu que ti non sabes, muller”. Como diría miña nai, ese que lle vai explicar a unha muller como parir un fillo. Mira Pablo, se queres comer, aprende ti a facer as comidas esas tan laboriosas.
O que lamentablemente non cambia é que haxa eses abusóns, os fifes, seguen a ser os mesmos cazurros de sempre, máis cando antes estaban ben vistos, a mocidade os admiraba e respetaba, agora caen bastante no rechazo e repulsión dos compañeiros e compañeiras. Como exemplos, podémolos ver na televisión entrevistados todas as semanas polo fife supremo: Pablo Motos. Tampouco vamos falar aquí dos complexos de cousas pequenas que teña a xente. Eses alegan que antes había máis liberdade, que agora non se pode dicir nada. Home, dicir podes dicilo meu, mais se despois en lugar da ovación que buscas recibes un aplauso na cara, pois será que a xente avanzou e ti segues a ser o mesmo pailán que eras. Son eses que casi lles dá unha embolia ao ver Barbie. “Non me gustou nada e non fai gracia porque ós homes non nos gustan os cabalos, vaia tontería. Mijeliño, este finde rally, dalle jas! Tetas, cerveza, fútbol, motores, tetas!”.
Dito isto, haberá que facer unha especial mención a eses xogadores de fútbol, ós campións. Os mesmos que nunca apoiaron publicamente ás súas compañeiras do equipo feminino en ningunha das súas reivindicacións, peticións e denuncias. Imaxe para toda unha xeración. Eses fifes que din que non hai que opinar de política, pero despois non deixan de facer todo tipo de manifestacións fachas. Ás veces ata hai moito que aprender dos franceses. Estes fifes, tendo a ocasión perfecta para mandar unha mensaxe elegante, divertida, conciliadora… Pois elexiron facelo doutra maneira, con cánticos rancios e sendo o que son, como dixo perfectamente Esther Palomera na SER fai uns días: uns cuñados (os mesmos que os de: “xefe, esta copa está furada!”). Os fifes que, como no Amura, non dubidaron en ter comportamentos fóra de lugar cando Aitana subío a cantar, con miradas cómplices entre eles, risas e abrazos. A Carvajal aínda se lle pode ver por Madrid a día de hoxe berrando coma un tolo: “Viva España!”. Por outro lado, están os campións arxentinos, sempre destacando polo malo e exportando ó mundo o pouco nivel de educación e civismo que teñen, alardeando con proclamas racistas e homófobas. Isto é 2024 muchachos! O país en ruína mais eles empregan a neurona que teñen en rirse dos demais da forma máis noxenta.
Pois ben, isto é a xente potaxie e a xente fife. Uns avanzan e outros quedan atrás. Non é nada novo, existiu toda a vida mais agora poñénselle outro tipo de nomes. Eu dende logo teño claro a que grupo pertenzo. Se para ser un home fai falla ser unha persoa ruda, ter pouco respecto polos demais, non chorar porque é de débiles, ter sempre que ser o líder, o macho alfa, reprimir as emocións e os sentimentos, etc. Entón eu non son un home ou non quero selo, pero no bo sentido, non coma Roma Gallardo. Por sorte, penso que os homes somos cada vez menos fifes ou máis potaxies, e podemos sentirnos a gusto tamén con outro tipo de masculinidades. Aínda que resulte preocupante os referentes que existen, cada vez máis, na cultura popular que seguen unha ideoloxía máis conservadora ou branca (sen posicionarse explícitamente mais deixando ver un capital simbólico rancio que se cheira ao lonxe), tamén hai moito referente que desprende o contrario, é cuestión de saber buscalo ou ter as ferramentas necesarias para poder encontralo, xa que non é doado entre tanto contido hexemónico. Mais é bonito ver, como o progreso sempre se abre paso mesmo sen posuír os medios hexemónicos, e aquí un servidor aprende dunha nena de doce anos todo o que aquí se relatou hoxe.
- Rubén Pérez. Doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento, graduado en Socioloxía e opositor para profesor de Xeografía e Historia. Vamos enchernos e falar de cousas, que diría Grande Amore.