InicioBARRIOSAnálise: Que foi do interese xeral na reordenación urbanística da fachada litoral...

Análise: Que foi do interese xeral na reordenación urbanística da fachada litoral nas Xubias?

Publicada o

Por editor

Moito se ten falado das Xubias dende que en xullo o Concello lle entregaba as chaves do barrio ao fondo de investimento suizo Ginko. A reacción da sociedade é patente se ben ninguén agardaba unha atención mediática tan directa, xa que dende a reforma da praza central do barrio realizada en 2015 polo goberno de Carlos Negreira, ninguén volvera reparar no lugar, que sofre un profundo abandono en materia de servizos e infraestruturas.

Porén, nos dous últimos meses, o barrio concentra numerosas protestas veciñais, críticas da oposición e mesmo unha moción para rexeitar o convenio asinado con Ginko aprobada en pleno.

Non se entenden pois, as presas, por resolver, a través dun convenio cun fondo de investimento privado, a rehabilitación dunha zona que forma parte da fachada marítima da cidade da Coruña, mentres se desenvolven paralelamente as comisións do Plan Director de tan trascendente reforma urbanística. Un fondo de investimento que leva anos mercando parcelas na zona e que tiña como asesora a que estivo a piques de ser a Directora do propio Plan Director, imputada no Caso Koldo ou no caso dos “trens cántabros que non cabían polos túneles”, e con vínculos con investimentos inmobiliarios como o plan urbanístico de Visma-A Gramela.

O proceso ademais bota polos aires unha modificación urbanística puntual aprobada na Xunta de Goberno local e marzo de 2022, pero que nunca se levou a pleno para a súa ratificación, e que supón unha redución da edificabilidade de 633 vivendas previstas no PXOM de 2008, a 241. Unha redución da edificabilidade pouco rentable para os intereses especulativos de Ginko, que nas súas aparicións en prensa aseguraba que seguirán a única normativa vixente a día de hoxe, a de 2008.

Diferentes colectivos veciñais están a denunciar no trámite de información pública a falta de transparencia por parte do goberno municipal na información dispoñible do convenio, especialmente no referido os acordos conciliatorios sobre o polígono de estaleiros Valiña.

Pero o que é realmente sorprendente é a decisión do goberno municipal de deixar en mans dun fondo investidor o plan e execución urbanística de gran parte deste delicado sector urbano da ría, cando iniciara unha ambiciosa modificación do plan xeral do ámbito para formular novos parámetros urbanísticos máis sostibles.

Colectivos e partidos políticos din que se pon en risco a potestade urbanística municipal, o interese xeral, ante o mero interese particular dun fondo privado que pretende transformar ao seu antollo unha peza esencial do territorio litoral da ría, obrigando á Administración municipal a desistir, privatizándoa, da súa iniciativa de modificación do PXOM.

Competencias en materia de litoral e dominio público marítimo-terrestre, ferroviarias, de protección xeral do medio ambiente e mesmo de estratexia de país na Nova Axenda Urbana, parecen poñerse en dúbida ante esta actuación urbanística “doutra época”, que está a desatar serias preocupacións en moitos sectores da cidade e a súa contorna. Facemos un repaso aos procedementos burocráticos que tivemos ata agora.

2021-2022

O 5 de novembro de 2021 o Pleno do Concello da Coruña adoptou o acordo de “Suspensión cautelar da tramitación de plan de desenvolvemento, instrumentos de equidistribución, urbanización e licenzas no ámbito do API S-35 Ría do Burgo”, (Diario Oficial de Galicia de 17.12.2020), acordo que comprendía a suspensión da tramitación do plan de desenvolvemento e instrumentos de equidistribución e urbanización dos polígonos incluídos no ámbito, e das correspondentes licenzas de nova edificación, parcelamento e demolición; todo iso co fin de incoar o expediente de estudos e análises de parámetros para unha posible Modificación Puntual do PXOM no ámbito API S-35 (plan incorporado do PXOM de 1998 e modificado neste sector o 01.10.2008 ).

A Xunta de Gobierno Local do Concello da Coruña, en sesión celebrada o 3 de marzo de 2022, aprobaba a continuación o documento borrador da “Modificación Puntual API S-35 Ría do Burgo”, xunto co seu Documento Ambiental Estratéxico. O principal obxectivo da modificación constituíao a definición dunha nova ordenación do ámbito baixo os principios de desenvolvemento territorial e urbano sostible e de cohesión social, fundamentada nos principios desenvolvidos no artigo 3 do Real Decreto Lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Solo e Rehabilitación Urbana, as determinacións da Lei de Costas, a Estratexia de Adaptación ao cambio climático da costa de España e a “Nova Axenda Urbana” (Hábitat lll, 2016) da ONU, aos que habería que engadir a Axenda Urbana de España, a Axenda Territorial Europea e a Nova Carta de Leipzig.

Con data 17 de xuño de 2022, a Xunta de Galicia emite o preceptivo informe ambiental estratéxico, non observando necesario someter o procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria o borrador de modificación puntual aprobado polo Concello da Coruña.

O informe recoñece que o ámbito forma parte da fachada marítma da cidade, no que conviven edificacións colectivas (A Pasaxe, Xubias de Arriba) con grandes equipamentos (hospital materno infantil ou o centro educativo Santa María del Mar), pequenos barrios de vivendas unifamiliares (Xubias de Abaixo), edificios catalogados, hortas de cultivo, zonas industriais en desuso (estaleiros Valiña, conserveira Celta) e vías de comunicación.

Sinala que case todos os terreos insírense no Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL), e que malia non formar parte de espazos naturais protexidos, a contorna próxima goza de valores naturais e paisaxísticos, estandop a ría do Burgo identificada no Inventario de Humidais de Galicia como complexo húmido.
Ademais, o PXOM vixente catalogou varios bens do patrimonio cultural existentes no ámbito.

O propio borrador da modificación puntual aprobado pola Xunta de Gobierno Local xustificaba esta necesidade (punto 6 da memoria informativa) en base ao esgotamento dos prazos de execución da ordenación vixente e o deber da súa adaptación á normativa urbanística actual, así como a distintas estratexias e documentos internacionais que aconsellan un cambio no desenvolvemento urbano.

A alternativa 3 (seleccionada) partía da análise das anteriores alternativas e procuraba rebaixar a presión urbanística, rebaixando a edificabilidade desde os 0,72 vixentes ata 0,239 m2/m2, coa consecuente redución da superficie de aproveitamento, que no plan vixente está en 92.563,69 m2 e quedaría reducida ata os 32.020,00 m2, e proxectándose un total de 241 novas vivendas (na modificación do 2008 prevíanse 633), unha redución do 62,5%.

A proposta tamén prevía a creación dunha senda litoral metropolitana peonil e ciclista fronte á ría que comunique a praia de Oza co Burgo, dun novo viario que enlaza o Hospital Materno coa zona da Pasaxe, así como dunha área de rehabilitación integral que incluiría edificacións da barriada das Xubias de Abaixo.

Nunha inaprazable estratexia para unha mellora substancial da mobilidade metropolitana, o trazado ferroviario actual debe preservarse para a posta en marcha con urxencia dun novo servizo de cercanías na conca da ría.

Agosto 2024

No Diario Oficial de Galicia número 158 do pasado 19 de agosto anunciouse, poderiamos dicir que con total sorpresa, para información pública o Convenio urbanístico mixto de plan e execución urbanística para a renovación urbana e posta en valor do espazo litoral dos polígonos RB1, RB2 e RB3 e dos núcleos Xubias de Arriba e Xubias de Abaixo da ría do Burgo, subscribido entre a Alcaldesa e o representante da empresa Castro de Oza SL (unha empresa recén constituida en 2023 e propiedade do fondo Ginkgo con sede en Luxemburgo, cun capital social de 3.000€) e autorizado pola Xunta de Gobierno Local o mesmo 30 de xullo deste ano.

A elaboración dun Plan Especial coma este permitiría aprobar o proxecto por maioría simple no pleno en lugar da maioría absoluta que requiriría unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Sinala o convenio que é o seu obxecto “a axilidade da xestión urbanística” posibilitada pola existencia dunha propiedade única ou maioritaria sobre os ámbitos de Solo Urbano Non Consolidado (SUNC), mediante a exclusión dos ámbitos descritos da Modificación puntual do PXOM que iniciara o propio Goberno municipal, habilitando así un plan especial a presentar e executar pola propia mercantil, que foi adquirindo desde a súa recente constitución polo fondo de investimento GINKO PARTICIPATIONS III/III S.A.R.L. o total de parcelas descritas no convenio durante, casualmente, os dous anos de “parón” na tramitación da modificación puntual do PXOM que, con informe ambiental autonómico positivo, o Goberno local nunca levou a aprobación inicial do Pleno.

De forma clara figura no convenio como obriga principal do Concello (estipulación novena, i.), adoptar os acordos e disposicións necesarias para excluír todos os ámbitos obxecto deste da Modificación Puntual do PXOM API S-35 Ría do Burgo.

Máis novas sobre as Xubias

O bronco pleno rexeita convenio co fondo de investimento para urbanizar as Xubias

A veciñanza das Xubias trasládalle ao BNG o seu malestar pola falta de información directa do Concello

A renuncia de Isabel Pardo de Vera a dirixir o plan estratéxico e o proxecto Coruña Marítima

A veciñanza das Xubias e a plataforma cívica Defensa do Común presentan alegacións ao convenio de Ginko

A Coruña cede a rehabilitación integral do barrio das Xubias a un fondo de investimentos

ÚLTIMAS

Olladas doutro tempo: Praza de Ourense

Unha fotografía de Sellier a pé de rúa é o máis parecido a unha...

Primeira edición do ‘Encontro de Música Aberta’ na sede dos Estudos Mans, unha cita na que conectar o sector musical galego con todos os...

A primeira edición do Encontro de Música Aberta, organizado pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza, terá...

Un simposio sobre Luísa Villalta na Coruña profunda na figura e obra da autora homenaxeada nas Letras 2024

A Real Academia Galega continúa este mes de novembro coa súa programación sobre Luísa Villalta, autora...

Un home enfróntase a 6 anos de prisión por abuso sexual a menor e delito continuado de ‘sexting’

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña xulgará o luns, día 4, a un home...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here