«Era un home moi observador, tanto cos nenos como cos detalles do mundo que o rodeaba». Así era o debuxante Joaquín Salvador Lavado Tejón —Quino—, autor da universal Mafalda. Precisamente, na exposición Quino na música, que se pode visitar estas semanas en Palexco (A Coruña) como parte do festival Viñetas desde o Atlántico, a mirada íntima de dous sobriños do artista, Guillermo e Diego Lavado, engádelle unha nova capa de lectura á obra do xenio do humor gráfico. Ademais de seren comisarios da exposición e depositarios da súa memoria familiar, os irmáns Lavado relatan nesta entrevista a dimensión máis humana, próxima e afectiva do seu tío.
«Foi moi próximo para todos nós. Non tivo fillos, así que dalgún xeito ocupamos ese lugar», recorda Guillermo. «Era un home moi observador, tanto cos nenos como cos detalles do mundo que o rodeaba», engade. Esa capacidade de observación, que lle servía para construír situacións cheas de humor, ironía ou crítica social, víase tamén nas relacións familiares: «Tiñamos con el unha relación que cambiaba co tempo, desde unha infancia sensorial ata unha adolescencia chea de cine, música e conversas profundas».
Diego subliña que Quino era tamén unha ponte cara ao exterior: «Nós viviamos nunha vila de Mendoza, e el traía os discos dos Beatles, dos Rolling Stones, noticias, cultura… Era un tío internacional que volvía de Europa cargado de mundo».
A CEA CO OBREIRO
Un dos momentos máis emotivos do testemuño é o recordo da súa reacción tras recibir o Premio Príncipe de Asturias en 2014: «Despois de rexeitar varias invitacións, decidiu ir cear cun obreiro que lle reformara o seu piso de Madrid anos antes. Fíxolle un debuxo e dedicoullo. Ese era el: humano, agradecido, sinxelo».

Na exposición, Diego tamén lembra a importancia da obra manual do artista: «Todo o que se ve colgado é da súa man. Non usaba ordenador, cada trazo é seu, feito cunha plumiña. Iso, hoxe, emociona». Entre os obxectos que gardan como verdadeiros tesouros están os seus lentes, os seus lapis e as súas ferramentas de debuxo.
MUNDO MAFALDA
Sobre os personaxes de Mafalda, Guillermo asegura que «todos teñen un 90 % de Quino», desde Felipe e Manolito ata Susanita. Guille, o máis novo da tira, está inspirado no propio Guillermo Lavado, o sobriño, pero el recoñece que nunca falaron diso directamente por «pudor familiar».
Finalmente, reflexionan sobre o papel da música na obra do seu tío: «Para Quino e para Alicia —a súa esposa—, a música foi central. Eran melómanos. Hai viñetas con referencias técnicas á música de cámara, á dirección orquestral, aos conflitos do intérprete. Todo iso faino cun coñecemento e unha sensibilidade que parecen os dun músico profesional», sinala Diego.
A mostra Quino na música pode visitarse en Palexco (A Coruña) ata o 21 de setembro, como parte da programación do festival Viñetas desde o Atlántico 2025. Comisariada por Judith Gociol e Guillermo Lavado, e producida inicialmente polo festival Còmic Nostrum de Palma de Mallorca, esta é a primeira vez que se presenta na Península, da man de Viñetas desde o Atlántico.