Nesta voráxine de denuncias dos recortes educativos que a Consellería de Educación leva realizado nos centros educativos do país neste comezo de curso, cómpre parar e facer unha valoración global. Uns recortes que teñen un denominador común: a atención á diversidade é a principal prexudicada coa falta de concreción de auxliares de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, fundamentais nestes tempos nos que as Necesidades Educativas Específicas son cada ver maiores.
Só na Costa da Morte temos colleitado demandas das familias en centros de ensino de Coristanco, Carnota, Corcubión, Dumbría, Laxe, Muxía, Carballo, Cee, Camariñas e Fisterra.
Pero é que se abrimos un pouco a vista, as cifrras son tremendas: este curso a Consellaría reduciu en 80 o número de docentes de PT e AL con destino provisional ao respecto do curso pasado, ao tempo que decidiu non atender as necesidades de atención preferente de máis de 30 centros que así o demandaban e que a CIG-Ensino reclamou na Mesa Sectorial.
Todo a pesar das “mentiras”, como denuncia o sindicato, da Consellería cando anunciaba o Plan MEGA, que intentaba dotar de profesiorado de apoio aos centros que se adherisen. A realidade é que cada vez son máis os centros que se queixan pola falta de Auxiliares, o de Coidadoras asignadas a alumnado concreto con altas NEE pero que non acaban de chegar.
Segundo a CIG “nas prazas adxudicadas do Plan MEGA tan só o 42% delas (69) son de PT e AL, unha cifra xa de por si inferior aos recortes previos”. E ademais, “dentro das prazas de PT a AL do plan MEGA máis do 27% delas son a media xornada, polo que o custe económico do que falamos non é xa de 69 docentes senón do equivalente a 59 salarios a xornada completa”.
Van a máis as críticas do sindicato unha vez que o Plan só inclúe contratos do 10 de setembro ao 30 de xuño, no canto de ser por todo o curso escolar como corresponde a unha interinidade sen persoal substituído), permitíndolle á Xunta aforran un 13% da masa salarial: deste xeito, realmente están gastando o equivalente a 52 mestres e mestras de PT e AL a tempo completo”.
”Este e non outro é o “esforzo” de Educación: aforran cando dotan con menos docentes dos que recortaron en xuño, desatendendo as peticións dos centros”, critican dende o sindicato.
Artigos Relacionados
- Ester Vázquez Blanco: Tocan tempos de repensar o deteito á educación.