Un total de 14 entidades compareceron na comisión da fachada marítima coruñesa constituída de face a deseñar o futuro dos peiraos interiores da cidade, con incidencia nas súas propostas de apostar por un porto ligado á economía do mar.
“O porto ten que seguir sendo o porto, pero cunha reordenación das actividades habituais e futuras”, expuxo o portavoz do grupo municipal do BNG e presidente da citada comisión, Francisco Jorquera, en rolda de prensa ao presentar as conclusións.
Ademais, incidiu, en relación ás mesmas, na coincidencia en que se aproveite este deseño para promover unha cidade “máis verde” en base a un modelo de calidade urbana, con especial coidado da paisaxe e do patrimonio arquitectónico.
Todas as entidades expuxeron, ademais, a necesidade de “consenso”. “De aí a importancia da participación social”, apostilou Jorquera, quen expuxo aprender doutros modelos, pero non “imitalos”.
Ademais, asegurou que para a reordenación dos terreos portuarios é necesario, dixo, en base ás comparecencias, “abordar a débeda do porto”. “Isto por varias razóns: polo seu impacto nas taxas portuarias e nos investimentos a acometer e tamén para evitar que o pago da débeda condicione decisións sobre o futuro dos peiraos”.
Ponencias
A última visita que recibiu a comisión foi a cargo da delegación coruñesa do Colexio de Arquitectos de Galiza, Ruth Varela, quen estivo acompañada polo secretario desta entidade, Emilio Rodríguez Blanco.
Antes, pasaron pola Comisión o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado; o autor do informe da UDC sobre a transformación do porto interior, Carlos Nárdiz; o presidente do Colexio de Enxeñeiros, Camiños, Canles e Portos de Galiza, Enrique Urcola; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Saez; o director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza; os presidentes da Comisión Aberta en Defensa do Común da Coruña e da Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros, Manuel Monge e Paulo Sexto; o patrón maior da Confraría de Pescadores da Coruña, Javier Mariñas; o secretario da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia, Alberto Castro; os presidentes da Lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, e da Asociación de Armadores de Buques Pesqueiros de Galicia, Severino
Ares; o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Miguel Alberto Abelleira Doldán.
A débeda do porto
Para o bo suceso da reordenación dos terreos portuarios é vital -e así o salientaron moitos comparecentes- abordar o problema da débeda do porto. “E isto por varias razón: polo seu impacto nas taxas portuarias e nos investimentos a acometer e tamén para evitar que o pagamento da débeda condicione decisións sobre o futuro dos peiraos”, dixo en alusión á eventual venda de activos.
O porto segue a seguir sendo un motor produtivo pero, en canto aos usos non produtivos, os terreos liberados de actividades estritamente portuarias constitúen unha “oportunidade” para deixar atrás déficits e satisfacer necesidades da cidade e a súa comarca.
Necesidades como a mobilidade -creando aparcadoiros disuasorios e aproveitando os camiños de ferro existentes en San Diego para implantar trens de proximidade e conectalos con outras formas de transporte (bus urbano e metropolitano, ferrys…).
Necesidades tamén ambientais, contribuíndo a equipar a cidade contra as alteracións climáticas –“o porto debe ser barreira de contención ante a elevación do nivel do mar, prevendo zonas de posíbel asolagamento controlado”- e creando zonas verdes para suplir a baixa ratio de espazos naturais por habitante que temos na cidade.
Pouco interese na Vivenda
Canto á vivenda, Jorquera remarcou que “moi poucos comparecentes se centraron neste aspecto”. “De feito”, estendeuse, “houbo comparecentes que manifestaron a súa oposición ou que afirmaron que canto menos vivenda, mellor, pois ao seu xuízo a prioridade debe ser acabar de tecer a cidade consolidada”. “Hai que evitar tamén a construción de guettos para ricos ou a edificación en primeira liña de costa”, criterios que desde logo o BNG comparte totalmente.