Novo pleno celebrado esta mañá de xoves 13 de marzo no Concello da Coruña, emitido en streaming. Un pleno que tivo como protagonista a planta de Nostián. O PP presentou unha moción despois do anuncio do grupo de goberno da próxima licitación da súa xestión. Un contrato que leva caducado dende 2019 provocando un deterioro continuo da planta pola falta de investimento que acaban sufrindo, sobre todo, os traballadores.
O PP pedía a anulación do contrato transaccional acadado en febreiro entre Concello e Urbaser que dá finalizado o litixio mantido coa concesionaria de Nostián, Albada, a consecuencia da anulación xudicial dos acordos do 2011, e polo cal a débeda de 15 millóns contraída pola empresa coas arcas públicas queda en 8 millóns. “Inés Rey dediciu perdoar 7 millóns de euros a unha empresa privada sen xustificación, beneficiando a unha empresa privada e perxudicar a todos os coruñeses”, denunciou o voceiro popular Miguel Lorenzo na súa intervención despois de debullar a súa cronoloxía dos feitos e recollendo varios informes xurídicos.
Pero PSOE e BNG uníronse nunha emenda de substitución e aprobaron unha transacción, provocando o rexeitamento cos votos dos dous grupos á moción inicial presentada polo PP. Deste xeito, o pleno aprobou a constitución dunha comisión que fará seguimento da licitación do novo contrato da planta.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e voceiro do goberno local, José Manuel Lage Tuñas, fixo a súa cronoloxía defendendo a legalidade do acordo, e sinalando “un xulgado non aprecia vicio algún de ilegalidade nin lesión de interese público nin de terceiros”. Asegurou que este acordo é necesario para “desbloquear a falta de renovación do contrato”, evitando ter que “esperar 10 anos, con grande incerteza, á resolución do Supremo”.
O BNG argumentou a súa emenda, defendendo a necesidade de máis transparencia, como denunciaba ao longo da semana. Curiosa foi a locución de Jorquera, que asegurou presentar “esta emenda porque non queremos que coa planta de Nostián, se cumpla o refrán “entre todas la mataron, y ella sola se murió””.
Jorquera criticou que “o PP está poñendo paus nas rodas a Nostián”, e aceptou o argumento de Lage Tuñas, de que a viabilidade do acordo extraxudicialdepende dun xuíz, que polo de agora, tería garantido que “non sexa lesivo para o interese público”.
Rosa Otero e Moncho Núñez Centella, recoñecidos como Fillos Predilectos
Rosa Otero e Ramón Núñez Centella, dúas figuras clave no desenvolvemento do tecido social e
científico-cultural da Coruña, serán recoñecidos como Filla Adoptiva e Fillo Predilecto da cidade, despois de que o Pleno ordinario do Concello aprobase hoxe, por unanimidade, as dúas propostas de nomeamento. Rosa é unha histórica loitadora social, e ‘Moncho’ Núñez, é o divulgador que sentou as bases dos Museos Científicos Coruñeses.
Mulleres Colleiteiras
Presentou o BNG unha moción sobre o convenio de Mulleres Colleiteiras para a reciclaxe de aceite, pedindo ao goberno que faga o posible por manter vixente un dos mellores exercicios de inserción laboral das mulleres de etnia xitana. Foi rotunda a concelleira de Medio Ambiente e ex responsable da área social, Yoya Neira, loubando a labor das mulleres xitanas pero deixando claro que o Concello “vai seguir a lei”, que “se vai sacar a concurso” e “o contrato o gañará quen mellor oferta plantee”, obviando que se pode realizar un contrato reservado de índole social de 3 anos de duración, para ir traballando na adecuación do convenio e a situción laboral da Cooperativa á nova lexislación.
Periga o convenio municipal de Mulleres Colleiteiras: ”Que intereses hai?”
Outras mocións: Carril Bici dos Mallos ou ruídos na Casa Veeduría
En canto ás mocións presentadas, o PP presentaba unha moción para modificar o proxecto do carril bici na Sardiñeira, ao que o PSOE respondía cunha emenda que foi aprobada co apoio do BNG, polo que a moción do PP saíu rexeitada. “O resultado vai ser espectacular”, aseguraron dende o goberno municipal para defender a obra deixando claro que os criterios técnicos están por diante das queixas da veciñanza.
O PP presentaba tamén unha moción para que se vixíe o ruído na Casa Veeduría, en pleno casco vello, que foi aprobada por unanimidade.