O Consello de Ministros autorizou o convenio entre a Xunta, a Autoridade Portuaria da Coruña, Augas de Galicia e o Concello de Arteixo para mellorar a rede de saneamento do porto exterior de Punta Langosteira.
Mediante este acordo, permitirase a construción dun novo colector interceptor de augas Suevos-Bens en Arteixo que permitirá: por unha banda, a conexión do porto exterior da Coruña co sistema de saneamento de Arteixo; por outro, satisfacer a necesidade da Autoridade Portuaria de construír unha estación de bombeo situada na chaira do porto para recoller as augas residuais producidas en todo o recinto portuario.
A obra require un investimento de 2,7 millóns de euros e será cofinanciada pola Autoridade Portuaria da Coruña –que achegará 518.000 euros–, a Xunta de Galicia e o Concello de Arteixo. Será executada por Augas de Galicia. Con esta obra, preténdese tamén solucionar os problemas de capacidade na rede provocados polo aumento da auga nas tubaxes en Arteixo, debido á conexión co polígono industrial de Morás, que provoca desbordamentos puntuais en Suevos cando hai grandes choivas.