Delegadas e delegados da CIG realizaron unha concentración este mércores diante do Sección de Mediación, Arbitraje y Conciliación (S.M.A.C.) da Coruña (en fronte do IES Zalaeta) para manifestar o seu apoio ao presidente do comité de Carpintería Ramón García de Ordes e para reclamar a súa readmisión inmediata.
A central sindical denuncia que se trata dun “caso evidente de represión contra o traballador polo simple feito presentarse ás eleccións pola CIG, gañalas e desenvolver a acción sindical que lle corresponde como representante legal dos traballadores e traballadoras”.
O proceso de conciliación xa rematou, pero continúa aberto o proceso continuará no que a CIG demanda que se declare a nulidade do despedimento.
O secretario comarcal da Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña, Mario Maceiras, explicou que este traballador asumiu en 2023 a representación da central sindical nesta empresa e no ano 2025, despois de gañar as eleccións, foi elixido presidente do comité. “A partir dese momento, censurou, a empresa comeza cunha campaña de persecución e acoso contra del, até finalmente executar o seu despedimento”.
Maceiras chamou a atención sobre a carta de despedimento coa que a carpintería pretende xustificar a súa decisión “de 19 páxinas cheas de falsidades e nin unha soa proba dos comportamentos e feitos que lle atribúen”. Por iso considerou que con esta medida, a única intención da empresa “é liberarse do seu principal referente sindical”.
Criticou a postura da dirección de Ramón García que non só se “pecha en banda a sentar a falar e escoitar ningunha das nosas demandas, senón que incluso está nunha escalada de negarlle a lexitimidade ao propio comité no seu conxunto, utilizando o despedimento do presidente deste órgano como elemento para rexeitar calquera tipo de acordo cos delegados e delegadas”.
