InicioMOV. SOCIAIS“A Carreira da Muller”: repensando a solidariedade desde a diversidade

“A Carreira da Muller”: repensando a solidariedade desde a diversidade

Publicada o

Por “A Carreira da Muller”: repensando a solidariedade desde a diversidade
  • Artigo de Eva Ovenza Pereira, psicóloga especializada en políticas públicas de igualdade de xénero

— — —

Cada ano, milleiros de persoas participan na Carreira da Muller, un evento deportivo e solidario que busca visibilizar a loita contra o cancro de mama e recadar fondos para a súa investigación. O que comezou como unha iniciativa de apoio e concienciación converteuse nun fenómeno social de gran alcance. Porén, o seu impacto non está exento de aspectos que cómpre revisar desde unha perspectiva de xénero crítica, positiva e transformadora.

Entre os elementos máis valiosos destaca o impulso á investigación dunha enfermidade que afecta maioritariamente a mulleres e que, durante décadas, foi infrarrepresentada nos estudos médicos. A carreira promove o deporte feminino, a ocupación do espazo público e a creación de redes de apoio entre mulleres, xerando espazos de diálogo, empatía e concienciación social sobre a saúde, os coidados —médicos, físicos, mentais, familiares e comunitarios— e a prevención do cancro de mama.

Con todo, tamén existen aspectos que merecen unha revisión máis profunda. A estética rosa e a visión binaria que predominan no evento reforzan estereotipos sobre o feminino asociados á docilidade e á fraxilidade, invisibilizando outras formas de ser muller e excluíndo a persoas trans, non binarias ou mesmo homes con cancro de mama. A falta de linguaxe inclusiva en moitas edicións, que se dirixen exclusivamente a “mulleres” sen aclarar se se inclúen identidades diversas, reproduce unha visión cisnormativa do xénero. Ademais, algunhas marcas poderían aproveitar o evento como escaparate publicitario, sen compromiso real coa causa nin coa igualdade, convertendo a solidariedade en marketing emocional.

Para que a Carreira da Muller sexa unha ferramenta de transformación social real, cómpre introducir cambios que garantan a inclusión e o respecto á diversidade. É fundamental empregar unha linguaxe clara e inclusiva que incorpore símbolos e cores que representen a pluralidade de corpos e vivencias; establecer protocolos que aseguren a participación en condicións de igualdade; e ofrecer categorías abertas para homes, persoas non binarias e acompañantes, permitindo que familias e amizades corran xuntas, visibilizando a importancia dos apoios.

Tamén, sería positivo visibilizar os dorsais solidarios como ferramenta simbólica para expresar que a causa é de toda a sociedade, independentemente do sexo, xénero ou identidade das persoas participantes. Do mesmo xeito, poderíase mellorar a accesibilidade para garantir a participación plena de persoas con discapacidade cognitiva, sensorial ou física, incorporando percorridos adaptados, sinalización sinxela con opcións auditivas e subtitulados, espazos de descanso e regulación sensorial, así como a eliminación de barreiras dixitais nos procesos de inscrición e comunicación.

A transparencia na xestión dos fondos recadados —a través das inscricións, dorsais solidarios, patrocinios, colaboracións e stands— e a información clara sobre o seu destino deberían constituír un compromiso público e verificable, como mostra de responsabilidade coas persoas participantes e ética social.

A nivel estratéxico, sería oportuno desvincular o evento da promoción de produtos asociados a estereotipos sexistas como a cosmética, produtos de hixiene feminina íntima, descontos en marcas de moda, beleza ou alimentación “fit” que asocian a saúde con cánones estéticos corporais, tradicionalmente ligados ás mulleres, e traballar exclusivamente con marcas e empresas patrocinadoras que avalen o apoio á investigación do cancro e sexan responsables coas políticas de xénero a través da súa responsabilidade social corporativa. Só así se poderá garantir que o evento teña un compromiso real coa igualdade.

Así mesmo, cómpre revisar os slogans e mensaxes comerciais, creando un código ético comprometido co cancro de mama e coa igualdade de xénero. Frases como “Hoxe gañan as chicas” poden resultar infantilizantes para as mulleres sobreviventes de cancro e banalizar a complexidade da enfermidade.

A Carreira da Muller pode e debe evolucionar cara a unha proposta máis plural, crítica e transformadora. Non abonda con correr por unha causa tan importante como o cancro de mama: cómpre correr cara a unha sociedade igualitaria e diversa que recoñeza todas as formas de ser, de existir e de resistir.

eva ovenza
  • Eva Ovenza Pereira. Psicóloga especializada en políticas públicas de igualdade de xénero.

Máis artigos de Eva Ovenza

ÚLTIMAS

O Concello da Coruña saca a licitación a elaboración do Plan de Normalización Lingüística

O Concello sacou a licitación a asistencia técnica para elaborar o Plan de normalización...

De quen é a Casa Escariz?

A da Casa Escariz é unha historia singular. O mítico edificio que preside a...

Novas inundacións na Coruña tras as fortes chuvias

Os episodios localizados de fortes choivas que se rexistraron na tarde deste xoves en...

Música tradicional, obradoiros, baile e folck na tradicional Romaría de Santa Margarita

A Romaría de Santa Margarita pechará este fin de semana a programación das Festas...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here