Non calma a situación nas oficinas de Correos da cidade. Despois de meses de mobilizacións, os sindicatos volven denunciar a “gravísima situación que se está a vivir nas oficinas de reparto da Coruña”. Dende a CIG consideran que é unha “consecuencia directa das políticas de aforro irresponsables aplicadas por Correos nos últimos meses”.
Estas medidas, aseguran, “están a provocar unha acumulación masiva de envíos e unha carga de traballo insostible para as empregadas e empregados públicos”.
“A falta de contratacións, xunto coas xubilacións, baixas e vacacións sen cobertura, está a obrigar aos traballadores a asumir, de xeito habitual e non puntual, varias prazas sen substitución. Esta situación está a xerar un desgaste físico e mental xeneralizado, que xa non pode ser ignorado. Correos ten a obriga moral e legal de empregar todos os medios dispoñibles para solucionar este problema con urxencia”, alertan.
As cifras
O sindicato pon cifras á situación de acumulación das oficinas da cidade:
- Unidade de Reparto 1 (códigos postais 15001, 15002, 15003, 15004 e 15005): 6000 notificacións e 18.000 cartas sen repartir. Dunha plantilla de 38 empregados públicos, soamente están traballando 14 na quenda da mañá e 3 na tarde.
- Unidade de Reparto 3 (rúa Entrepeñas, códigos postais 15010 e 15011, os barrios máis poboados da cidade): 12.000 envíos acumulados e 4.000 notificacións sen repartir. De 22 persoas de plantilla, soamente hai 11.
- USE da Coruña (paquetería de toda a cidade): 7 traballadores no turno de mañá (1 con redución de xornada) e unha situación igualmente precaria na tarde.
- Resto de unidades: Menos do 50% da plantilla e acumulados entre 4.000 e 5.000 envíos.
O sindicato denuncia a carga sufrida o pasado mes de agosto, con traballadores insuficientes tendo que asumir 3 barrios cada un.
Esixencias
Por todo isto, dende a CIG piden á dirección de Correos que “tome conciencia de inmediato e adopte medidas urxentes e eficaces para solucionar esta situación insostible”.
Pide, sobre todo “a ampliación inmediata das plantillas, coa contratación de persoal necesario para cubrir as necesidades reais do servizo”, asi como “a cobertura de todas as baixas, xubilacións e vacacións, garantindo que ningún traballador teña que asumir cargas de traballo desproporcionadas”.
En paralelo considera necesario a “posta en marcha de plans de prevención de riscos laborais que protexan a saúde física e mental dos empregados”, e un “compromiso real e transparente por parte da empresa para mellorar as condicións laborais e garantir un servizo público de calidade para a cidadanía”.
Máis novas
Os traballador@s de Correos protagonizan unha “folga histórica”