Anuncia o Concello da Coruña os pregos técnicos que rexerán a licitación do Máster Plan Coruña Marítima, que definirá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios da Coruña. Un Plan deberá analizar a zona de servizo do porto, desde o dique de abrigo ata o peirao de Oza, (o Plan exclúe as Xubias) pero que formula unha serie de restricións que de seguro deixa fóra aos colectivos profesionais da cidade.
Ademais dos requisitos establecidos pola lexislación, a Comisión pon enriba da mesa para este concurso “internacional” e “restrinxido” outros requisitos como a esixencia de que os licitadores incorporen profesionais con experiencia en urbanismo, paisaxismo, arquitectura, portos, ferrocarrís e mobilidade, entre outros ámbitos; e obrigará a ter experiencia en traballos semellantes (plans xerais ou de transformacións cunha superficie mínima de 10 hectáreas. Un proceso que, con toda seguridade, impedirá presentarse a grupos de profesionais locais que seguramente coñezan mellor a idiosincrasia da nosa cidade.
Proceso de licitación e adxudicación
Entre todas as proposicións, a Comisión seleccionará 5 candidatos/as mediante unha serie de criterios obxectivos, entre os que figuran a experiencia da empresa, o currículo do equipo nos campos de urbanismo, paisaxismo, arquitectura e enxeñería, e os premios obtidos polas empresas ou polo equipo proposto. Cada unha das cinco candidaturas seleccionadas recibirá unha prima de 80.000 euros por preparar a súa proposta, cun prazo de cinco meses.
Este proceso, cuxas conclusións se presentaron nun acto público o 9 de maio, serviu para mellorar as bases e obxectivos iniciais.
De análise das cinco candidaturas, adxudicaráselle o Máster Plan ao equipo mellor valorado, con criterios obxectivos que avaliarán a calidade técnica da proposta, a súa funcionalidade, os aspectos ambientais e os aspectos económicos.
O prazo estimado para seleccionar o adxudicatario estímase en 12 meses, polo que o concurso estará resolto sobre maio-xuño de 2026. A partir de aí, a empresa gañadora terá un prazo dun ano para presentar o Máster Plan. O orzamento para elaboralo é de 2,6 millóns de euros e incluirá a redacción de diferentes documentos complementarios, entre eles a nova Delimitación de espazos e usos portuarios, a modificación do Plan xeral de ordenación urbana, informes ambientais ou o establecemento de requirimentos para o deseño dun edificio singular que caracterice a intervención
Críticas locais
Ademais das críticas chovidas polo “fraude” do proceso participativo e pola falta de blindaxe da propiedade pública dos terreos, os colectivos sociais implicados no proceso tamén analizan dun xeito profundo este proceso de adxudicación, pois afecta directamente aos profesionais da cidade.
”A principal consecuencia desta forma de selección dos posibles equipos participantes no concurso é que ningún ou case ningún equipo da cidade, ou de de Galicia, terá posibilidades de competir neste proceso”, critican nas súas alegacións presentadas durante o proceso de participación da Comisión o Equipo redactor da Porsuportoproposta ‘Porsuporto’ formado polos colectivos profesionais locais Hábitat Social, Flu-or. Ergosfera e Damián Romay. Un equipo que foi o gañador do concurso convocado polo Concello da Coruña en 2018 (cun xurado onde estaban representados, ademáis de diversas áreas do Concello, os grupos do PSOE, o PP e o BNG locais, Portos do Estado, a Autoridade Portuaria da Coruña, a Xunta de Galicia, o COAG, o CICCP de Galicia ou a ETSAC), que non entenden que, a pesar dos cambios sociopolíticos dos últimos 7 anos, agora fiquen “sen ningunha posibilidade de que as súas ideas poidan sequera competir coas “internacionais””. Todo, a pesar de que o Plan fala sempre da “vocación “coruñesista” do proceso de transformación do porto”. “Por que prescindir destas ideas ou, no mellor dos casos, restrinxilas a unha posición subalterna mediante as usuais subcontratacións dos equipos internacionais aos locais?”, pregúntanse.
”Este peche do concurso a través dun procedemento restrinxido a cinco equipos, o mínimo posible dentro da lexislación, é todo o contrario ás ideas de transparencia e participación”, sinalan. Ademais, se o procedemento restrinxido non sería xustificable nin nun proceso de urxencia, dado o impacto de escala metropolitana e rexional do proxecto, o é menos nun proceso de décadas no que non existe ningunha diferenza entre que o deseño urbano inicial leve 6, 12 ou 24 meses. Nun proceso que comezou hai mais de vinte anos e se desenvolverá durante moitísimos máis, que presa pode haber agora para facer un concurso restrinxido e seleccionar ao peso aos equipos técnicos que podan participar?”, pregúntanse.
E van máis alá. “Entendemos perfectamente que para a clase política un concurso con cinco candidatos entre os que estean, por exemplo, David Chipperfield ou Batlle i Roig, é moi vistoso e mediático”, sinalan en relación ao polémico proceso das Xubias. “E ninguén dubida de que seguramente farían boas propostas, pero no caso do porto da Coruña non hai ningún motivo para querer evitar a priori que as propostas destes grandes equipos teñan que demostrar a súa valía fronte as que poidan presentar equipos máis pequenos e locais cuxa experiencia e coñecemento do territorio a transformar non se pode medir en volume de negocio, curriculum ou experiencias profesionais noutros espazos portuarios”.
Non escoitados
As alegacións durante o proceso de participación pública que non foron escoitadas, sinalaban unha petición clara: “Que en lugar dun concurso por procedemento restrinxido se convoque un concurso no que as ideas de orixe local poidan competir coas nacionais e internacionais”.
Máis novas
Lembran que as bases estratéxicas do Plan Coruña Marítima volve omitir a titularidade dos terreos
O “evento cidadán” da Comisión Coruña Marítima búrlase do significado de participación cidadá
Análise: Que foi do interese xeral na reordenación urbanística da fachada litoral nas Xubias?