O Recorda Fest converteu este sábado A Coruña nun grande escenario de lembranzas, emocións e festa sen freo. Dende media tarde, co público comezando a facer fileira para entrar ao recinto, ata ben entrada a madrugada cos últimos acordes de Henry Méndez, a cidade viviu unha xornada marcada pola diversidade musical e pola sensación de estar asistindo a algo irrepetible. Esta era a mellor despedida de verán que podía ter a urbe herculina, cun festival que foi consolidándose nos últimos anos coma unha das grandes citas do calendario musical galego, que volveu demostrar que a música ten o poder de xuntar xeracións distintas nun mesmo lugar. Familias, grupos de amigos e turistas compartiron a experiencia, desfrutando dun cartel que mesturaba nostalxia e novedades. A noite prometía emocións fortes e cumpriu sobradamente, con momentos que quedarán na memoria de todos os asistentes.
POP SOLEADO E NOSTALXIA TELEVISIVA CON EFECTO PASILLO E FRAN PEREA
O comezo da xornada correu a cargo de Efecto Pasillo, que puxo ao público a bailar co seu pop luminoso e os seus himnos cargados de bo rollo. Soaron temas como ‘Pan y mantequilla’ ou ‘No importa que llueva’, que acenderon as primeiras palmas e sacaron sorrisos aos asistentes que xa enchían a parte dianteira do recinto. Tras iso, a nostalxia de toda unha xeración apareceu da man de Fran Perea, que saltou á fama pola mítica serie de televisión ‘Los Serrano’, con clásicos que fixeron cantar a coro aos asistentes como ‘Uno más uno son siete’ ou ‘La chica de la habitación de al lado’. A comuñón co público foi total, especialmente entre os que medraron vendo a serie.
A BANDA SONORA DE TODA UNHA XERACIÓN CON DESPISTAOS E LEIRE MARTÍNEZ
Despistaos mantivo a enerxía coa guitarra e os temas que marcaron a primeira década dos 2000: ‘Física o química’, a banda sonora da serie homónima que triunfou entre os adolescentes de arredor do 2010, foi coreada a pleno pulmón e ‘Gracias’ convertiuse nun emotivo momento que lembrou a forza do pop rock español desa época. Antes do anoitecer, Leire Martínez, voz de La Oreja de Van Gogh durante máis dunha década, deleitou cun repertorio cheo de sensibilidade e lembranzas compartidas, onde non faltaron cancións como ‘El último vals’, ‘Inmortal’ ou ‘Jueves’, que fixeron que se emocionase un público que a acompañou en cada palabra. Ademais, Leire tamén cantou a dúo con Fran Perea, un momento histórico para o pop español.
O GRAN MOMENTO DA NOITE: ÁLVARO DE LUNA, ENTRE EMOCIÓN E POTENCIA
A iso das nove e media da noite, chegou un dos intres máis agardados do festival: Álvaro de Luna saltou ao escenario. O artista confirmou por que é un dos máis grandes do momento, mesturando baladas cheas de emoción con estribillos coreados por todo o recinto. ‘Juramento eterno de sal’ convertiuse nun auténtico himno colectivo e ‘Todo contigo’ reafirmou a súa conexión coas novas xeracións. O seu carisma, as súas palabras de agradecemento a Galicia e a súa proximidade co público convertiron a súa actuación nunha das máis intensas da noite, cun ambiente que oscilou entre a complicidade íntima e a euforia masiva.
UN ESPECTÁCULO ÚNICO EN GALICIA: ‘LA REINA DEL FLOW’, A SERIE DE NETFLIX
E se había un concerto marcado en vermello no almanaque de moitos e moitas, ese era o de ‘La Reina del Flow’. Por primeira vez en Galicia, o fenómeno musical colombiano fixo vibrar a cidade da Coruña cun espectáculo explosivo que trasladou aos fans ao universo da exitosa serie de Netflix. Non faltaron himnos como ‘Perdóname’ ou ‘Depredador de amor’, que puxeron a milleiros de voces a cantar ao unísono, ademais de mesturas de reggaeton, trap e pop urbano que deron forma a un directo cheo de forza. O momento máis agardado, sen dúbida, chegou con ‘Reflejo’. A actuación foi moito máis que un concerto: foi unha experiencia irrepetible, cun show coidado ao detalle e unha posta en escea que levantou a todo o festival, convertíndose nun dos grandes fitos da noite.
DE KATE RYAN AO FESTÓN FINAL CON JUAN MAGÁN E HENRY MÉNDEZ
A belga Kate Ryan encheu de enerxía eurodancee a madrugada cos seus grandes éxitos dos 2000, abrindo paso á recta final máis bailable do Recorda Fest. A quenda de Juan Magán, pasada a unha da madrugada, desatou a euforia colectiva: ‘Bailando por ahí’ e ‘He llorado (como un niño)’ foron coreados como auténticos himnos de festa, mentres ‘Mal de amores’ e ‘Si no te quisiera’ convertiron a explanada nunha pista de baile. Un set que lembrou por que segue sendo un dos grandes nomes da música urbana latina. Para pechar, Henry Méndez prolongou a festa ata aproximadamente as catro da madrugada, cun repertorio no que conviviron bachata, reggaeton e pop urbano. ‘El tiburón’ e ‘Rayos de sol’ acenderon as últimas forzas do público, que bailou coma se a noite non tivera fin, poñendo así o broche final a unha noite que quedará gravada na memoria do público coruñés.