Tres acusados de golpear mortalmente a Samuel Luiz, Diego M.M., Alejandro F.G. e Kaio A.S.C., declararon este mércores na Audiencia Provincial da Coruña mostrando arrepentimento os dous primeiros e cun terceiro exculpándose e culpando aos outros dous.
Unha constante a que levamos vendo este mes de xuízo, cos 5 acusados intentando acusarse mutuamente e tratando de evadir responsabilidades e, por suposto, declarándose “inocentes”.
O principal acusado de iniciar a pelexa
“A imaxe que teño é estar a golpear a Samuel”, admitiu Diego M.M. sobre a madrugada do 3 de xullo de 2021 nunha declaración só a preguntas do seu avogado, facéndoo, por momentos, entre bágoas.
“Quero pedir perdón á familia, isto empezou pola miña culpa”, dixo no xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña, con Tribunal do Xurado e despois de que a agresión comezase ao pensar el que Samuel lle estaba gravando cando realmente estaba a facer unha videollamada. “Non recordo” foi unha das expresións máis repetidas por este acusado do que testemuñas afirmaron que chegou a dicir á vítima “voute matar”. “Non sei se patadas e puñadas, non teño nada continuo”, relatou sobre ese día. Para el, como para a súa exmoza, Catherine S.B., á que se considera a persoa que apartou á amiga de Samuel cando tratou de axudar, pídense 25 anos de prisión por delito de asasinato con ensañamento e aleivosía e a agravante de discriminación por orientación sexual da vítima.
“NON LANCEI PUÑADAS”
Para Alejandro F.G., que como o anterior alegou consumo de alcol, e tamén no seu caso drogas, reclámanse 22 anos polo delito de asasinato. “En ningún momento lanceille puñadas”, manifestou para rexeitar, ademais, que soubese artes marciais ou facer a técnica do ‘mataleón’, que se lle atribúe. Isto nun relato con alusión ao seu “arrepentimento” e no que recoñeceu que interveu ao actuar de forma “instintiva” e pensar que alguén se estaba pelexando co seu amigo, Diego M.M. “Só forcexeamos uns segundos, non o tentei afogar nin o estrangulei”, indicou para sentenciar que se se deu conta do que estaba a pasar, en relación aos distintos momentos en que segundo as acusacións se produciu a agresión, “tentouna parar”. “Creo que Samuel non morreu pola miña culpa”, argumentou ademais.
UN ACUSADO CULPA AOS ANTERIORES
Á súa vez, Kaio A.S.C., para o que se reclaman 27 anos por asasinato e roubo do móbil de Samuel, limitou a súa intervención o día dos feitos a un intento de separar aos dous anteriores, aos que situou na agresión. “Nunca o toquei”, asegurou para rexeitar que, como sosteñen policías que visionaron imaxes ou algunhas testemuñas, lanzase unha patada. Isto nunha declaración na que se mostrou sereno e na que unicamente se lle viu emocionado cando falou das peticións que fixo a coñecidos e non coñecidos para que falasen ben del en redes sociais cando se lle vinculaba cos feitos. “Eu sempre estiven máis afastado”, dixo nun relato dos feitos nos que admitiu que colleu un móbil, sen saber que era da vítima, e que se decatou diso por “as noticias”.
VALORACIÓN DOS AVOGADOS
Ao termo das súas declaracións, os seus letrados, a preguntas dos xornalistas, mostráronse satisfeitos. “Relatou sen ningún tipo de molestia o que el viu e viviu esa noite”, indicou o avogado de Diego M.M., que rexeitou que buscase “exculparse”. Na mesma liña, o letrado de Alejandro F.G. sinalou que o seu cliente expuxo a súa versión do sucedido “de maneira coherente coa proba”. “Un relato de feitos diametralmente oposto ao que defenden as acusacións”, apuntou. A defensa de Kaio A.S.C., pola súa banda, considerou que os tres procesados que interviñeron nesta xornada “dixeron a verdade”. “Recoñeceuse a implicación do noso cliente na apropiación dun teléfono que non no roubo”, remarcou.
PETICIÓN DE PENAS
Agora, o xuízo chega esta semana ao seu final. Farao despois de que este xoves as partes personadas (Fiscalía, acusación particular, a familia, e a popular, exercida polo colectivo LGTBI Ás Coruña, ademais das defensas) comuniquen se elevan ou non a definitivas as súas peticións, de condena nuns casos e de absolución noutros. Despois, virá a exposición de informes das acusacións e o venres os das defensas, con entrega do obxecto do veredicto ao xurado o luns que deberá determinar a culpabilidade ou non de cada un dos acusados. E é que os peritos confirmaron no xuízo que Samuel morreu por “múltiples golpes”, por “lesións acumulativas” e non por un só golpe mortal.
Máis novas do caso Samuel
Secuelas psicolóxicas dos pais de Samuel Luiz tras o crime: “A nai case caeu nun suicidio pasivo”
Testemuñas no xuízo de Samuel: “Chamáronlle maricón de merda”
A acusación popular no xuízo pola morte de Samuel : “Foi unha agresión en grupo, unha manda”