O Concello da Coruña investirá un millón de euros no plan de melloras previsto no parque de Santa Margarita, que sae a concurso este mércores despois da súa aprobación na Xunta de Goberno local.
Así o informou, ao termo da mesma, a alcaldesa, Inés Rey. Cunha superficie de máis de 78.000 metros cadrados, o parque rexistrará unha nova transformación coa renovación e adaptación de camiños e ampliación de mellora de equipamentos, entre outras actuacións como a ampliación da zona de xogos infantís.
Noutra orde de asuntos, informou tamén da aprobación da nova convocatoria de axudas que permitirá acometer actuacións de rehabilitación en catro contornas de rehabilitación programada: Cidade Vella-Pescadería; o grupo de vivendas de María Pita, as Casas de Franco e o Barrio das Flores. A convocatoria inclúe un orzamento de máis de cinco millóns de euros.
Ademais, este venres deuse o visto e prace para que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) tramite o proxecto de interese autonómico que permitirá a creación de 4.300 vivendas protexidas no Monte Mero. Será de cara á construción de vivenda pública.
Así mesmo, aprobouse a saída a concurso das obras necesarias para crear unha fonte lúdica en Novo Mesoiro, a primeira deste tipo na Coruña e que suporá un investimento de 130.000 euros.
Por outra banda, A Coruña, Arteixo e Culleredo reforzarán a súa colaboración coa construción dunha gran zona deportiva na Zapateira. O tres concellos concorrerán xuntos a unha subvención autonómica. A proxectada zona deportiva de Montegolf aumentará así, informan, a súa oferta de lecer e deporte.