InicioA CORUÑAAs traballadoras das residencias privadas reclaman mellores condicións para poder dar unha...

As traballadoras das residencias privadas reclaman mellores condicións para poder dar unha atención de calidade

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Nova mobilización polas rúas da Coruña (é raro día que non haia colectivo denunciando a súa precariedade). Este venres 14 de febreiro, foi o turno da traballadoras das residencias privadas da Coruña e Lugo, que se manifestaron en demanda dun convenio colectivo que dignifique as súas condicións laborais e salariais e na defensa dun modelo de coidados que antepoña o benestar das persoas ao lucro empresarial.
As protestas, convocadas pola CIG-Servizos, dan continuidade ao calendario de accións reivindicativas que o persoal está a desenvolver para desbloquear as negociacións e demandar a intervención da Consellaría da Política Social, como administración responsable do sector.

O persoal saíu en manifestación dende a residencia DomusVi da Cidade Vella até as oficinas da Fundación Amancio Ortega no Obelisco. Para o 28 de febreiro, a CIG xa ten convocada outra mobilización na provincia de Pontevedra.

A CIG denuncia ademais que o modelo de privatización está feito para beneficiar a grandes empresas como DomusVi, tendo en conta a día de hoxe o 70% destes centros son privados.

Precariedade laboral e salarial

As delegadas da CIG lembraron que dende a sinatura do último convenio (2020-2023) por parte de CCOO e UGT, “os salarios perderon un 7,8% do poder adquisitivo ao pactarse subas inferiores ao IPC real. Se a isto lle sumamos o incremento do SMI nestes anos, atopámonos con que a maioría dos colectivos están por debaixo do salario mínimo”. Neste senso, o secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, subliñou que coa última suba, “máis do 70% do persoal que traballa neste sector, unhas 12.000 persoas en Galiza, cobran por debaixo do SMI”.

Denuncian tamén a sobrecarga de traballo que o persoal ten que asumir a causa dunhas ratios obsoletas que non se axustan ás necesidades dos centros “nin permiten que tratemos as persoas residentes como merecen”. “Cando falamos de maltrato ás persoas residentes referímonos a que temos un tempo medido para todo, en cinco minutos non podemos asear e vestir a unha persoa, é imposíbel. E así para todas as tarefas”, denunciou a responsábel do sector en Ferrol, Beatriz Fernández.

Co agravante de que “a Xunta eliminou en decembro pasado a obrigatoriedade de contar coa presenza física de persoal de enfermería as 24 horas, polo que se está pondo o persoal auxiliar de clínica a dar medicación cando non está formado para esta tarefa”, advertiron as traballadoras.

Por iso, na negociación deste convenio, ademais dunha suba salarial digna, a redución da xornada e melloras sociais, unha das principais reivindicacións da CIG refírese a ampliación das coberturas das situacións de IT.

Persoas con doenzas psiquiátricas

Outra das problemática que as traballadoras puxeron enriba da mesa son os problemas derivados da decisión da Xunta de Galiza de ingresar persoas con doenzas psiquiátricas en residencias de maiores debido á falta de centros especializados. “Pero nin estamos preparadas para atender este perfil de usuarios/as, nin os tratamentos que se lle teñen que aplicar están validados, nin os centros están adaptados ás súas necesidades. O estres acumúlase e padecemos situacións insostíbeis”, afirmou Bea Fernández.

Un modelo que beneficia ás grandes empresas: DomusVi

Na mobilización da Coruña, Adolfo Naya, indicou que co percorrido elixido quíxose pór o foco sobre dúas cuestións: dunha banda sinalar a responsabilidade de DomusVi como principal empresa do sector en Galiza, a que ostenta a representación máis relevante na comisión negociadora e a que se nega de maneira máis contundente a asumir ningunha das reivindicacións sociais.

Criticou que a última proposta da patronal, presentada en outubro pasado, foi de auténtica miseria e dende entón non se produciron máis reunións da mesa de negociación. Por iso, xa avanzou que as mobilizacións continuarán e non se descarta a convocatoria dunha folga de cara á primavera.

 

Censurou o desinterese da Consellaría de Política Social pois “aínda que lle solicitamos unha reunión en setembro do ano pasado para tratar a situación do sector, a día de hoxe seguimos sen ter resposta”. “Só se acordan das persoas usuarias das residencias para irlles pedir o voto, para non para revisar en que condicións están e garantir unha atención digna”, rexeitou Fernández.

De aí, salientou, que con estas mobilizacións tamén se reclame que todas as residencias, centros de día e demais servizos sexan públicos “para rematar co maltrato nos coidados ás persoas maiores e dependentes” e que se avance nas condicións laborais para equiparalas ás que xa ten o persoal das residencias de xestión directa.

Máis novas

As traballadoras da Rede de Escolas Infantís Municipais sacan a careta a Borrego

ÚLTIMAS

A Liga dictará se sairá o arco da vella por Riazor

O Dépor masculino agarda o beneplácto de Javier Tebas para reivindicar a diversidade...

A Asociación de Medios en Galego propón un cento de medidas concretas para normalizar o uso do galego

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA), vén de facer público un Informe no...

O Victoria C.F. pide desculpas ante a denuncia por acoso a unha árbritra de 13 anos por parte dun integrante do equipo técnico

O club de fútbol Victoria C.F. emitiu esta tarde de martes 18 de febreiro...

As axudas aos mariscadores do Burgo volven toparse coas disputas partidistas entre Xunta e Goberno Central

Non deixan de saír semanalmente á rúa para esixir ao Goberno central e á...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here