InicioCULTURAA III Feira do Libro Anarquista da Coruña congrega esta fin de...

A III Feira do Libro Anarquista da Coruña congrega esta fin de semana no Orzán máis de 30 editoriais e colectivos

Publicada o

Por editor

Desde o venres, día 13, e ata o domingo, o barrio do Orzán acolle a III Feiro da Libro Anarquista da Coruña. Organizada polo colectivo Refuxios da Memoria (ollar no twitter do colectivo @refuxios), en colaboración coa editora libertaria da Coruña Bastiana e mais con Ardora (s)ediçons anarquistas, a feira xuntará máis de trinta editoriais e colectivos chegados da península ibérica e Brasil, que achegarán as súas novidades e reflexións a través de presentacións, mesas redondas, palestras e obradoiros.

O mercado ao aire libre e novos espazos

O epicentro será o mercado ao aire libre que se instalará, como en anos anteriores, na rúa Boquete de Santo André ao longo do sábado e o domingo, desde as 11.00 ata as 21.00 horas.

Pero este ano, por primeira vez, a feira expande a súa programación con tres espazos expositivos, distribuídos entre o Café Macondo, o Tío Ovidio e o Bar 13, que desde o día 13 e ata final de mes acollerán, no horario dos establecementos, varias mostras: “Nuas, nosso estranho amor”, de Sol Mariño (Macondo), “Galería de personajes sin lustre y otros entuertos”, de Pacto Garabato (Tío Ovidio) e “Ravachol”, de Álex Rozados (Bar 13).
Ademais, entre as novidades desta terceira edición, a FLAC inclúe un espazo de ludoteca, que se instalará no Circo de Artesáns e que acollerá contacontos e outras actividades infantís, o sábado e o domingo de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Roteiro anticlerical

A feira dá comezo este vindeiro venres, día 13, ás 18.00 cunha presentación no Café de Macondo das exposicións desta FLAC 2024. Ás 20.00 as actividades trasládanse ao barrio das Atochas, cun roteiro aberto ao público que queira sumarse, centrado na Coruña
Librepensadora e Anticlerical, coordinado polo colectivo coruñés Refuxios da Memoria. Partirá da entrada principal do cemiterio de Santo Amaro para percorrer o barrio cara á praza da Corales, nas Atochas e a rúa San José, diante do antigo Cine Hércules, ata concluír na rúa do Orzán, onde se ergueu a Escola Integral para Nenas, vinculada á Escola Laica de La Antorcha Galáica del Librepensamiento.

Un sábado completo

O sábado 14, o programa de presentacións ábrese ás 11.30 horas no Circo de Artesanía, co autor Diego Ameixeiras e a súa novela “Un anarquista”, publicada por Xerais. A segunda presentación desta FLAC 2024 irá a cargo de Víctor Oia e Eliseo Fernández, autor e editor do libro “Pulso de Galicia” de Bastiana Editora, na mesma sede, ás 13.10 horas.
Antes, ás 13.00 horas, o espazo acollerá a homenaxe ao lingüista, profesor, activista libertario e escritor Carlos Peregrín Otero, falecido o pasado mes de abril. Unha hora máis tarde, ás 14.00 horas, terá lugar o acto de homenaxe ao represaliado coruñés Arturo García Lagares, asasinado no campo de concentración de Gusen. A acción terá lugar diante do seu stolpersteine, na rúa Santo André, diante do Circo, e nela participará a súa bisneta, Gemma Guitián, ademais da investigadora Carmen Rodeja, en representación da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica.

Pola tarde, ás 16.00 horas, no Siglo (rúa Argudín Bolívar, 1), as xentes de Baladre presentarán “40 años no son nada: Baladre, desde 1982 sembrando comunidad”, obra que é resultado de do traballo colectivo de 112 persoas e que recolle os camiños percorridos polas xentes integrantes desta constelación coordinada nos seus 40 anos de andaina.
No mesmo local, ás 16.30 horas, Fernando Pérez e Dani Palleiro darán a coñecer a Colección Vermello, da editorial Bastiana, que nace co obxectivo de traducir á lingua galega os textos clásicos do Socialismo Libertario, e que terá como primeiro volume a definición de Anarquismo redactada por Piotr Kropotkin en 1910 por encargo da Encyclopædia Britannica.

O Tío Ovidio (rúa Orzán, 89) será sede, desde as 17.00 horas, da presentación de “La Colmena: Pasar a la ilustracción”, de Edicions Malcriàs.

No Circo de Artesanía, ás 18.00 horas, será a quenda para a banda deseñada “Y llegó la tormenta” de Sergio Izquierdo e Álex Rozados. Unha hora despois, ás 19.00 horas, Manolo L. Poy presentará a súa banda deseñada “Carne para cans, a revolución do galego Soto”, editado por Demo Editorial. Acompañarano na sesión o editor Manel Cráneo e o escritor Xavier Alcalá.

Ás 20.00 horas, na Cova Céltica (rúa Orzán, 82) farase a presentación dos proxectos Regeneración e Teima, o xornal e a editorial do anarquismo especifista na Península Ibérica. Ambos os dous foron impulsados neste último ano co obxecto de divulgar o pensamento, os debates e as accións políticas do anarquismo especifista.

No mesmo espazo, ás 20.30 horas, verá a luz o anuario do Seminario de Estudos Libertarios Galegos (SELG), unha revista que recolle algunhas das palestras das catro sesións do SELG celebradas ao longo deste curso, así como textos producidos a raíz dos debates que se xeraron neste tempo nos Grupos de Autoformación Libertaria ao longo do país.

Desde as 21.30horas e ata a medianoite, a actividade da FLAC trasladarase á discoteca do Circo de Artesanía, onde haberá petiscos, música e unha homenaxe, con distintas voces poéticas, a Eugenio Castro, editor e cofundador del Grupo Surrealista de Madrid, falecido o pasado mes de marzo.

Domingo

O domingo, o programa de actividades concentrarase no Circo de Artesáns a patir das 12.00 horas, cando Lurdes Martínez dará a coñecer a súa obra “Recorriendo la ciudad amnésica. Sobre el carácter revolucionario, o no, del vagabundeo en la ciudad postindustrial”, editada por La Torre Magnética.

Ás 12.30 horas terá lugar o obradoiro “Poder Popular e Organización Anarquista no século XXI”, ao cargo da Organizaçao Socialista Libertária de Brasil. Unha hora máis tarde, o editor Mário Rui (Barricada de Livros) presentará “De luto em luta”, unha antoloxía de textos políticos, poemas e contos da anarquista francesa Louise Michel, unha das figuras máis importantes da Comuna de París.

Pola tarde, ás 16.00 horas, o SUTSO de Pontevedra (CGT) presentará o “Semanario anarcosindicalista de información e debate La Campana (1980-2024)”. Ás 17.00 horas será tempo para a palestra de Aarón L. Rivas, que xirará arredor do xornal militante “Novas da Galiza” e as súas dúas décadas de percorrido.

Ás 18.00 horas, Iria Presa falará da xeira anarquista do galego Ricardo Mella, con motivo da edición por parte de Bastiana do seu libro de artigos xornalísticos “Plumazos”. Ás 19.00 horas está prevista unha charla de Rubén Constenla (CNT-AIT), que se presenta baixo o título “As multinacionais deseñando a FP. Naturgy e o módulo de Sustentabilidade”. Como peche, ás 20.00 horas terá lugar a performance “Eu livro”, da artista circense Denise Stolnik.

A feira ao aire libre manterase aberta, ao igual que na xornada anterior, desde as 11.00 ata as 21.00 horas na rúa Boquete de Santo André.

Algunas fotografías dos eventos serán publicadas na conta de  e poderán usarse para a súa difusión.

 

ÚLTIMAS

Solicitan a retirada da Medalla de Ouro ao mérito no traballo ao Conde de Fenosa

Volve o sociólogo, investigador e vítima do franquismo Manuel Monge González, a rexistrar unha...

A Policía propón sancionar a 165 afeccionados polos altercados do Dépor-Málaga

A Policía elevou a un total de 165 afeccionados as propostas de sanción polos...

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here