InicioMOV. SOCIAISUn ciclo de cine, un mural e unha exposición en Oleiros contra...

Un ciclo de cine, un mural e unha exposición en Oleiros contra o xenocidio do pobo palestino

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Segue a ser o Concello de Oleiros unha das entidades públicas de todo o estado máis comprometidas no seu apoio co pobo palestino. Dende hai anos as comunicación oficiais ou os paneis informativos de todo o Concello levan alertando sobre a ocupación, agora xenocidio, do goberno sionista israelí sobre o pobo palestino. O Concello segue organizando actividades para concienciar á poboación e prepara un ciclo de cine e un mural para estes días.

Cicle Amal x Palestina

O auditorio da Fábrica, en Perillo, acolle os días 19, 20 e 21 de setembro, a mostra de cine “AMAL X PALESTINA 25”, co obxecto de visibilizar a realidade do pobo palestino a través do cinema, promovendo a reflexión crítica sobre a ocupación, a resistencia e os dereitos humanos. O ciclo trae a Oleiros as películas palestinas máis importantes que formaron parte da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o pasado mes de outubro. Consta de dúas ficcións e un documental –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán–, que supoñen un percorrido polo mellor cine palestino da actualidade.

AMAL X PALESTINA trata principalmente a identidade, a resistencia cultural e as realidades sociais do pobo palestino. Baixo o lema “Existir é resistir”, a programación céntrase na resistencia do pobo palestino e na súa historia de resiliencia nun contexto de conflito. Os filmes desta edición exploran a situación de Palestina e a súa xente, unha realidade que transcende o contexto actual e se remonta a 1948, cando deu comezo un conflito histórico que marcou profundamente a vida de millóns de persoas.

A primeira sesión será o venres, 19 de setembro, coa película “The Teacher” ás 20:00 horas; o sábado, 20 de setembro, proxectarase a ficción “To a Land Unknown” ás 20:00 horas; e o domingo, 21 de setembro, a xornada contará coa proxección do documental “Bye Bye Tiberias” ás 12:00 horas; todas elas producións de gran recoñecemento en festivais cinematográficos internacionais.

Ciclo Cine Amal x Palestina en Oleiros

O acceso a todas as proxeccións é libre e gratuíto. A Fundación Araguaney-Puente de Culturas e o Concello de Oleiros organizan esta mostra de cine euroárabe.

Un gran mural e unha exposición de nenos gazatíes

Así mesmo, o domingo inaugurarase a exposición Heart of Gaza e nos próximos días procederase ao pintado dun mural de grandes dimensións na rúa Arafat. Este domingo ás 12:00 horas na Fábrica, procederase á inauguración da mostra Heart of Gaza. Memorias dun neno palestino. Esta exposición, exposta xa en cidades de todo o planeta, está formada por distintos debuxos realizados por nenos gazatíes nos que expresan a súa percepción do xenocidio que están a sufrir, incluíndo por desgraza tamén pinturas dalgúns nenos asasinados polo exército de Israel. A mostra poderá visitarse ata o 3 de outubro.

Por outro lado, nos próximos días, a artista Xoana Almar realizará un mural de grandes dimensións na rúa Yasser Arafat. Baixo o título Cestola na Cachola, a base é un poema titulado No tronco dunha oliveira do poeta palestino Tawfiq Zayyar, e do que toma o seu nome. Nel fálase da necesidade de deixar constancia de toda a inxustiza vivida, de darlle saída ao sufrimento, deixar gravada a memoria para que non se esqueza. Ademais inspiraranse en imaxes de Isaac Díaz Pardo, nas que rostros e mans captan á perfección a rabia e impotencia fronte á inxustiza pola que nesta caso está a atravesar o pobo palestino.

Exposicion Heart of Gaza en Oleiros

Cine no Forum

Na mesma liña, este mesmo sábado 20 de setembro ás 19.00h. proxectan na Sala Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano o filme “No other land”, o filme oscarizado de Yuval Abraham, Basel Adra, Hamdan Ballal e Rachel Szor, de 2024. Proxección que vai acompañada dun coloquio con Mohamed Safa, médico oftalmólogo e escritor palestino. Require entrada.

Ademais, na Asoc. Oza-Gaiteira-Os Castros organiza un visionado do filme de Rafael Rangel, “Gaza, la franja del exterminio”, para a tardiña do luns 6 de outubro, ás 19:00h no Forum.

Filme Gaza en Oza

 

 

Mohamed Safa: ”Non queremos unha loita étnica, isto é unha guerra anticolonialista”

ÚLTIMAS

Jevaso, o “xigante textil” que crece por fóra pero se baleira por dentro

A de Jevaso é unha desas historias de "éxito empresarial" que nace ao amparo...

A RPT e os autónomos chegarán ao pleno coruñés con mocións de BNG e PP

Este xoves 6 de novembro volve haber pleno en María Pita, e os asuntos...

O Ateneo Republicano de Galicia retoma a actividade co Arnau Fernández Pasalobos

O Ateneo Republicano de Galicia retoma actividade da man de Arnau Fernández Pasalobos, que...

A Agrupación Ío organiza unha charla sobre a protección do medio espacial

O Planetario da Casa das Ciencias da Coruña acolle este martes 4 de novembro...

1 COMENTARIO

  1. Boa tarde, relacionado con esta temática, o sábado 20 de setembro ás 19.00h. proxectan na Sala Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano o filme “No other land” de Yuval Abraham, Basel Adra, Hamdan Ballal e Rachel Szor, de 2024. Proxección que vai acompañada dun coloquio con Mohamed Safa, médico oftalmólogo e escritor palestino. Require entrada. Graciñas.

    Do 17 ao 20 de setembro de 2025 – VII EDICIÓN DO CICLO DE CINEMA SOBRE EMIGRACIÓN E REFUXIO “OS OLLOS ABERTOS”. HORARIO proxeccións: 19.00 h + info: ongaire.org
    día 17 – BIDASOA, de Fermín Muguruza. Documental, España 2023, 71 minutos. Non recomendada para menores de 12 anos
    día 18 – CODE INCONNU, de Michael Haneke. Con Juliette Binoche e Thierry Neuvic. Francia 2000, 117 minutos. Apta para todos os públicos
    día 19 – L’HISTOIRE DE SOULEYMANE, de Boris Lojkine. Con Aou Sangare e Nina Meuisse. Francia 2024, 92 minutos. Non recomendada para menores de 12 anos
    día 20 – NON OTHER LAND, de Yuval Abraham, Basel Adra, Hamdan Ballal e Rachel Szor. Con Yuval Abraham e Basel Adra. Palestina 2024, 95 minutos. Non recomendada para menores de 16 anos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here